|
Actualidade CIG-Comunicación-
A CIG considera que neste conflicto demostrouse que os procesos de negociación precipitados e sen transparencia levan a situacións complicadas aos traballadores. Miguel Malvido, secretario nacional da Federación de Metal, afirma que “a forma en que se negociou levou aos traballadores a un caleixón se saída, onde a posibilidade de sentarse de novo a negociar era moi difícil e implicaría para os traballadores unha loita custosa en tempo e en esforzo mobilizador”. Cun panorama como este, e tendo en conta que 68 traballadores son maiores de 55 anos, explícase que 139 traballadores, frente aos 112 que votaron en contra, aceptaran o plan social pactado entre a UGT e a dirección de Valeo, a proposta do mediador, logo dunha semana -entre o pasado martes 25 de xaneiro e o martes 1 de febreiro- de duros enfrontamentos. O plan social recoñece aos traballadores o dereito a cobrar unha indemnización de 45 días por ano traballado máis 12.000 euros. Esta indemnización é de 36.000 euros para os traballadores entre 52 e 55 anos. Os maiores de 55, até os 59 anos sairán prexubilados co 86% do salario, cunha revalorización anual do 2,5% e os maiores de 60 anos terán o 95% do salario. Ademais, 30 traballadores serán recolocados en O Porriño e outros 15 en outras plantas do Estado. A proposta do mediador, UGT e Valeo chegaban a un preacordo, o 25 de xaneiro, que debía ser ratificado polos traballadores da factoría ourensá. O xoves 27 de xaneiro convócase unha asemblea na que os catro sindicatos explican aos traballadores como foi o proceso de negociación e cal foi a postura defendida por cada un deles. UGT queda completamente desautorizada, porque os traballadores néganse a celebrar un referendo con só os catro puntos do preacordo asinado polos representantes deste sindicato e a empresa e sen coñecer polo miúdo o seu alcance. O venres día 28 de xaneiro, os traballadores reunidos novamente en asemblea, na Asociación de Empresarios de San Cibrao, expulsan da xuntanza ao mediador de UGT. Ese mesmo día o conxunto do Comité de Empresa asina a acta na que se recollen demandas a Valeo, a maiores das recoñecidas no plan social acordado. En nome da empresa, Veronique Bounad, directora de Recursos Humanos da División Citroën Peugeot envía un fax en ton ameazante aos traballadores nos que se afirma que “se o documento de preacordo non se asina esta noite polos presentes e o referendo e o seu resultado non está rematado antes das 14:00 horas, a empresa sentirase libre para tomar as medidas necesarias e retirar a oferta aceptada que foi proposta polo mediador o 25 de xaneiro de 2005”. Ao saír da Asociación de Empresarios, os traballadores acordan celebrar unha asemblea na que deciden agardar pola resposta da empresa á nova proposta recollida na acta asinada polo Comité. Deciden ademais presentarse o luns, 31 de xaneiro, a traballar con total normalidade e adoptar as medidas necesarias se a empresa está pechada (tal como se recolle no texto remitido pola directora de Recursos Humanos). Durante o fin de semana sucédense as chamadas desde o Consello Galego de Relacións Laborais para que o domingo se celebre unha reunión entre o comité de empresa e os representantes de Valeo, posibilitando que a empresa dea unha contestación á proposta dos traballadores. Os representantes de Valeo comunican que manteñen a súa posición incial e informan da súa disposición a non mover absolutamente ningún dos puntos recollidos no plan social. Sen acordo entre as partes, a empresa abre igualmente as portas o luns. Esa mesma mañá reúnese o comité, a mediodía celébrase unha asemblea para informar do acontecido e convócase unha nova asemblea para as 20:30 horas dese mesmo día, na que se acorda celebrar o referendo o martes 1 de febreiro ás 12:30 horas. Coa empresa sen intención algunha de negociar, valorando as dificultades de manter no tempo as mobilizacións e os custes que estes terían para os traballadores, finalmente apróbase ese plan social con 139 votos a favor e 112 en contra. A pesar de non ser un acordo satisfactorio, nin para os traballadores que votaron a favor, foi a mobilización do conxunto do cadro de persoal a que posibilitou que se melloraran as condicións ofertadas inicialmente pola empresa. Hai que lembrar que Valeo tiña intención de pechar o 31 de decembro sen recoñecer unha parte importante dos aspectos que recolle este plan social. Débese destacar tamén que este foi o peche que máis caro lle custou á multinacional francesa. A historia de Valeo Ourense acaba aquí, pero a precaria situación industrial da provincia e a súa capital continúa. Agora será responsabilidade da Xunta de Galiza crear as condicións para que novas empresas se asenten en Ourense e para que se creen os postos de traballo necesarios para mantela viva.
Acta da reunión extraordinaria de Comité de Empresa Ourense, a 28 de xaneiro de 2005. Intervén Luís Blanco para dicir que os membros da UGT no comité de empresa avaliaron presentar a dimisión. Como queira que iso suporía a posíbel perda de representatividade do Comité de Empresa non o fixeron coa idea de non prexudicar ao colectivo. Toma a palabra Miguel Malvido dicindo que a dimisión de UGT non é boa pois hai que buscar unha saída conxunta ao problema. José Luís Lobato entende que o mandato da asemblea do día anterior é incluír no futuro preacordo unha serie de puntos. Hai unanimidade en intentar que esta reunión sexa construtiva para o cal non se falará de temas pasados nin de reproches entre as partes. Acórdase consensuar uns puntos a incluír no preacordo. Os devanditos puntos serán negociados e defendidos pola totalidade dos membros do Comité de Empresa, sen prexuízo de que, chegado o momento, se analice a situación da negociación. Os puntos a exixir á empresa son os posteriormente referidos. Activos: Que nun prazo de dous anos todos aqueles bens inmobles que a Empresa Valeo posúe en Ourense non poidan ser vendidos, alugados nin cedidos a menos que se recoloque nas devanditas instalacións unha porcentaxe non inferior ao 40% dos traballadores de Valeo que nese momento estean en situación de desemprego, e enténdense como traballadores de Valeo aqueles afectados polo ERE que deu paso ao peche da factoría. O Porriño: Solicítanse 40 postos de traballo no Porriño. Terán preferencia aqueles traballadores comprendidos entre 45 e 51 anos, agás que non se cubran as prazas ofertadas, caso no que serán ofertadas ao resto dos traballadores de Valeo Ourense. Así mesmo considérase imprescindíbel que o traslado de persoal ao Porriño non afecte aos traballadores desta factoría, para o cal se ten que dotar de carga de traballo de abondo á empresa de destino. Ademais, a empresa ten que se facer cargo dos gastos da contratación dun autobús para o persoal que teña que desprazarse de Ourense ao Porriño. Caso de peche da factoría do Porriño, a xente desprazada terá a opción de acollerse aos acordos de Ourense. Anos de servizo: Entenderase como anos de servizo a suma de todos aqueles contratos que non fosen indemnizados á súa finalización. Empresa de recolocación: Que os postos de traballo ofertados sexan con contratación indefinida e con garantía de preservar unha porcentaxe de salario non inferior ao 85% do que se posuía en Valeo Ourense. Prexubilacións: Que se garanta que a porcentaxe sobre o neto ofertado sexa efectivamente cobrado. Así mesmo que a posíbel perda do subsidio de desemprego non afecte ao traballador. Que o persoal que cumpra 60 anos ao longo de 2005 teña o mesmo tratamento de prexubilación que os comprendidos entre 60 e 65 anos. En todo caso, os traballadores en idade de prexubilación poderán optar por aceptar esta ou recibir a indemnización xeral pactada. Indemnizacións: Que o persoal de 50 e 51 anos teña o mesmo tratamento que o colectivo comprendido entre 52 e 54. Que a indemnización de 2.000 euros brutos non estea condicionada á colaboración na finalización dos labores para o peche da fábrica. En relación ao pacto primeiro na redacción do preacordo débese suprimir o seguinte literal “recoñecendo as causas do art...”. Actualización das táboas salariais en todos os conceptos no 1.2%. A UGT manifesta que, con independencia de que defenderá e loitará pola consecución de todos os puntos anteriores, chegado o momento e, de acordo co compromiso adquirido cos traballadores, someterá a referendo o acordo. PROPOSTA INDEMNIZACIÓN: 45 días por ano de servizos cun tope de 125.000 euros máis un complemento de 12.000 euros. Coa excepción dos traballadores de 52 a 54 anos que percibirán unha indemnización de 45 días por ano de servizo máis un complemento de 36.000 euros. Estes traballadores poderán optar entre percibir esta indemnización ou subscribir polo mesmo importe un plan de rendas. PREXUBILACIÓNS: De 55 a 59 anos garántese o 86% do salario neto até os 63 anos. De 60 a 65 anos, o 95% do salario neto até os 65 anos. RECOLOCACIÓNS: Con carácter voluntario recolocaranse na fábrica de Porriño 30 traballadores e noutras divisións do grupo 15 traballadores. Os traballadores recolocados en Porriño ao chegar á idade de 55 anos poderán acollerse á prexubilación nas condicións anteditas. A empresa facilitará a recolocación da parella acreditada en caso de traslado do traballador. Terán preferencia de recolocación os traballadores comprendidos entre 45 e 51 anos de idade.
En Ourense, a 28 de xaneiro de 2005. REUNIDOS Dunha parte, a Dirección da Empresa VALEO SISTEMAS DE CONEXIÓN ELÉCTRICA, S.L. e no seu nome e representación Octavio SÁNCHEZ ARANZÁBAL, en calidade de director de Recursos Humanos E doutra, o Comité de Empresa do centro de Ourense: As partes comparecentes conveñen en expor os seguintes, ANTECEDENTES PRIMEIRO.- Con data 25 do outubro de 2004 informouse por parte da empresa da decisión de proceder ao peche do centro de traballo de Ourense e por iso iniciar unha negociación sobre o devandito extremo. SEGUNDO.- Que desde esa data se sucederon unha serie de reunións nas que as partes discutiron sobre o peche, así como sobre as condicións en que finalmente se produciría este segundo é de ver nas actas que refliten o período de consultas. TERCEIRO.- Que en data do 22 de decembro de 2004 se presentou o expediente de regulación de emprego afectando a 258 traballadores e tres centros de traballo, o centro de traballo de Ourense, de Madrid e de Barcelona. CUARTO.- Que nesa data se acadou un preacordo que será sometido á aprobación maioritaria dos traballadores en referendo que se celebrará como moi tarde o día 28 de xaneiro de 2005 antes das 14.00 horas. QUINTO.- As partes conviñeron os seguintes PACTOS PRIMEIRO.- A representación dos traballadores e a representación da empresa, recoñecendo as causas do artigo 51.1 do ET, acordan o seguinte plan social: A) PLAN DE PREXUBILACIÓNS Os traballadores de 60 anos ou máis, os nomes dos cales constan no anexo 1, acolleranse a un plan social de prexubilación que lles garante unha cantidade equivalente ao 95% do seu salario neto mensual calculado sobre a base do promedio dos seis meses anteriores á extinción do contrato e até que cumpran os 65 anos de idade ou acaden a pensión mínima derivada da situación de desemprego e un complemento que será aboado pola Compañía de Seguros que se contrato para o efecto. Ademais incluirase o Convenio Especial coa Seguridade Social. Este terá unha revalorización do 2,5% anual. Os traballadores de 55 anos até os 59 anos incluídos, os nomes dos cales constan no anexo 2, acolleranse a un plan de prexubilación que lles garante unha cantidade equivalente ao 86% do seu salario neto mensual calculado sobre a base do promedio dos seis meses anteriores á extinción do contrato e até que cumpran os 63 anos de idade en que accederán á situación de xubilación anticipada. Esta porcentaxe componse da prestación pública derivada da situación de desemprego e un complemento que será aboado pola Compañía de Seguros que se contrate para o efecto. Ademais incluirase o Convenio Especial coa Seguridade Social. Este terá unha revalorización do 2,5% anual. B) INDEMNIZACIÓNS Os traballadores non incluídos no Plan de Prexubilacións percibirán unha indemnización de 45 días de salario por ano de servizo cun máximo de 125.000 euros brutos, utilizando como base de cálculo o salario dos 12 meses de traballo anteriores á extinción do seu contrato de traballo. Así mesmo, percibirán unha indemnización adicional de 2.000 euros brutos que se aboará aos traballadores pola súa colaboración na finalización dos labores para o peche da fábrica até o día 28 de xaneiro de 2005. Ademais do anterior e atendendo ás especiais características da área xeográfica onde se sitúa a empresa, isto é, a provincia de Ourense, e nomeadamente o nivel de desemprego da devandita rexión, aqueles traballadores que nesta data cumpriran 52 anos ou máis e non estean incluídos no plan de prexubilación exposto no punto anterior (A) recibirán unha compensación adicional de 24.000 euros brutos. Este colectivo poderá optar por subscribir coa súa indemnización un plan de rendas polo importe total da cantidade a percibir. C) RECOLOCACIÓNS Coa fin de reducir os efectos da medida extintiva, a Empresa comprométese a mitigar as consecuencias desta e oferece recolocar en outras empresas pertencentes ao grupo VALEO a un máximo de 30 traballadores no Porriño e 15 en outras divisións nas seguintes condicións: - Mantemento da súa antigüidade para todos os efectos. Acollemento ao Convenio Colectivo e ás condicións laborais (xornada, horario, réxime de primas e quendas, etc.) que resulten de aplicación no centro de destino. - A posíbel mingua salarial que no cómputo anual eventualmente puidera producirse como consecuencia da novación contractual será compensada mediante unha indemnización calculada aplicando a fórmula legal prevista no artigo 56 do Estatuto dos Traballadores, tomando, non obstante, como módulo salarial indemnizatorio a diferenza existente entre o salario percibido na actualidade e o salario do centro de destino. Esta regra terá a excepción dos traballadores que entren a formar parte do cadro de persoal do Porriño, aos que se lles manterá o nivel salarial actual. Para os anteriores efectos, estabelecerase un complemento persoal equivalente á diferenza resultante da aplicación das condicións económicas existentes no Porriño de carácter persoal non absorbíbel nin compensábel con futuros incrementos salariais. - Aboamento dunha indemnización compensatoria pola modificación das condicións laborais e do traslado, a tanto alzado e por unha soa vez, por importe bruto de 9.000 euros, agás no caso do Porriño, en que a indemnización será de 6.000 euros. Non obstante, se producido o traslado o traballador causase baixa voluntaria durante os doce meses seguintes a este deberá reintegrar á Empresa a parte proporcional correspondente ao período que reste. - Así mesmo, a Empresa aboará os gastos derivados do traslado de mobiliario e pertenzas até 50 metros cúbicos segundo a política da compañía, previa acreditación da factura correspondente, así como os derivados do traslado do traballador e familiares que convivan con este. - Os traballadores que aspiren a ser recolocados deberán notificalo á empresa como máximo por todo o día 10/02/05, para incorporarse se é o caso á empresa de destino o día 20/2/05. - Unha vez recibidas as solicitudes que se centralizarán na Dirección de Recursos Humanos de Ourense e examinados estes, realizarase o proceso lóxico de selección dando preferencia ao persoal con idade comprendida entre os 45 e 52 anos. - O persoal que opte pola recolocación no Porriño poderá prexubilarse á idade de 55 anos. - Aos traballadores que opten pola recolocación noutras divisións e a súa parella tivese un traballo, facilitarase a colocación da devandita parella. - O persoal que opte pola recolocación non percibirá as indemnizacións do anterior parágrafo B) dadas as garantías pactadas. D) DATA DE EXTINCIÓN A data xeral de extinción será o 31 de xaneiro de 2005, sen prexuízo de que a algúns traballadores se lles extinga o seu contrato con posterioridade á data xeral por razóns organizativas. Até esta data os traballadores colaboran nas tarefas para o peche ordenado da fábrica, sen prexuízo do tempo necesario para a celebración do referendo e asembleas informativas. SEGUNDO.- O presente preacordo deberá ser ratificado non máis tarde do 28 de xaneiro de 2005 antes das 14:00 horas, momento no cal se procederá a subscribir o acordo definitivo nos termos estabelecidos no presente documento para que se proceda a medida de extinción de contratos. E en proba de conformidade, as partes asinan o este documento. |
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/02/2005 |