Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 5 de marzo de 2005

Entrevista a Elvira Patiño, secretaria de CIG-Muller
As mulleres acceden a contratos a tempo parcial como única opción para conseguiren un posto de traballo

 

Paula Castro-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Elvira Patiño. (Foto: ©galizacig.com).
 
O próximo día 8 de marzo celébrase o “Día da Muller Traballadora”. Con motivo desta data a Secretaría da Muller da CIG pon en marcha unha campaña baixo o lema “Emprego e oportunidades para as mulleres”. Elvira Patiño, secretaria da Muller, explica cal é a situación laboral na que se atopan as galegas e as alternativas que propón a CIG para paliar a endémica situación de precariedade que sofren.


Paula Castro:
Cal é a situación laboral na que se atopan as mulleres galegas?

Elvira Patiño: Son especialmente preocupantes os elevadísimos niveis de precariedade nos que a maioría desenvolven o seu traballo. As mulleres sofren unha maior temporalidade na contratación, usándose maioritariamente contratos de interinidade, aínda que tamén por obra ou por circunstancias da produción. Tamén atopamos un número moi elevado de mulleres contratadas a tempo parcial, sendo na maioría dos casos a única opción para acceder a un posto de traballo, non por elección persoal. Por iso, é imprescindíbel que as administracións controlen as fraudes nas contratacións temporais e nas contratacións a tempo parcial, para que sexan realmente unha elección e non a única opción. Tamén existen grandes diferenzas dentro da poboación activa se temos en conta que hai un 18,3% de mulleres paradas fronte ao 9% de homes.

P. Castro: As taxas de actividade ás que te refires seguen evidenciando que as mulleres son maioría entre a poboación denominada como “inactiva”.

E. Patiño: O concepto de poboación activa comprende tanto as persoas que están ocupadas como as persoas que están paradas. Cando se fala de poboación inactiva, estase a falar daquelas persoas que non están no mercado laboral, tales como os/as pensionistas, xubilados/as e as “amas de casa”. Dos datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística, a través da EPA, temos que subliñar, un ano máis, o dato de inactividade das mulleres, superior en 20 puntos ao dos homes. Os datos refliten que a taxa de actividade dos homes é dun 63,8% e a das mulleres un 45,5%. É dicir, hai un 55,5% de mulleres inactivas fronte a un 36,2% de homes, case 20 puntos de diferenza.

  Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Actos reivindicativos na celebración do Día da Muller Traballadora, en Vigo, nos anos 2002, 2003 e 2004. (Fotos: ©Fernando Pol).
 
P. Castro: Cales cres que son as causas que provocan esta elevada taxa de “inactividade?

E. Patiño: As causas para explicar a alta taxa de inactividade das mulleres seguen sendo as mesmas ao longo do tempo. A falta de postos de traballo reflítese na alta taxa de paro, con períodos moi longos nesta situación até encontrar un emprego. Esa longa espera fai que moitas mulleres acaben por abandonar a busca de emprego e pasen a ser inactivas. Tampouco podemos esquecer que as mulleres seguen a ocuparse, en maior medida que os homes, das tarefas domésticas e do coidado das persoas dependentes da súa familia, chegando a ter dupla ou mesmo tripla xornada de traballo se ademais están traballando fóra da casa. Matizaría, en todo caso, que as mulleres segundo as estatísticas, son parte da porcentaxe de inactivas pero nunha elevada porcentaxe forman parte, a súa vez, do gran número de persoas que traballan na economía somerxida, ou o que é o mesmo, con traballos non declarados, non cotizados e con salarios pésimos.

P. Castro: E as dificultades para conciliar a vida laboral e familiar, inciden tamén nesa baixa taxa de actividade?

E. Patiño: Efectivamente, vén agravar máis esta situación o feito de que non existan servizos sociais públicos e gratuítos adecuados e suficientes para a conciliación da vida laboral e familiar, porque aínda que non nos guste, somos as mulleres quen nos vemos obrigadas a conciliar. Así que cun salario máis baixo e con contratos temporais en precario é máis fácil que sexa a muller e non o home quen abandone o traballo para se dedicar ao coidado da familia.

P. Castro: Mantense tamén a desigualdade salarial a pesar de que a lexislación obriga a garantir os mesmos salarios no mesmo posto de traballo?

E. Patiño: A máxima de “a igual traballo, igual salario” segue sen cumprirse no caso das mulleres. Hai moitos convenios sectoriais ou de empresa que enmascaran esa desigualdade salarial estabelecendo distintas categorías para homes e mulleres e mediante outro tipo de enganos. O que demandamos desde a Secretaría da Muller da CIG é que se controle esta discriminación salarial nos convenios colectivos.

P. Castro: E as Leis de Igualdade para fomentar o emprego feminino, están acadando os efectos desexados?

E. Patiño: Seguimos sen ver resultados reais deses grandes proxectos anunciados unha e outra vez polos distintos gobernos, tanto do estado como do noso país. Semellan máis grandes campañas de publicidade, pero sen interese real en que as cousas cambien.

P. Castro: Para solucionar a precaria situación laboral feminina, cales son as propostas da Secretaría da Muller da CIG?

E. Patiño: Reivindicamos o incremento da oferta de servizos sociais públicos e gratuítos para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar; que se poñan en marcha programas de conscienciación sobre o reparto das cargas familiares entre homes e mulleres, comezando polo ensino nos primeiros niveis; programas de sensibilización con respecto ás desigualdades laborais existentes entre homes e mulleres e programas de actuacións reais para fomentar o emprego feminino. Ademais demandamos unha reforma da lexislación que faga posíbel e efectiva a verdadeira conciliación da vida laboral e familiar, control polas administracións das fraudes nas contratacións temporais e nas contratacións a tempo parcial e, por suposto, control da discriminación salarial nos convenios colectivos.

Clic para aumentar
 
Cun salario máis baixo e con contratos temporais en precario é máis fácil que sexa a muller e non o home quen abandone o traballo para se dedicar ao coidado da familia.

Demandamos unha reforma da lexislación que faga posíbel e efectiva a verdadeira conciliación da vida laboral e familiar.

Elvira Patiño. (Foto: ©galizacig.com).

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/03/2005
cig.informatica