Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 8 de febreiro de 2005

Uruguai: Problemas sociais, problemas humanos
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Clic para aumentar
O deterioro das infraestruturas humanas e materiais é unha constante no Uruguai dos derradeiros coarenta anos.
 
“A xente excluída non ten historia” (Hugo Cores)



Visitounos Hugo Cores na Galiza. Deu unha interesante exposición na Confederación Intersindical Galega en A Coruña e Vigo. Son devoto do Uruguai. Lembro as cartas que o irmán do meu bisavó materno mandaba dende Montevideo. Os selos dos sobres, o monumento da “carreta cos bois”. Terra de acollida, con progresistas e innovadoras leis sociais para os seus traballadores, que durante moito tempo foron os nosos.

Con 3.399.237 habitantes en 176.220 quilómetros cadrados a historia de Uruguai é parte da historia nosa, por iso, desexamos ser responsábeis, para ben, do seu futuro.


Ao bordo do despoboamento, os uruguaios marchan

Uruguai chegou á vida independente, en 1830, con só 74 mil habitantes, é dicir, un habitante cada 2,5 quilómetros cadrados. Esta despoboación do país explicaba a cantidade de campos desertos e as queixas dos industriais pola falta dun poxante mercado consumidor interno. Cando se realizou o primeiro censo, en 1852, o país contaba con 132 mil habitantes a pesar dos efectos cruentos da prolongada Guerra Grande. A primeira vaga forte de inmigrantes chegou a fins do século XIX e principios do XX, permitindo á República atravesar en 1908 o limiar do millón de habitantes.

Dos 52 millóns de imigrantes que cruzaron o Atlántico entre 1824 e 1924, 11 millóns chegaron a América do Sul. A metade escolleu como destino á Arxentina, o 37 por cento o Brasil, e o 5 por cento o Uruguai, distribuindose o 9 por cento restante entre os demais países latinoamericanos. Nun principio foron case todos españois, galegos, bascos, italianos e franceses, e despois comezaron a vir de lugares 'menos tradicionais', como Europa central e do Leste (Polonia, Ucraína, Rusia). Non pasou moito antes de que aquel país de 'portas abertas' puxese as súas primeiras leis restritivas á imigración, e isto aconteceu desde 1932 até 1936 Estas leis restritivas chegaron a ter un forte compoñente xenofóbico.

  Clic para aumentar
Mapa político de Uruguai.
Clic para aumentar
Uruguai dende o satélite.
 
A derradeira vaga de inmigrantes chegou ao Uruguai despois da segunda guerra mundial, principalmente composta por galegos, italianos, e xente de Centroeuropa, a partir desta data a inmigración parou de xeito significativo. O caso uruguaio difire doutros, como o arxentino, pois este país ten a peculiaridade de que a partir de 1960 pasou de ser un país receptor de migración, a ser un emisor absoluto de emigrantes.

Durante a década que vai de 1960 a 1970 os uruguaios emigraron fundamentalmente cara a Arxentina, Estados Unidos, Canadá, Venezuela, Australia e países europeos. A diferenza entre o comezo e a fin de século é importante: o abraio dos uruguaios en 1914 ao saberen que despois de cinco anos o país contaba con 200 mil persoas máis, das cales 110 mil eran estranxeiras, emigrantes recentemente chegados, e doutra banda o desacougo vivido cando se coñeceu que 200 mil persoas emigraron entre 1963 e 1975 por razóns políticas e económicas. Deste gran continxente que partiu durante os sesenta e setenta o 75 por cento moraba en Montevideo, e o 50 por cento tiña entre 15 e 29 anos. A maioría formaba parte do sector privado da economía, e o 10 por cento estaba fortemente cualificado (científicos, técnicos, licenciados universitarios). Durante este período o país perdeu un 7,2 por cento da súa poboación total, un 18 por cento da súa poboación de entre 20 e 29 anos, un 14,4 por cento dos licenciados universitarios, un 17,4 por cento dos seus profesionais, técnicos, xerentes e administradores de nível superior, e un 27,9 por cento da súa ocupación industrial. Tomando só a poboación de Montevideo, os datos son máis alarmantes: 12,1 por cento da súa poboación total, 31 por cento da súa poboación de entre 20 e 29 anos, 20 por cento dos seus profesionais, técnicos, xerentes e administradores superiores. Entre 1963 e 1975 marcharon máis uruguaios que os imigrantes que o país acolleu durante todo o século XX.

Para a demógrafa Adela Pellegrino, “Uruguai é un caso atípico en relación coas formulacións xerais con que se analiza a migración internacional, xa que experimentou unha forte emigración cara ao exterior sen estar sometido á presión da alta medra demográfica e, por outra banda, figura entre os países de América Latina que posúe mellores indicadores de desenvolvemento humano”(1).


Migracións durante a década dos 70

O auxe migratorio durante os setenta obedeceu á crise económica e ao impacto do proceso ditatorial, brutal e sasasino como nunca coñecera esta illa de desenvolvemento social e humano en Latinoamerica.

Entre o 9% e o 10% do total de profesionais e técnicos uruguaios estaba nos Estados Unidos e outros once países latinoamericanos na década dos oitenta. Estas estimacións non tiveron en conta aos residentes en países europeos ou en Australia, continentes, ambos os dous, que por razóns económicas e de incentivos gobernamentais (Australia) e por razóns de vencellos familiares e históricos (Galiza, Estado español, Italia) recibiron unha grande afluencia de emigrantes uruguaios.

Porén, hoxe non existe unha migración masiva de profesionais universitarios como aconteceu en décadas pasadas, porque a grande maioria das persoas con licenciaturas universitarias están economicamente ben no Uruguai(2).

Por outra banda, nos países de recepción están actuando con organismos de control moi restritivos para o exercicio de persoas licenciadas no estranxeiro.


  Clic para aumentar
As construcións antigas non poden ser mantidas no centro da capital uruguaia.
 
Da pequena Suiza ao paupérrimo Uruguai

A idea de Uruguai coma un pequeno paraíso ao xeito suízo non viña da gran emigración suíza nin da consideración financeira do país do río da Prata, senón das leis altamente protectoras e avanzadas socialmente que protexían aos traballadores que traballaban na República Oriental do Uruguai.

Durante a segunda presidencia do José Batlle Ordóñez (1911-1915), créase a Secretaria Nacional do Traballo que constatou irregularidades, propias e moi comúns na época, como eran os baixos salarios, a explotación da muller, o traballo infantil, con 6 e 8 anos, en fábricas téxtiles, etc.

Uruguai presenta o proxecto de traballo de 8 horas; lembremos que estamos falando de 1911, regúlase o traballo infantil para nenos de entre 13 e 18 anos e o descanso para as mulleres embarazadas de 40 días.

Establécese un máximo de 40 horas semanais, ainda que ao final se votou por 48 horas. As vacacións anuais foron outro dos benefícios incorporados neste proxecto. Todas estas normas protectoras dos traballadores se aproban en 1915.

A clase obreira uruguaia tiña unha serie de normas protectoras descoñecidas en Europa. É deste tempo o proxecto de lei de prevención de accidentes de traballo. Aprobado en 1920, engade unha indemnización por accidente ao traballador.

Establécense feiras francas facilitando aos traballadores a merca de produtos máis baratos, ao estar exentos de impostos os produtos de primeira necesidade, estas feiras son de 1911.

A lei de pensións á vellez, iniciada en 1909 a causa do censo de 1908 que reflectía que no país habia moitos esmoleiro maiores de 60 anos.

A lei sobre indemnización por despedimento aprobouse en 1914. Debido á primeira guerra mundial e ante a inseguridade e o temor dunha forte crise económica, moitos empregados de comercio foron despedidos con só un mes de soldo. En decembro de 1914, apróbase a primeira lei ao respecto do Uruguai que estipulaba que cada dous anos lle correspondía un soldo máis ao traballador despedido e debería darselle tamén un aviso previo de dous meses ao empregado antes do despedimento.


  Clic para aumentar
Gaúcho uruguaio.
 
O Uruguai hoxe

O desemprego en Uruguai atinxe hoxe a máis do 17% da poboación. O salario real arrastra unha perda de xa case 20 puntos porcentúais entre o 2001 e o 2002. Multiplícanse as evidencias sobre sectores amplos de poboación con serios problemas de acceso á alimentación básica, dramaticamente entre os nenos. Aumenta a case o 20% o número de desaloxos polo non pagamento do aluguer. A lista de morosos fronte a empresas públicas e privadas, adquire no 2002 un despegamento para arriba.

A porcentaxe de fogares baixo da liña de pobreza (usando aquela liña que o último Informe Nacional de Desenvolvemento Humano utilizou) atópase hoxe por riba do 20%.
As persoas baixo a liña de pobreza xa eran no ano 2000, un de cada catro uruguaios. Hoxe ben poden ser un de cada tres.

Despois de tres anos contínuos de recesión (1999-2001), o ano 2002 non foi de recuperación, senón dunha caída aínda máis pronunciada da produción, do emprego e das reservas internacionais. Xunto a esta caída veu a do salario e a caída psicolóxica que mina as ganas de sair adiante de calquera pobo, un andazo de desesperanza aniñou na cabeza dos “orientais”.

O 2002 debe contabilizarse como o ano en que Uruguai desceu un chanzo máis, de xeito estrutural, en termos da súa riqueza global. Esta non é unha crise cíclica da economía, esta é unha caída estrutural da mesma. Porén, iso non implica que os ciclos económicos deixan de operar, e é esperábel, que eventualmente, o país retome certa capacidade de medra, ainda que o fará, comezando desde un chanzo inferior en matéria de desenvolvemento económico e social.


  Vellez
A vellez é unha das máis castigadas idades polo deterioro social do Uruguai.
Comedor escolar
Nenos que comen herba no Uruguai. Moitos para dar, pouco para repartir.
 
Oríxes da crise social

Tan importante como é non minimizar, nin pretender ocultar a magnitude da crise social que acompaña á crise económica, é entender que a actúal crise social posúe raíces estruturais que veñen de moi atrás.

O serio problema social, a pobreza endémica e a desigualdade non responden á recente agudización da crise económica, nin aos últimos anos recesivos. Algúns dos problemas sociais, que foron medrando co tempo, estaban presentes antes e continuarán a pesar dunha posíbel medra económica co goberno do Frente Amplio.

A actúal sitúación social non era o resultado inevitábel das sitúacións sociais que se viñan dando no Uruguai. O máis importante é a magnitude e brutalidade da actúal sitúación social, responde, esta si, á actúal conxuntura económica.


Logros reais, problemas invisíbeis

En 1985 a pobreza en Uruguai ascendía a case o 37% dos fogares urbanos, en 1995, a pobreza diminuira a menos do 15%. A década que vai de 1985 a 1995 foi sen dúbida unha de importantes logros sociais. O PBI medraba, as taxas de emprego tamén, o gasto social aumentou a niveis nunca antes vistos, a inflación caeu dous dixitos, e a desigualdade se ben non diminuiu, tampouco aumentou. Sen embargo, esta imaxe que xorde dos datos agregados non permite observar problemas estruturais e algunhas tendencias concretas que colocaban un manto de dúbida sobre a saúde social do país.

O problema máis importante que enfrontaba e enfronta o país en materia social é o marcado desequilibrio xeneracional do benestar. Este desequilibrio xa colocaba en situación de pobreza a case a metade dos nenos entre cero e cinco anos en 1999. Ao observar a evolución durante a década da pobreza por idades, podese ver como na infancia é onde a pobreza non só non diminúe senón que se acrescenta en termos porcentuais (tomando como base 100 os valores de 1991).

A recesión de tres anos e a crise do 2002 volveron máis tráxico e evidente este desequilibrio xeneracional, condenando a ainda máis nenos e adolescentes a vivir en sitúación de pobreza. Pero este fenómeno xa era unha característica estrutural da sociedade uruguaia.

Porén, a maior porcentaxe de nenos pobres hoxe xa era pobre en 1999; así mesmo; a superación desta fase de crise aguda da economía non desaparecerá nin levará a niveis máis baixos a pobreza infantil, iso continua sendo un problema de difícil solución do país.

Falábanos Hugo Cores das máis de 150.000 persoas explulsadas da cidade de Montevideo e obrigadas a viver en bairros afastados da cidade, da que eran obreiros, traballadores e administrativos, pola perda dos seus traballos e o poder adquisitivo.

Este crecente proceso de segregación residencial da poboación urbana do país, contribúe á desigualdade e á perda dos mecanismos de integración social tradicionais (bairro, escola, espazos públicos).

A infantilización da pobreza, a revolución familiar e a perda de integración social, non son produto só da crise económica. Son parte substantiva do funcionamento económico e social dun Uruguai que medraba. A estes problemas somábanse outros, que na segunda metade da década preanuncian e sentan os alicerces para un explosivo impacto de sitúacións económicas adversas(3).


Do 2000 ao abismo

A actual crise económica non é só unha crise inflacionaria que arrastra as persoas á pobreza por caída do seu ingreso real. Tampouco é soamente unha crise de emprego concentrada en certos sectores de poboación, que empurra á poboación á pobreza e moitas veces á indixencia por carecer de fontes de ingreso no mercado laboral. A actual é unha crise de emprego, salario e inflación, favorecendo por tanto o acrescentamento radical da pobreza pero tamén da indixencia. Iso vese agravado polo feito de que a crise financeira e o recorte contínuo dos gastos do Estado xeraron unha caída xeral da actividade que afecta os níveis de actividade formais e informais da economía.

O curte da cadea de pagamentos que acompaña á actúal crise financeira e bancaria é de tal magnitude, que implica a desaparición de diñeiro en boa parte das cadeas de produción e comercialización. Todo iso contribúe a afondar a crise social, chegando o seu impacto a sectores medios e medios-altos. Estes axustan á súa vez os seus níveis de consumo, suprimindo con iso fontes laborais dos sectores de servizos que empregan a poboación de máis baixos ingresos.

Estes son formas da crise social derivados dos compoñentes conxunturais e non estruturais da crise económica. Baixo unha recuperación económica mínima, unha parte importante destas situaciones debería desaparecer. Non así os problemas de fondo. Estes seguirán aí, e serán posíbelmente, máis grandes, máis tráxicos nos seus efectos e máis difíciles de atacar, nun contexto que estará marcado pola escaseza de recursos fiscais. En suma, a crise actual non funda un novo país radicalmente pior e disociado do pasado. Existen liñas de continuidade evidentes co desenvolvemento social da última metade da década e con algúns riscos estruturais da nosa sociedade de aínda máis longa dada.

Construír estratexias de curto prazo con forte énfase asistencialista, non permitirá solucionar os problemas estruturais nin as tendencias de medio prazo. Definicións políticas que coloquen a desigualdade baixo control e que aposten por mecanismos robustos de integración social serán necesarios. Sen embargo, as políticas de corte asistencial pasan a ter hoxe un rol central que non debe ser desprezado. En primeiro lugar ninguén pon en dúbida a necesidade de atender sitúacións de urxencia social. En segundo lugar, as políticas asistenciais requiren de esforzos fiscais menores para se traduciren en alivio rápido e efectivo á poboación.

Finalmente, e tal vez é este o seu rol de medio prazo máis importante, o Estado e a sociedade deben dar sinais claros de que existe unha comunidade que preservar, e que todos son ante a catástrofe demográfica e de pauperización social: cidadáns.


Xurxo Martínez Crespo.

 
 

 
Notas:

(
1) Aínda que non hai datos oficiais, dende 1982 non hai unha enquisa sobre fluxo migratorio. No primeiro semestre de 2003 emigraron 24.000 uruguaios, isto é, un 24% máis dos que abandonaran o país en igual período de 2002.

De acordo con datos da Dirección Nacional de Migración do Ministerio do Interior do Uruguai, entre xaneiro e xuño de 2003 partiron do aeroporto de Carrasco 114.064 uruguaios, e ingresaron 90.348. Esa diferenza entre egresos e ingresos dá 24.716, e esa é a aproximación máis achegada ao fenómeno emigratorio que acontece na República Oriental do Uruguai.

(
2) Os países desenvolvidos posúen políticas tendentes a captar técnicos e científicos non só nos países subdesenvolvidos senón tamén en economías das mesmas características. Nos países receptores esta competencia vese reflectida no actual deseño de políticas oficiais. No caso dos Estados Unidos, aumentou a case 200.000 o número de visas outorgadas anualmente para persoas con altas cualificacións que ingresan por un período de cinco anos. Este tipo de políticas repítese en todos os países desenvolvidos, onde ao tempo que se pechan as fronteiras para a inmigración masiva se poñen en práctica medidas para alentar o ingreso de persoas con determinadas cualificacións.

(
3) No ano 2000, a pobreza en Uruguai volverá aos níveis de 1991. As razóns da medra da pobreza entre 1994 e 2000 son principalmente:

Unha medra da desigualdade tanto nos salarios de sectores baixos, os medios e altos, así como nas taxas de desemprego destes diferentes sectores. Os sectores con alta educación logran manter taxas que rondan o 8% até 1999, En troco os sectores de baixa educación (ciclo básico e menos e secundaria incompleta ) chegan a 1996 con taxas de case o 14 e 12%. Se ben estas descenden cara a 1998, volven e aínda superan estes níveis no ano 2000, ano no que hai un incremento do desemprego dos sectores de alta educación.

Este acrescentamento da desigualdade laboral xa estaba impactando no desenvolvemento social do país. O novo modelo de desenvolvemento que se completa coa importante apertura comercial na primeira metade da década, manifesta o seu impacto regresivo na segunda metade, afectando negativamente as fontes de emprego dos traballadores menos cualificados, así como os seus níveis de remuneración (ver informe do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, 2001).

En 2001 esta tendencia agudízase e a actual crise profundiza esta pauta e posúe un efecto devastador sobre o traballo de sectores medios e baixos. O traballo, virtualmente, desaparece para amplos sectores de poboación.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/02/2005
cig.informatica