Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 5 de marzo de 2005

A CIG contra o acordo de moderación salarial pactado por CCOO, UGT e patronal
 

Paula Castro-

cig.prensa@galizacig.com


O venres 4 de marzo os sindicatos estatais CCOO e UGT asinaban, por cuarta vez, o acordo de moderación salarial coa CEOE para a negociación colectiva do 2005, que supón un incremento salarial de tan só o 2%. A CIG oponse radicalmente a esta política de pactos asinados con criterios macroeconómicos, máis cando logo de catro anos pactando, os propios sindicatos estatais recoñecen que se retrocedeu na negociación colectiva a todos os niveis e en nada mellorou a situación de precariedade que padece a clase traballadora.


  Clic para aumentar
Antolín Alcántara.
 
Antolín Alcántara,
secretario confederal de Negociación Colectiva:

“Intentaremos que se aplique o IPC previsto máis os puntos que reclamemos a maiores sobre o salario medio de Galiza”


Uns 420.000 traballadores e traballadoras perciben menos de trece mil €/ano. Arredor de 170.000 ingresan menos de once mil. A precariedade, entendida como contratación non indefinida, afecta ao 47,6 % dos cadros de persoal, se excluímos os convenios de empresa e o sector público. Por vez primeira desde a transición, o custo salarial medio nos tres primeiros trimestres do ano 2004 é inferior ao mesmo período do ano anterior.

Diante deste panorama desalentador a CIG considera imprescindíbel un cambio na negociación colectiva que recupere salarios, diminúa a precariedade e dignifique as condicións laborais. Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva, explícanos como se introducirán estes elementos no proceso de negociación colectiva para o ano 2005.


Paula Castro: A patronal leva meses falando de contención salarial. Cal é a posición da CIG respecto desa proposta?

Antolín Alcántara: Tradicionalmente, negociábanse os incrementos salariais sobre a base do IPC. Logo de analizar as razóns polas que as familias eran incapaces de chegar a fin de mes malia esas subas salariais, advertimos que no cálculo do IPC non se teñen en conta gastos como o da adquisición de vivenda. Isto está producindo un quebranto para as rendas familiares, cunha incidencia máis negativa aínda sobre os salarios máis baixos, que son maioría entre os traballadores galegos. A nosa posición pasará primeiro, por actuar e forzar o debate público sobre a legalidade social do IPC. Un debate que, seguramente, vai transcender o ámbito estritamente sindical. Queremos trasladar tamén esta iniciativa directamente ás empresas por medio dunha campaña que poña en evidencia a trampa deste modelo negociador dos salarios, demostrando que todos aqueles traballadores que non teñan un incremento salarial mensual mínimo de 50 euros en 14 pagas perderán poder adquisitivo. Ademais, intentaremos conseguir que se aplique o IPC previsto máis os puntos que reclamemos a maiores deste, e aplicalo sobre o salario medio de Galiza para cada ano, dándonos sempre unha cantidade neta. Esta cantidade debe ser sempre a referencia mínima de partida para a nosa proposta de incremento salarial. Deste xeito aseguramos que os convenios máis baixos nunca perden capacidade adquisitiva, contrariamente ao que sucede na actualidade.

  Clic para aumentar
Antolín Alcántara:

“Os traballadores que non teñan un incremento salarial mensual mínimo de 50 euros en 14 pagas perderán poder adquisitivo”.

“A proposta para a negociación colectiva de CCOO e UGT pasa novamente por unha suba moderada dos salarios coincidindo, na base, coa proposta da patronal”.

“Como CIG, non podemos avalar ningún convenio que estabeleza retribucións inferiores para os traballadores novos”.

“Os sectores máis precarios e onde se rexistra a máis escandalosa sobreexplotación, están preferentemente ocupados por mulleres”.

“Con cada norma, con cada dereito que ampliamos en cada Convenio no ámbito do noso país, estamos construíndo un Marco Galego de Relacións Laborais”.
(Fotos: ©galizacig.com).
 
P. Castro: CCOO e UGT non parecen ter a mesma percepción e pactarán novamente coa patronal a moderación?

A. Alcántara: CCOO e UGT xa teñen pechada a súa proposta para a negociación colectiva, para o ano 2005. A súa “reflexión cabal” para manter unha economía competitiva e diminuír esta situación epidémica de precariedade, pasa novamente por unha suba moderada dos salarios coincidindo, na base, coa proposta da patronal. A receita segue sendo a mesma que nos Pactos anteriores, aínda que eles mesmos recoñeceran que máis do 30% dos asalariados no Estado experimentaron incrementos inferiores ao IPC, por careceren de cláusula de revisión salarial, por inaplicación da mesma ou por non considerar os efectos retroactivos. Recréanse nun modelo de entreguismo sindical que ten o dobre efecto perverso de facer perder capacidade adquisitiva á clase traballadora, ao tempo que neutraliza o resto das demandas. Os salarios están negociados de antemán, por tanto o resto das materias non teñen forza específica para crear conflito e acadar melloras.

P. Castro: Os traballadores enfróntase a unha cada vez maior desprotección e precariedade nas condicións de traballo. Como se pode mudar esta situación?

A. Alcántara: O mellor antídoto a esta desprotección pasa por atacar as altísimas porcentaxes de eventualidade. Esta é a única forma de facilitar a organización sindical dos traballadores e equilibrar a relación de forzas no interior das empresas. Temos que estabelecer porcentaxes mínimas de fixos ou máximas de eventualidade, para a partir de aí, executar disciplinadamente estas medidas nas empresas.

P. Castro: Outro dos graves problemas é á fragmentación da clase traballadora dentro das empresas. Existe a posibilidade de darlle a volta ao modelo instaurado?

A. Alcántara: Demasiados convenios incorporan xa condicións de retribución e de xornada distinta segundo se trate de fixos ou eventuais e a mocidade é a principal damnificada por estas medidas. Unha discriminación que non podemos tolerar como organización de clase. Hai que ter en conta que, en canto os traballadores con máis antigüidade -que son os que gozan de mellores condicións laborais- abandonen o mundo do traballo, quedarán nas empresas aqueles que teñen unhas condicións laborais máis precarias. Por iso, como CIG, non podemos avalar ningún convenio que estabeleza retribucións inferiores para os traballadores novos. De facelo estariamos favorecendo a fragmentación dos cadros de persoal nas empresas e o seu desinterese pola participación sindical, ao sentírense damnificados por estes convenios. Porén, o sindicalismo español, na súa liña concesiva, non ten reparos en facilitar a través da negociación colectiva a estratificación de dereitos entre categorías e entre fixos e eventuais.

P. Castro: Ademais da mocidade, se hai algún colectivo que padece esa desigualdade salarial, aínda desenvolvendo o mesmo traballo, son as mulleres. É de abondo con exixir a aplicación da lexislación existente na materia?

A. Alcántara: Os sectores máis precarios e onde se rexistra a máis escandalosa sobreexplotación, están preferentemente ocupados por mulleres. O téxtil, comercio vario, perruquerías e limpeza non ligada a centros públicos ou concertados, destacan como paradigma no inmensa fraude na contratación e sobreextensión non retribuída da xornada laboral. A maiores, en sectores máis regularizados e en empresas con convenio propio organízase artificiosamente unha nomenclatura de categorías onde o xénero feminino pode realizar o mesmo traballo de categorías superiores pero con retribucións inferiores. Para nós a non discriminación de xénero debe prevalecer. Temos que implantar nos textos dos Convenios as normas legais de protección de xénero e conciliación da vida laboral e familiar e asegurar a igualdade de condicións en materia de dereitos, de promoción e adecuación das categorías, a fiscalización da xornada laboral e a garantía de todas retribucións.

P. Castro: O colectivo de discapacitados tamén padece a precariedade laboral. Hai algunha proposta específica para resolver a súa problemática?

A. Alcántara: Exixiremos na contratación os mínimos legais (2% do cadro de persoal en empresas de máis de 50 traballadores/as) e promoveremos que nos convenios colectivos se recolla a obrigatoriedade de contratar un 5% dos traballadores/as discapacitados naquelas empresas que teñan a obriga de facelo, nas administracións locais, provinciais e autonómicas.

P. Castro: A redución de xornada foi obxecto de debate durante os último anos, aínda que hoxe parece desbotada esta posibilidade. Vaise recuperar esta demanda no proceso de negociación colectiva para o 2005?

A. Alcántara: Con independencia de que nos convenios se incluíse a diminución de xornada, o capital foi recuperando xornada efectiva impoñendo xornadas moi superiores ás pactadas, en moitos casos sen ser retribuídas. Obrígase a realizar horas extras, case sempre retribuídas a prezos inferiores e segue medrando a fraude na contratación a tempo parcial e nos contratos de formación e prácticas. Os Pactos Confederais de CCOO e UGT serviron para desactivar esta demanda, e a redución sistemática da xornada laboral que se viña producindo en derrames anuais, ralentizouse nos Convenios de empresa, paralizándose nos restantes ámbitos. Isto implica que debemos traballar en dúas frontes: reclamando reducións anuais para traducilas en días de descanso e inspeccionando o cumprimento da xornada pactada nos convenios e nos contratos. Ademais, debemos evitar a ampliación das xornadas a fins de semana de xeito discrecional, como se vén facendo.

P. Castro: A CIG terá en conta na negociación colectiva a Saúde Laboral?

A. Alcántara: A saúde laboral non é unha materia auxiliar e a negociación colectiva permite enormes posibilidades para mellorar este ámbito de dereitos superando a clásica normativa que unicamente reproduce a Lei. Debemos prestar especial atención á normativa de prevención de enfermidades profisionais e de sinistralidade. A introdución e o tratamento tanto da organización do traballo (xornada, descansos e pausas, nocturnidade, horas extraordinarias, control da subcontratación, contratación con empresas de traballo temporal) como da mellora dos dereitos dos traballadores/as e o avance nos aspectos técnico-preventivos, son cuestións centrais á hora de abordar o proceso de negociación colectiva.

P. Castro: A CIG sempre defendeu o Marco Galego de Relacións Laborais, pero hai moitos convenios que son de ámbito estatal. Como se vai intentar reforzar este marco?

A. Alcántara: Con cada norma, con cada dereito que ampliamos en cada Convenio no ámbito do noso país, estamos construíndo un Marco Galego de Relacións Laborais. A importancia deste feito, no que nós mesmos somos protagonistas, permite que administremos até onde este marco é beneficioso para a nosa clase traballadora. Con todo, estamos no punto de partida, os nosos convenios de empresas, os provinciais e os galegos, poden ser espazos superlativos de dereitos para a clase traballadora galega. Este é o noso capital normativo e a mellor fonte de dereitos. Na contra, o españolismo continua perseverando en reforzar o seu espazo de dominio: o marco estatal. Para o fin que perseguen e para un modelo de sindicalismo vertical, representativo de cúpulas, precisan distanciar o ámbito de decisión. Deste xeito, paralizan a participación e evitan o conflito. En definitiva, sublime para o capital. Polo tanto, depende de nós consolidar o noso marco galego. Canto máis forte e con mellores defensas cualitativas, máis difícil para os contrarios destruír este ámbito.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2005
cig.informatica