Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 26 de febreiro de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Naufraxio do “Siempre Casina”: Non nos resignamos

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Abertas están aínda moitas das interrogantes sobre o naufraxio do “Siempre Casina”, interrogantes referidas a que foi o que pasou co barco, mais tamén a cal foi a actuación desenvolvida desde o dispositivo que ten que actuar en labores de salvamento. A máis que posíbel tardanza na posta en marcha deste dispositivo, a falta de tripulación de refresco nos helicópteros que participaban no rescate ou que os equipos de mergulladores tiveran que vir de lugares como Cartaxena ou Alacante debuxan o escenario dunha xestión moi cuestionábel por parte das autoridades á hora de faceren fronte á situación.



  Clic para aumentar
Son estes momentos para a solidariedade coas familias e amigos, co pecio fondeado e ancorado no interior da ría de Viveiro e os mergulladores traballando na recuperación dos corpos dos mariñeiros. Mais son tamén momentos para a reflexión, desde a intensa emotividade de sentir como moi próximos sucesos coma este. E é que non nos podemos resignar a pensar que isto foi, é e será sempre así.
 
Oito mariñeiros mortos e un só sobrevivente é o estarrecedor saldo dun novo naufraxio nas nosas costas, o do “Siempre Casina”. Só hai uns meses, en xuño de 2004, noutro pesqueiro, “O Bahía”, deixaran a vida outros dez homes do mar.

Son estes momentos para a solidariedade coas familias e amigos, co pecio fondeado e ancorado no interior da ría de Viveiro e os mergulladores traballando na recuperación dos corpos dos mariñeiros.

Mais son tamén momentos para a reflexión, desde a intensa emotividade de sentir como moi próximos sucesos coma este. E é que non nos podemos resignar a pensar que isto foi, é e será sempre así.

Cobra vital importancia que desde as administracións se actúe eficazmente para garantir de vez a seguridade dos traballadores e traballadoras no mar, comezando pola Xunta de Galiza, quen debería reclamar con firmeza e obter o maior grao posíbel de competencias posíbel en materia de seguridade e salvamento marítimo.

E obtidas as competencias, pór os medios humanos e técnicos axeitados, que posibiliten a axilidade na actuación que requiren estas situacións de emerxencia, na que cada minuto que pasa pode significar nada máis e nada menos que unha vida humana. Axilidade pero tamén dilixencia e eficacia nestes labores. E a isto desde logo non axuda que parte das actuacións nos casos do salvamento marítimo estean en mans privadas e non estean no dominio dos servizos exclusivamente públicos, co fin de evitar que unha vez máis o lucro estea por riba da seguridade.

Abertas están aínda moitas das interrogantes sobre o naufraxio do “Siempre Casina”, interrogantes referidas a que foi o que pasou co barco, mais tamén a cal foi a actuación desenvolvida desde o dispositivo que ten que actuar en labores de salvamento. A máis que posíbel tardanza na posta en marcha deste dispositivo, a falta de tripulación de refresco nos helicópteros que participaban no rescate ou que os equipos de mergulladores tiveran que vir de lugares como Cartaxena ou Alacante debuxan o escenario dunha xestión moi cuestionábel por parte das autoridades á hora de faceren fronte á situación.

Estas e outras interrogantes deberían ter resposta nunha investigación que se ten que abrir xa e que nun tempo razoábel dea conta das cousas do naufraxio, determine a eficacia ou non nas actuacións de salvamento e propoña medidas que intenten evitar que os naufraxios nas nosas costas sexan unha especie de maldición bíblica contra a que non se poida facer ren. Sobre todo, porque non é nin moito menos certo.

As altísimas taxas de sinistralidade no mar que soportamos os galegos e galegas, co resultado de perdas de vidas humanas, teñen causas e moitas son coñecidas hai tempo, só que os diferentes gobernos e administracións parece que prefiren ollar para outro lado. Non nos resignemos.


Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/02/2005