ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 12 de marzo de 2005

10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
En defensa das liberdades socio-laborais

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Na mobilización, ademais de reivindicar melloras nas condicións laborais e denunciar o pacto confederal CCOO-UGT-patronal para a negociación colectiva deste ano, os manifestantes mostraron a súa solidariedade co Comité de Empresa de Ence, cos catro dirixentes sindicais xulgados pola súa participación na folga de La Unión, no ano 2001, e coa crítica situación da comarca de Ferrolterra logo do último proceso de reconversión naval. (Fotos: ©Fernando Pol 10/03/2005). (Ver reportaxe gráfica).
Clic para aumentar
Clic para aumentar
 
Máis de 3.000 persoas participaron nos actos convocados pola CIG en Pontevedra e Ferrol, con motivo do Día da Clase Obreira Galega, o pasado 10 de marzo. Na mobilización, ademais de reivindicar melloras nas condicións laborais e denunciar o pacto confederal CCOO-UGT-patronal para a negociación colectiva deste ano, os manifestantes mostraron a súa solidariedade co Comité de Empresa de Ence, cos catro dirixentes sindicais xulgados pola súa participación na folga de La Unión, no ano 2001, e coa crítica situación da comarca de Ferrolterra logo do último proceso de reconversión naval.

A convocatoria de Pontevedra foi especialmente simbólica xa que nos dous días anteriores a esta data se celebrara alí o xuízo contra os catro dirixentes sindicais que participaron na folga de Transportes La Unión no ano 2001, entre outros o propio secretario comarcal da CIG en Pontevedra, Rafael Iglesias.

Por iso, na súa intervención, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, fixo especial fincapé no papel da xustiza, da que lembrou que “non é igual para todos”, xa que “mentres a patronal vulnera constantemente dereitos fundamentais dos traballadores, como é o caso de Raúl López, ningún empresario senta no banco dos acusados”.

Pola contra, o secretario xeral da CIG insistiu en que o Código Penal si se aplica sen paliativos “aos traballadores e aos homes e mulleres que loitan polos seus dereitos”. Así lembrou tanto aos compañeiros de Lugo -sentenciados por atentar contra o dereito ao traballo a penas de até 6 anos de cárcere- como aos catro dirixentes sindicais de Pontevedra, que esperan a que se dicte sentenza.

En apoio a estas demandas e para manifestar a súa solidariedade cos dirixentes sindicais da comarca de Pontevedra que foron a xuízo, sumáronse á convocatoria da CIG destacados representantes do BNG, desde o propio coordinador nacional, Francisco Jorquera, até membros da Executiva Nacional, como os deputados Bieito Lobeira ou Francisco Rodríguez, ademais de outros membros do Consello Nacional como Lois Obelleiro ou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores. Así mesmo participou o secretario nacional de Galiza Nova, Xosé Emilio Vicente, e numerosos militantes desta organización nacionalista.


  Clic para aumentar
Máis de 3.000 persoas participaron nos actos convocados pola CIG en Pontevedra e Ferrol, con motivo do Día da Clase Obreira Galega, o pasado 10 de marzo. (Fotos: ©Fernando Pol 10/03/2005). (Ver reportaxe gráfica).
Clic para aumentar
Clic para aumentar
 
A CIG defenderá os dereitos dos traballadores de Ence

Seixo estendeu as mostras de solidariedade tamén aos compañeiros do Comité de Empresa de Ence, que foi revogado “polo sindicato amarelo da patronal, CCOO”, lembrando que aínda que a CIG tamén revogara comités de empresa, a diferenza entre este e outros casos é que “eses comités de empresa foran postos pola patronal e foron os traballadores quen nos pediron a súa revogación, porque foran promovidos polas propias empresas para servir aos seus intereses”.

Para a CIG, en palabras de Suso Seixo, o conflito de Ence non rematou aínda, senón que “acaba de comezar”, porque “cando exista perigo de perda de postos de traballo en Ence, vai a estar a CIG do lado dos traballadores e non CCOO”.

Por iso, tamén expresou a solidariedade da CIG co goberno municipal de Pontevedra e co seu alcalde, Miguel Fernández Lores, insistindo en que detrás dun conflito que se quere presentar como laboral hai realmente un conflito político promovido polo PP.


Dereitos laborais

O secretario xeral da CIG acusou ás cúpulas de CCOO e UGT de negociar en Madrid acordos confederais -por cuarto ano consecutivo- contrarios aos interese dos traballadores e sen que estes teñan capacidade algunha a decidir, para evitar que haxa conflitividade social algunha.

Por iso, lembrou tamén as grandes cifras de beneficio das multinacionais e da banca que medran ao tempo que diminúe a capacidade adquisitiva da clase traballadora. Para Suso Seixo, a posición dos sindicatos CCOO e UGT diante desta situación, que coñecen, só se explica porque “xa non recoñecen a existencia de loita de clases e porque están ao servizo do capital”. Ademais, esta posición connivente coa patronal viría dada pola necesidade de ambas organizacións de estar do lado do poder para manter a súa estrutura sindical.


  Clic para aumentar
A manifestación que percorreu as rúas de Ferrol baixo o lema “En defensa da comarca, en defensa dos dereitos sociolaborais”, centrouse, sobre todo, na situación que atravesa Ferrolterra logo do desmantelamento do sector naval neste último proceso de reconversión. (Fotos: ©galizacig.com 10/03/2005).
Clic para aumentar
Clic para aumentar
 
Ferrol

A manifestación que percorreu as rúas de Ferrol baixo o lema “En defensa da comarca, en defensa dos dereitos sociolaborais” aínda que tamén tivo como eixo a reivindicación de melloras salariais, a denuncia do papel das cúpulas de CCOO e UGT e a demanda do cumprimento da legalidade que contempla un veradeiro estado de dereito tamén para os empresarios, centrouse, sobre todo, na situación que atravesa Ferrolterra logo do desmantelamento do sector naval neste último proceso de reconversión.


Recóllense as intervencións íntegras do secretario comarcal de Ferrol, Emilio Cagiao Deive, e do secretario xeral da CIG, Suso Seixo.


Emilio Cagiao Deive

Compañeiros e compañeiras:

Hai xusto un ano celebrábamos conxuntamente os tres sindicatos esta data tan significativa para a nosa comarca e para o conxunto da Clase Traballadora Galega.

O lema escollido para esta celebración foi “Polo futuro da Comarca. Carga de traballo para o sector Naval”. Un ano despois os homes e mulleres da CIG seguimos a reivindicar o mesmo, o mesmo día e no mesmo lugar.

Os que nos acompañaban deben ser fráxiles de memoria, ou se cadra, non teñen consciencia, dálles igual, como sempre fan o mesmo... unha vez máis non importa. Hai un anaco estiveron aquí cun lema moi parecido ao do ano pasado; imos ver: “Pola igualdade e polos dereitos”, parécese, eh?

Non me estraña que cambien coma o camaleón; non teñen vergoña. Despois de asinar o acordo de desmantelamento do noso Naval, despois de mandar para a casa a 1.405 traballadores e traballadoras coa conseguinte perda de postos de traballo, despois de enganar a toda a poboación -acordádevos: máis de 30.000 persoas manifestáronse en defensa do Sector Naval o pasado 26 de setembro- van e asinan un acordo que eles mesmos sobre todo CCOO, din agora que pode haber dificultades para cumprir o asinado, palabras textuais: “Abelleira dice que intuye algunas dificultades del Gobierno para cumprir los compromisos alcanzados”.

  Clic para aumentar
Emilio Cagiao Deive: “A pesar de todo, nós seguimos reivindicando os noso dereitos, porque somos de clase, porque somos deste país e porque queremos e cremos na nosa comarca. Por iso seguimos a demandar igual que hai un ano carga de traballo para o sector naval e industrialización da nosa comarca”. (Foto: ©galizacig.com 10/03/2005).
 
Pero todo isto para nós, desgrazadamente, non é novo. Xa no primeiro desmantelamento naval (ano 84) ían industrializar a nosa comarca, no ano 95 coa aprobación do PEC (Plan Estratéxico de Competitividade) íase a rexuvenecer o cadro de persoal, e claro que se fixo, fóronse os de máis idade e quedaron os máis novos e agora, despois desta desfeita, din que están a negociar un Plan industrial para a nosa comarca. Levan un ano anunciando, ben case un ano, xa o dixo o secretario do Ministerio de Industria en xuño, cando nos reciben aos tres sindicatos e ás organizacións políticas. Pero a realidade é ben distinta; somos a comarca con máis paro do Estado (18,5%), sete puntos por riba da media do Estado, somos os que máis emprego no naval perdemos, dos 4.028 en todo o Estado aquí foron 1.405. As infraestruturas nin se facían co PP nin se fan co PSOE, en maio o porto exterior, pero non podemos utilizalo, pois os accesos rematan no ano 2008 e o tren virá, se vén, dentro de 8 anos.

Pero tranquilos, todo vai ben; o día 1 deste mesmo mes os xornais económicos do Estado anunciaban as ganancias das empresas e da banca. Exemplo: Adolfo Domínguez gañou un 20% máis, Telefónica un 30,6%, Iberia un 53%, Azkar un 13%, Fadesa 120 millóns, Caixa Rural Galega, un beneficio bruto de 1,5 millóns.

Pero tamén anunciaban o gran acordo entre CCOO-UGT e a Patronal de moderación salarial. Xa se sabe, temos que gañar pouco para que os nosos patróns fagan as américas, non vaia ser que nos excedamos nos nosos salarios.

Pero a pesar de todo, nós seguimos reivindicando os noso dereitos, porque somos de clase, porque somos deste país e porque queremos e cremos na nosa comarca. Por iso seguimos a demandar igual que hai un ano carga de traballo para o sector naval e industrialización da nosa comarca.

Moitas grazas e adiante co Día da Clase Obreira Galega.


  Clic para aumentar
Suso Seixo: “Remato lembrando que desde o 10 de marzo do ano 72 teñen cambiado moitas cousas, outras non. O sistema non segue sendo o mesmo, pero aínda seguimos tendo moitas cousas polas que loitar e moitas cousas que reivindicar. Pero si temos algo que non tiñamos daquela, é unha ferramenta sindical, a CIG. A central sindical máis importante deste país polo número de afiliados e afiliadas que ten. Unha ferramenta que estamos a construír para poder modificar a correlación de forzas, para poder dar a loita nas mellores condicións posíbeis, mellorar as nosas condicións de vida e as nosas condicións de traballo e achegarnos cada vez máis a unha reivindicación histórica do sindicalismo nacionalista que é unha patria ceibe e sen explotación”. (Fotos: ©Fernando Pol 10/03/2005). (Ver reportaxe gráfica).
Clic para aumentar
Clic para aumentar
 
Suso Seixo

Estamos un ano máis celebrando unha data moi significativa para a nosa central sindical e para a clase obreira en xeral. Unha data que empezou hoxe coa celebración dunha asemblea, por parte da CIG, de delegadas e delegados, na cidade de Pontevedra e unha manifestación posterior cun número realmente importante de delegados e delegadas da CIG. Nós esta tarde queremos, ademais de resaltar o feito de que os sucesos do ano 72 fosen a base que sementou o nacemento do sindicalismo nacionalista que hoxe representa a CIG, pero sen dúbida algunha unha data exemplo do espírito de loita, de combatividade que existe nunha gran parte da clase traballadora que se puxo de manifesto nesas datas e que se puxo de manifesto ao longo destes anos protagonizando numerosos conflitos e levando a cabo 10 folgas xerais nos últimos 20 anos, cunha importante participación da clase traballadora e do sindicalismo nacionalista, o cal é significativo dese espírito de loita.

En calquera caso, vou aproveitar para resaltar un feito que para nós é de vital importancia. Unha das reivindicacións que estaba na base do conflito do ano 72, a exixencia dun marco galego de relacións laborais: que os convenios se negociasen verdadeiramente aquí e que os realmente afectados, os traballadores tiveran a posibilidade de incidir sobre o que se negocia, sobre as súas condicións laborais e a única posibilidade de facelo é posibilitando que os convenios se negocien aquí, no noso país tendo un marco de relacións laborais galego con plenas competencias tamén en materia de negociación colectiva. Esa segue a ser unha reivindicación fundamental da nosa central sindical.

Desgrazadamente as liñas que seguen as centrais sindicais estatais van por outra vía. Vedes como cada vez máis se asinan acordos confederais a nivel de Estado desde as cúpulas sindicais, onde se deciden cousas fundamentais para a clase traballadora, pero unha clase traballadora á que non se lle dá opción a opinar, a decidir se o que aí se decide é o que realmente lle interesa ou non. Uns acordos claramente fraudulentos, porque se ben se pon como escusa para asinar os mesmos a posibilidade de camiñar cara a un emprego estábel, unha reivindicación fundamental dados os índices de precariedade existentes, logo vemos que na práctica isto se converte en pura moderación salarial, cando non perda de poder adquisitivo.

Normalmente, ponse como referencia para aplicar os incrementos as previsións do IPC, unha previsión que despois queda por debaixo do que son os IPC reais. Isto supón na práctica que os millares e millares de traballadores e traballadoras que están en precario, arredor do 50% dos que están no sector privado, non van ter posibilidade, aínda supoñendo que funcionasen as cláusulas de revisións salarial das que tanta propaganda fan, de cobrar e de reivindicar os incrementos salariais que lles corresponderían a final de ano. Polo tanto para ese colectivo, moi amplo, temos que falar realmente de perda de poder adquisitivo.

Isto non só o sabemos nós. Isto tamén o saben os que asinan os acordos; entón haberá que preguntarse que intereses defenden cando asinan ese tipo de acordos que son altamente prexudiciais para a clase traballadora. Haberá que exixirlles logo que dean resposta de a que tipo de intereses obedecen.

Nós temos o firme convencemento de que estas centrais sindicais son centrais sindicais integradas no sistema e totalmente ao servizo do poder político e do poder económico, que xa non cren na loita de clases, unhas centrais sindicais que deben obediencia ao poder, aínda sabendo que a quen realmente benefician é á patronal e que posibilitan que as grandes empresas, as grandes multinacionais, teñan enormes beneficios mentres as condicións da clase traballadora son cada vez máis precarias.

Outro dos aspectos que nos queremos resaltar neste 10 de Marzo, ten moito que ver con toda a represión que está a sufrir o movemento sindical e de forma moi directa a nosa central sindical, a CIG. Unha represión que se puxo de manifesto coas duras sentenzas contra tres compañeiros en Lugo, aos que se lles condenou por atentar contra o dereito ao traballo a varios anos de cadea. Estamos tamén agora no proceso de xuízo de catro compañeiros da CIG na comarca da cidade de Pontevedra, por iso tamén decidimos convocar unha manifestación hoxe alí. Un conflito froito da loita de transportes La Unión, no ano 2001, que durou moito tempo, reivindicando, por parte dos traballadores desa empresa algo tan simple como que o empresario cumprira a normativa laboral e respectara realmente as súas condicións laborais. Un empresario que foi condenado por vulnerar o dereito de folga, por substituír os traballadores en folga por esquirois, por traballadores de fóra da empresa, pero o máximo ao que o condenaron por atentar contra un dereito fundamental como é o dereito de folga foi a pagar un millón de pesetas de multa. Porén, aos nosos compañeiros, supostamente por atentar contra un dereito fundamental como é o dereito ao traballo condenáronos a varios anos de cadea. Esta é a xustiza que existe no noso país. Unha xustiza parcial, unha xustiza con claro contido de clase, unha xustiza que recorre ao Código Penal para reprimir ao movemento sindical, aos movementos sociais e á clase traballadora. O Código Penal non se aplica contra os empresarios cando vulneran todos os días os dereitos fundamentais desa mesma clase traballadora.

Isto foi o que nos levou a que tamén lle deramos ese contido reivindicativo a este 10 de Marzo.

Pola miña banda, remato lembrando que desde o 10 de Marzo do ano 72 teñen cambiado moitas cousas, outras non. O sistema non segue sendo o mesmo, pero aínda seguimos tendo moitas cousas polas que loitar e moitas cousas que reivindicar. Pero si temos algo que non tiñamos daquela, é unha ferramenta sindical, a CIG. A central sindical máis importante deste país polo número de afiliados e afiliadas que ten. Unha ferramenta que estamos a construír para poder modificar a correlación de forzas, para poder dar a loita nas mellores condicións posíbeis, mellorar as nosas condicións de vida e as nosas condicións de traballo e achegarnos cada vez máis a unha reivindicación histórica do sindicalismo nacionalista que é unha patria ceibe e sen explotación. Nada máis, compañeiros e compañeiras, moitas grazas por estardes hoxe aquí.

Viva o 10 de Marzo. Viva o Día da Clase Obreira Galega.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2005
cig.informatica