|
Actualidade / Opinión
Santiago, 21 de febreiro de 2005
Dez apuntamentos rápidos do
día seguinte ao referendo do Tratado constitucional europeo e unha reflexión final
A reflexión máis importante que se
pode facer desde Galiza do referendo deber ter como centro a posta en valor do significativo rexeitamento do actual
proceso de construción europea: 120.000 votos, que adquiren a súa dimensión real acarón
dunha alta abstención e duns votos en branco que aumentaron cinco puntos a respecto dos últimos procesos
electorais. 120.000 votos de plena consciencia nun escenario terribelmente polarizado en volta do SI.
| |
 |
| Con todos os condicionamentos desta campaña,
e cos poderes do Estado (non só o político) lanzados á conquista do SI e da maior participación
posíbel, sen triunfalismos, coa autocrítica necesaria mais con certo orgullo, podemos dicir que unha
boa parte dos sectores máis dignos e consecuentes do pobo galego expresaron a súa vontade de resistencia
á Europa neoliberal que se quere consagrar no Tratado constitucional europeo. |
| |
Apuntamento un. 4 de cada 10 galegos chamados a exercer o seu dereito ao voto no referendo constitucional
do 20 de febreiro de 2005 deron o seu SI á pregunta "Aproba vostede o Tratado polo que se estabelece
unha Constitución para Europa?". O referendo apenas tiña carácter consultivo e nunca
vinculante.
Apuntamento dous. Máis de 1.300.000 galegos optaron por non acudir ás urnas. Isto
representa case o 57% do electorado no noso país.
Apuntamento tres. Dos que decidiron votar (o 43%), uns 184.000 (case o 19%) decidiron opcións
diferentes do SI: 120.000 NON (12,2%) / 64.000 (6,5%) en branco.
Apuntamento catro. A xente nova (de 18 a 35 anos) foi case con toda seguridade a que menos se mobilizou
á hora de ir votar.
Apuntamento cinco. Como tendencia xeral, a proporción do SI é maior no rural galego
que nas zonas urbanas.
Apuntamento seis. En Galiza só o nacionalismo galego impulsou de xeito relevante a opción
negativa ao Tratado constitucional europeo.
Apuntamento sete. Tanto en Galiza como no Estado, os diversos poderes (político, económico,
mediático...) apostaron claramente polo SI como único voto posíbel no referendo. Mesmo a campaña
institucional en favor da participación agachaba unha clara tendenciosidade a prol da opción afirmativa.
O voto NON representaba pois un voto profundamente ideolóxico e, en certa maneira, case “anti-sistémico”.
Apuntamento oito. A campaña a prol do NON foi impunemente silenciada, cando non burdamente
deturpada e estigmatizada, a niveis intolerábeis desde todas e cada unha das esferas do poder. O NON asimilábase
a illamento de Europa e á marxinalidade social.
Apuntamento nove. Nas pasadas eleccións europeas, de xuño de 2004, o BNG obtivo
por volta dos 140.000 votos, o que significaba unha porcentaxe do 12,8%.
Apuntamento dez. A campaña desenvolvida polo nacionalismo galego foi dunha intensidade
media-baixa e con sectores minoritarios do BNG posicionados activamente do lado dos que pedían o SI.
Desde logo que son moitas as consideracións
e análises que se poden facer despois de calquera proceso político que se determine nunhas urnas,
e tamén o son no contexto do referendo da Constitución europea. E é obvio que as haberá
que facer, sobre todo desde a perspectiva que nos interesa a nós (a do nacionalismo galego).
Mais, ao meu ver, a reflexión máis
importante ten como centro a posta en valor do significativo rexeitamento do actual proceso de construción
europea: 120.000 votos que adquiren a súa dimensión real acarón dunha alta abstención
e duns votos en branco que aumentaron cinco puntos a respecto dos últimos procesos electorais. 120.000 votos
de plena consciencia nun escenario terribelmente polarizado en volta do SI, sen posibilidade ningunha de afrontar
un debate real, en torno a ideas e concepcións do proceso europeo.
Con todos os condicionamentos desta campaña,
e cos poderes do Estado (non só o político) lanzados á conquista do SI e da maior participación
posíbel, sen triunfalismos, coa autocrítica necesaria mais con certo orgullo, podemos dicir que unha
boa parte dos sectores máis dignos e consecuentes do pobo galego expresaron a súa vontade de resistencia
á Europa neoliberal que se quere consagrar no Tratado constitucional europeo.
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2005.
Rafa Villar é escritor e responsábel
do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
|