|
Actualidade CIG-Comunicación-
A poboación maior de 16 anos (é dicir, en idade de traballar), divídese entre poboación activa e inactiva. O concepto de poboación activa comprende tanto ás persoas que están ocupadas como ás persoas que están paradas. Cando se fala de poboación inactiva, estase a falar daquelas persoas que non están no mercado laboral, tales como os/as pensionistas, xubilados/as e as “amas de casa”. Os datos reflicten que a taxa de actividade dos homes é dun 63,8% e a das mulleres un 45,5%. É dicir, hai un 55,5% de mulleres inactivas fronte a un 36,2% de homes, case 20 puntos de diferenza. Mesmo poderíamos facer referencia ás grandes diferenzas que existen dentro da poboación activa se dicimos que hai un 18,3% de mulleres paradas fronte ao 9,0% de homes. A maioría das causas para explicar a alta taxa de inactividade das mulleres seguen sendo as mesmas ao longo do tempo. A falta de postos de traballo reflíctese na alta taxa de paro, con períodos moi longos nesta situación ata encontrar un emprego, ante o que moitas mulleres optan por abandonar a busca de emprego e pasan a ser inactivas. Por outra banda temos os altos niveis de precariedade nos que a maioría de mulleres desenvolven o seu traballo. As mulleres sofren unha maior temporalidade na contratación, usándose maioritariamente contratos de interinidade, aínda que tamén por obra ou por circunstancias da produción. Asemade atopámonos cun número moi elevado de mulleres contratadas a tempo parcial, sendo na maioría dos casos a única opción para acceder a un posto de traballo (non por elección persoal). Ademais non podemos obviar que a máxima de “a igual traballo, igual salario”, segue sen cumprirse no caso das mulleres. Hai moitos convenios, sectoriais ou de empresa, que enmascaran esta desigualdade salarial establecendo distintas categorías para homes e mulleres e mediante outro tipo de enganos. Non debemos esquecer tampouco que as mulleres seguen a ocuparse, en maior medida que os homes, das tarefas domésticas e do coidado das persoas dependentes da súa familia, chegando a ter dobre ou incluso tripla xornada de traballo se ademais están traballando fóra da casa. Vén agravar máis esta situación o feito de que non existe suficiente número de servizos sociais públicos e gratuítos adecuados para a conciliación da vida laboral e familiar (aínda que non nos guste somos as mulleres quen nos vemos obrigadas a conciliar), polo que cun salario máis baixo e con contratos temporais en precario é máis fácil que sexa a muller e non o home quen abandone o traballo para dedicarse ao coidado da familia. Por último, as mulleres que segundo as estatísticas son parte da porcentaxe de inactivas, seguramente forman parte á súa vez, maioritariamente, do gran número de persoas que traballan na economía sumerxida (traballos non declarados, non cotizados e con salarios pésimos). Seguimos sen ver os resultados deses grandes proxectos de Leis de Igualdade e Medidas para fomentar o emprego feminino, anunciados unha e outra vez polos distintos gobernos, tanto do Estado como do noso país, que semellan grandes campañas de publicidade pero sen interese real en que as cousas cambien.
|
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2005 |