ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 1 de marzo de 2005

A CIG asistiu en calidade de organización invitada
Celebrouse o V Congreso Nacional Ordinario da Central Nacional de Traballadores do Paraguai (CNT)

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
No marco do Congreso Ordinario celebráronse tamén sete Seminarios e Obradoiros sobre moi diversos temas políticos, sociais e laborais.
Clic para aumentar
Mesa presidencial do V Congreso Ordinario da Central Nacional de Traballadores do Paraguai. (Fotos: ©Moncho Boán 02/2005).
 
Do 23 ao 26 de febreiro tivo lugar en Asunción, capital de Paraguai, o V Congreso Ordinario da CNT, no que tomaron parte arredor de 400 congresistas chegados de todo o País e de Arxentina, onde a CNT ten organizada unha estructura sindical para os emigrantes de orixe paraguaio. Numerosas organizacións sindicais procedentes de América Latina e Europa, entre elas a CIG, acompañaron desde o primeiro día as discusións congresuais.

Paraguai é o único Estado latinoamericano que ten recoñecida como lingua oficial, xunto castelán, unha lingua indíxena, o guaraní, que se utilizou amplamente nos debates do congreso e que para unha grande parte dos delegados e delegadas era a única lingua de comunicación.

No marco do Congreso, o día 23 e a mañá do 24, realizáronse de maneira simultánea diversos seminarios que versaron sobre moi variados aspectos: política económica; seguridade social; integración rexional; medio ambiente; estado social de dereito; educación; lexislación laboral e Organización Internacional do Traballo OIT. Este último seminario estivo impartido polo representante da CIG.

A CNT viviu durante os últimos tres anos nunha grave crise interna que puxo en perigo a integridade, e mesmo a existencia, da central sindical; un congreso extraordinario, celebrado o 24 pola tarde, puxo fin a esta crise expulsando da organización ao anterior Secretario Xeral.

O Congreso Ordinario deu un amplo repaso ás actividades realizadas desde o anterior, constatando avances substanciais na acción sindical e na presencia social pero recoñecendo que non se tiñan acadado os obxectivos organizativos propostos. Con todo, o informe de xestión presentado polo Comité Executivo Nacional respaldou amplamente o traballo realizado e destacou o avance e consolidación da central sindical a pesares da forte conflictividade interna do período analisado.

Múltiples temas foron obxecto de debates e propostas de actuación: a crise xeralizada e recorrente das institucións e mandatarios paraguaios, reflectido na ampla corrupción instalada en toda a Administración e na práctica impunidade que impera no País; o aumento permanente da pobreza e da miseria; a concentración da propiedade da terra en grandes latifundistas e corporacións transnacionais; a violación permanente dos dereitos humanos e laborais; a inxustiza social e a criminalización das loitas sociais; o medre do desemprego e da emigración; a represión brutal e permanente, fomentada polos terratenentes, das loitas dos labregos pola terra...

Todos estes temas e as correspondentes propostas de actuación están recollidos no documento central do congreso, “Análise da realidade nacional, do contexto internacional e propostas da CNT”, que obtivo o apoio unánime dos delegados e delegadas.

No último día, o congreso elixiu a Juán Torales para o cargo de Secretario Xeral, así como aos integrantes da dirección da central.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2005
cig.informatica