|
Actualidade CIG-Comunicación-
Van xa uns meses que, nos distintos xornais de prensa escrita do noso país, se están a difundir diversas novas relacionadas, nunha primeira instancia, coa creación e constitución da Fundación para a Formación no sector do Metal de Galiza “FORMEGA”, difundíndose con posterioridade outras informacións nas que se daba a coñecer a busca de financiamento público emprendida por esta Fundación, co fin de se dotar, por si mesma e en propiedade, das infraestructuras e dotacións formativas -que daquela non tiñan- necesarias para dar fidedigno cumprimento a unha parte fundamental dos, sobre o papel, obxectivos estatutarios desta “Fundación”. Por outra banda, e con certas simultaneidades no tempo, producíase a disolución e desmantelamento, tanto na Galiza como no resto do Estado, dos chamados “Fondos de Formación para o Emprego”. Para conducir o proceso de desmantelamento dos “Fondos”, e facilitar a execución e liquidación dos seus bens e dereitos, constituíuse por parte da Administración do Estado a chamada “Comisión Liquidadora dos Fondos de Formación”, dependente do Ministerio de Facenda. No caso da Galiza, a “Comisión Liquidadora” –estando no Goberno do Estado o Partido Popular- procedeu a realizarlle á Xunta de Galiza unha oferta de venda a baixo custo, tanto dos inmobles como das numerosas e custosas dotacións didácticas propiedade dos antigos “Fondos”. Ante esta proposta, a Xunta de Galiza rexeitou toda posibilidade de que os centros de formación que os “Fondos” tiñan en propiedade na Galiza, puideran pasar a pertencer a Administración Galega, denegando esta toda responsabilidade e facendo oídos xordos ás recomendacións que dende a CIG e outras organizacións sociais víñamos a facerlle, tanto pola importancia obxectiva que tiña que administración pública galega, e polo tanto o pobo galego, tivera a posibilidade, por unha banda de incrementar e mellorar a súa xa de por si minguada dotación de centros de formación e medios didácticos, impedindo que os ditos bens da cidadanía galega pasasen a mans privadas, dentro dunha operación especulativa con evidente ánimo de lucro e de mínimo interese social; e por outra, como un exercicio de responsabilidade pública para manter unha oferta formativa diferenciada e demandada (fundamentalmente dirixidas aos/as parados/as) no eido da formación profesional ocupacional, orientada a diversos sectores industriais. Así as cousas, e ante a radical negativa da Xunta de Galiza a asumir estas responsabilidades, as organizacións sindicais máis representativas da Galiza: CCOO, UGT e a propia Confederación Intersindical Galega, conxuntamente coa organización empresarial CEG, co apoio da Administración Galega a través da súa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, procedemos a constituír a que se deu en chamar a “Fundación Galega para a Dinamización do Emprego”, a cal a través das achegas económicas iniciais dos seus fundadores, procedería de inmediato a mercar a baixo custo os bens mobles e inmobles dos antigos “Fondos Formación”, impedindo por unha parte que estes pasasen a mans privadas con intereses especulativos, e por outra, e como consecuencia dun acordo coa Xunta de Galiza, mantendo a oferta formativa básica de interese público, que os “Fondos” viñan ofrecendo en relación aos programas de Formación e Inserción Profesional. Máis unha vez pechadas e acordadas estas cuestións, e acordada a venda definitiva coa “Comisión Liquidadora”, prodúcese nos días posteriores a chegada do PSOE ao Goberno do Estado, un cambio radical en relación aos compromisos adquiridos. A partir de aquí, a “Comisión Liquidadora” -que incluso a través do Ministerio de Facenda, tiña publicado no BOE o acordo de venda a favor da “Fundación Galega para a Dinamización do Emprego”- procede a “darlle largas” ao compromiso adquirido, deixando na práctica o dito acordo sen contido ningún. Sendo isto extraordinariamente grave e unha clara demostración do que significa o “talante” para o PSOE; moitísimo máis grave foi o que sucedeu a continuación, por mor da actuación ignominiosa das organizacións galegas que o secundaron e o promoveron, coa colaboración incondicional da Xunta de Galiza, nun operación especulativa carente da mínima decencia pública e ética política exixíbel. Así as cousas, a Confederación Intersindical Galega, CIG, á vista da paralización do acordo por parte da “Comisión Liquidadora” do Goberno do PSOE, e ante a pasividade da Xunta de Galiza e o pasotismo do resto das organizacións: CCOO, UGT e CEG, pon en marcha unha serie de pescudas e investigacións, tanto en Madrid como na propia Galiza, co fin de obter información fidedigna sobre do qué era o que realmente estaba a acontecer. Como consecuencia destas pescudas e requirimentos de información, a CIG ten oportunidade de constatar as seguintes informacións iniciais: 1º. Que a CEG (Confederación de Empresarios de Galiza), co apoio acaído da Xunta de Galiza, mantivera unha serie de conversas coa “Comisión Liquidadora” do Goberno do PSOE, e o coñecemento expreso de CCOO e UGT de Galiza. 2º. Que a resulta desas conversas –é de supoñer que grazas ao impulso e xestións da UGT de Galiza-, a “Comisión Liquidadora” do PSOE, realiza unha oferta de venda dos bens mobles e inmobles a “Fundación para a Formación no Sector do Metal”, FORMEGA, moi por debaixo do seu valor real. 3º. Que como é público e notorio –e constitúe un dato fundamental para entender o acontecido- son UGT e CCOO de Galiza, quen conxuntamente coa patronal ASIME (Asociación de Industrias do Metal), integrada na dirección da CEG (Confederación de Empresarios da Galiza), forman e conforman as organizacións membros da Fundación “FORMEGA”. Fundación da que a CIG aínda non forma parte, por certo incumprindo os seu propios estatutos, como consecuencia unha vez máis da política fondamente antidemocrática, antisindical e antigalega, da que constantemente fan gala tanto UGT como CCOO. 4º. Que no tramo final desta auténtica “falcatruada”, a Xunta de Galiza e CCOO, manteñen unha xunta en Madrid coa “Comisión Liquidadora” do PSOE (o do “talante”), á que inesperadamente –saben como escorrer o vulto- non comparece a UGT, aínda que xa sabían (faltaría máis tratándose do PSOE) que estaba todo o peixe vendido e ben vendido. 5º. Polo que nós sabemos -no que parece ser a penúltima aberración desta truculenta historia- a día de hoxe, e evidentemente como consecuencia dun acordo entre as partes –eles saberán a cambio de que-, será finalmente a Asociación Patronal ASIME, integrada na CEG, quen finalmente adquira en propiedade unha parte do conxunto dos bens dos antigos “Fondos Formación de Galiza”. Negocio redondo, que finalmente podería explicar a anuencia e colaboración da Xunta do PP a favor dos seus protexidos empresarios da CEG. Pola contra, ou máis ben complementariamente, tanto UGT como CCOO e incluso a propia Xunta do PP (teñen moitos intereses en común), aunarían esforzos a prol de consolidar o pacto inconfesábel (que non se lle escapa a ninguén) de excluír e marxinar, de todos os xeitos antidemocráticos posíbeis, á Confederación Intersindical Galega do dereito que lle asiste de: a) Participar como membro de pleno dereito da Fundación sectorial FORMEGA, con moitísimo máis lexitimidade que UGT e CCOO, se atendemos á representatividade maioritaria ostentada pola CIG no Sector do Metal, en especial nas Comarcas onde estaban instalados os “Fondos Formación”, xa que nestas é a primeira forza sindical. É por tanto inxustificábel e de todo incomprensíbel, tanto en termos democráticos como de lexitimidade política e sindical, a pretensión de UGT e CCOO de excluír a CIG, da posibilidade de participar nesta Fundación sectorial, privando á nosa central sindical da necesaria representatividade e lexitimación, tanto diante do conxunto dos traballadores e traballadoras galegas do sector, como das empresas galegas que o conforman, como da Administración Publica Galega, absolutamente desacreditada para promover e subvencionar calquera iniciativa a través de FORMEGA, se a CIG non forma parte da mesma como membro de pleno dereito, a pesar de que o vimos reclamando insistentemente nos últimos meses. Negativa esta última, só comprensíbel á luz das continuas e reiteradas actuacións antisindicais e antigalegas, por parte de CCOO e UGT, na súa pretensión de poñerlle portas ao mar, e impedir por todos os medios ao seu alcance, o seu inexorábel declive sindical neste sector na Galiza, como consecuencia das súas históricas políticas de subordinación a intereses alleos e espurios, que nada teñen que ver coas políticas sindicais e sociolaborais que necesita o nos país. Aí están os feitos e as probas nos remitimos. Eles o saben, máis os traballadores, cada vez máis e en maior número, tamén. Outra cuestión, por certo nada menor, que podería impulsar aos actuais membros da Fundación FORMEGA, a bloquear histérica e inxustificadamente o noso ingreso na mesma, constitúea sen dúbida a consabida rigorosidade e pulcritude que guía todas as nosas actuacións, especialmente en materia pública, non caracterizándonos precisamente por comulgar con ninguén cando se trata de defender os intereses da Galiza e dos seus traballadores/as e menos se a pretendida comuñón é con rodas de muíño. É evidente, e para eles especialmente, que a ese xogo, nós, non xogamos. b) Denunciar ante toda a opinión pública galega e os medios de comunicación que deberían informala, e especialmente a clase traballadora galega, a actuación espuria e bochornosa da Xunta de Galiza en relación a súa deixación de funcións e responsabilidades, en favor dunha Asociación Privada Empresarial: ASIME, constituída por empresas, como non podería ser doutra maneira, con evidentes obxectivos de ánimo de lucro. Privando a cidadanía galega, e polo tanto ao noso país, dun patrimonio que en xustiza lle corresponde, non asumindo as responsabilidades que lle son propias e favorecendo un operación fondamente antidemocrática e ao noso xuízo fraudulenta, que non sería posíbel sen a ignominiosa colaboración de CCOO e a UGT de Galiza. Non quero rematar esta carta aberta á cidadanía galega, sen deixar constancia manifesta da nosa firme vontade de denunciar estas e outras tropelías que se pretendan cometer, vinculadas á realidade sindical e sociolaboral do Sector Produtivo do Metal do noso País e das súas clases traballadoras, nin de lembrar a todas aquelas organizacións que neste momento seguen a bloquear a entrada da CIG na Fundación FORMEGA, que o seu desprezábel, antidemocrático e inxustificado proceder, de manterse no tempo, terá de xeito indubidábel unha contundente e inequívoca resposta, por parte daqueles que defendemos, custe o que custe, a democracia, a xustiza social, e a transparencia e a legalidade en todo o que afecte á cidadanía, a función pública no noso país e, sobre todo, aos dereitos inalienábeis do traballadores e traballadoras galegos/as.
|
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2005 |