|
Actualidade / Opinión
Santiago, 4 de febreiro de 2005
DESDE
O VENTRE
DA BALEA
Resaca dun debate no Parlamento español
Nin as bravatas da dereita españolista,
nin a actual incapacidade do PSOE no Goberno para abrir as canles precisas para unha negociación aberta
sobre a cuestión da reformulación do Estado, van impedir que avance o proceso político iniciado
polas nacións do Estado, sobre os eixos de afondar na experiencia democrática e de facer valer os
seus dereitos como suxeito político.
| |
 |
| O pasado martes 1 de febreiro de 2005 o Parlamento
español foi escenario propiamente dito do debate arredor da proposta de reforma do Estatuto político
da Comunidade de Euskadi, proposta que viña avalada pola maioría absoluta do Parlamento vasco e que
foi defendida no pleno do Congreso dos Deputados polo presidente electo vasco, o lehendakari Ibarretxe. |
| |
O pasado martes 1 de febreiro de 2005 o Parlamento
español foi escenario propiamente dito do debate arredor da proposta de reforma do Estatuto político
da Comunidade de Euskadi, proposta que viña avalada pola maioría absoluta do Parlamento vasco e que
foi defendida no pleno do Congreso dos Deputados polo presidente electo vasco, o lehendakari Ibarretxe.
Do debate, dos argumentos duns e outros, dos contraargumentos,
penso que cómpre tirar dúas conclusións interesantes: a primeira ten que ver coa alta percepción
democrática que teñen as organizacións nacionalistas presentes na Cámara (con mención
expresa do nacionalismo galego representado polo BNG), fronte ás dificultades dos partidos españolistas
en conxugar democracia coa súa particular visión unitarista e centralista do Estado español
(léase, España). A segunda das conclusións refírese á determinación das
nacións do Estado, dos seus representantes políticos nas institucións españolas, de
afrontaren unha nova era nas relacións de España coas devanditas nacións.
Certo é que as propostas, os ritmos e os
intereses parecen diferir entre galegos, vascos e cataláns, pero non é menos certo que si están
abocando a unha reformulación do actual Estado nunha clave en que a soberanía das nacións
vai ser o obxecto fundamental de discusión.
E sobre iso é difícil que haxa marcha
atrás. Nin as bravatas da dereita españolista, nin a actual incapacidade do PSOE no Goberno para
abrir as canles precisas para unha negociación aberta sobre a cuestión, van impedir que avance o
proceso político iniciado polas nacións do Estado, sobre os eixos de afondar na experiencia democrática
e de facer valer os seus dereitos como suxeito político.
Con todo, haberá que ver o percorrido de
cada unha das propostas, pensando ademais que desde a perspectiva galega só o nacionalismo parece estar
disposto a iniciar o camiño que conduza a un novo Estatuto, a un Estatuto de Nación, que verdadeiramente
se asente sobre maiores cotas de soberanía. Algo que encaixa perfectamente coas necesidades reais que ten
Galiza, e a súa cidadanía -e polo tanto, a clase traballadora-, de desenvolver a súa vitalidade
como nación e territorio en ámbitos que van desde o económico e o social até o cultural
e lingüístico.
Ou por dicilo en palabras do deputado nacionalista
Francisco Rodríguez no debate sobre a proposta de reforma do Estatuto político da Comunidade de Euskadi:
“acreditamos que [o pobo galego] é unha fonte de dereitos políticos e que ten que ser un punto de
referencia para as institucións do propio país e un espazo de decisión política propia”.
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2005.
Rafa Villar é escritor e responsábel
do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
|