ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 3 de marzo de 2005

A Secretaría da Muller demanda un capítulo no que se rectifique non só a imaxe das emigrantes galegas, senón a da muller en xeral
A CIG considera insultante o tratamento que se lle dá á muller galega na serie de Tele 5 “Los Serrano”

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
A serie “Los Serrano” incide na problemática da maternidade como un problema das mulleres para desenvolver correctamente o seu traballo. Unha imaxe que atenta gravemente contra o dereito da muller, nai ou non, a acceder a un posto de traballo. Os guionistas e o director da serie teñen a desfachatez de presentar o embarazo como un impedimento para realizar ese traballo, dando argumentos a aqueles empresarios que se amparan no discurso de non contratar a mulleres porque quedan preñadas.
 
A secretaría da Muller da CIG considera insultante, discriminatorio e vexatorio o tratamento que se lle dá á muller, e nomeadamente á muller galega, na serie de Tele 5 “Los Serrano”. Por iso, demanda que se mude a imaxe que se deu da galega que saíu no programa emitido o pasado mércores día 23 de febreiro, adicándolle un capítulo no que se rectifique non só a imaxe das emigrantes galegas, senón mesmo a imaxe da muller en xeral.

Unha galega, nai solteira, con tres fillos, embarazada, ex-traballadora dunha conserveira e emigrante. De ter un tratamento adecuado, este papel podería ser honroso para calquera muller. O problema xurde cando a galega é caracterizada como paleta, submisa, preguiceira, torpe, boba e para colmo, muller.

Resulta indignante, ademais, que se teña a ousadía de tratar a esta muller como “tullida” ou “discapacitada” por ter un problema nas mans consecuencia do seu anterior emprego na conserveira. Na Galiza hai centos de mulleres que traballan nas conserveiras e que a consecuencia das precarias condicións laborais sofren enfermidades como reuma, artrite, deformacións... que moitas veces as leva a unha incapacidade con consecuencias económicas gravísimas para elas e as súas familias porque son tratadas como enfermidades comúns e non profesionais.

Neste sentido, Elvira Patiño, secretaria da Muller, lembra que “desde a CIG levamos moitos anos intentando que se lles recoñeza a estas mulleres como enfermidade laboral unha doenza derivada do traballo na conserveira. Son moitas as que teñen reuma, artrite e enfermidades deste tipo provocadas polas condicións de traballo nas que están”.

Para a secretaria da Muller da CIG, é unha falta de respecto para todas as mulleres que traballan nas conserveiras verse reflectidas con esa imaxe de “inútiles” e tratadas como se non serviran para nada.

Desde a Secretaría da Muller da CIG non podemos admitir nin admitimos esa imaxe estereotipada e, sobre todo, falsa das galegas, e por extensión de todas as mulleres que se atopan nunha situación semellante e denunciamos que Tele 5, diste xeito, incumpre todas as recomendacións en materia de tratamento de xénero nos medios de comunicación. Aínda máis, a serie incide na problemática da maternidade como un problema das mulleres para desenvolver correctamente o seu traballo. Unha imaxe que atenta gravemente contra o dereito da muller, nai ou non, a acceder a un posto de traballo. Os guionistas e o director da serie teñen a desfachatez de presentar o embarazo como un impedimento para realizar ese traballo, dando argumentos a aqueles empresarios que se amparan no discurso de non contratar a mulleres porque quedan preñadas.

A Secretaría da Muller da CIG recomenda aos directivos de Tele 5 e aos guionistas e a dirección de “Los Serrano” que revisen todas as recomendacións europeas, españolas e no noso caso, galegas, que fan especial fincapé no papel que deben xogar os medios de comunicación e agarda que a cadea privada non volva dar un tratamento semellante ás mulleres. Mais tendo en conta que a serie se dirixe a un público novo co que se perpetúan valores que deberían estar superados, ou cando menos en vías de superación, en pleno século XXI.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/03/2005
cig.informatica