|
Actualidade CIG-Comunicación-
Unha chea de globos lilas e vermellos colorearon o ceo sobre o edificio do Xulgado de Pontevedra. Cada globo portaba unha lenda e cada lenda recollía unha demanda para mellorar as condicións sociolaborais das mulleres. Así celebraban as compañeiras da Secretaría da Muller de Pontevedra o Día da Muller Traballadora. Cunha concentración na que tamén se quería manifestar o apoio das mulleres aos catro compañeiros que estaban sendo xulgados no interior do edificio por participar na folga de Transportes La Unión. Por iso, a pancarta tras da que se colocaron as e os presentes dicía “En defensa das liberdades. Non á represión”. E alí estaban secretarios comarcais, traballadores do sector do transporte, membros da executiva da FEGAMT, a secretaria da Muller, delegadas e delegados da CIG, membros da Executiva e do Consello Confederal e o propio secretario xeral, Suso Seixo. Todos movidos polo interese de manifestar coa súa presenza o apoio aos acusados. Tanto foi así que a sala onde se celebraba a vista quedou pequena e unha grande parte dos asistentes tiveron que ficar ás portas á espera de que rematara a xornada. Así o Xulgado de Pontevedra converteuse nunha grande concentración dentro e fóra do edificio. Nos pasillos do edificio parte dos que non puideron entrar na sala. Fóra, arredor dun cento de compañeiras e compañeiros que nun mesmo acto demandaban emprego e oportunidades para as mulleres e daban un Non rotundo á represión. Polo Xulgado tamén pasaron numerosas personalidades da política local e nacional. Desde o deputado nacionalista e membro da Executiva Nacional do BNG, Bieito Lobeira, até o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto con varios concelleiros nacionalistas, que acudiron a solidarizarse cos compañeiros. |
||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/03/2005 |
||||||||||||||||||||||||||||||