|
Actualidade CIG-Comunicación-
Mentras, os traballadores e traballadoras galegas asistimos a unha deterioración importante dos nosos salarios, da que deberemos responsabilizar directamente aos pactos de moderación salarial que asina cada ano en Madrid o sindicalismo español (UGT o CCOO) e ás regras aceptadas de negociación sobre IPC, que está resultando un indicador manipulado para conter a inflación a custo das economías máis modestas, as da clase traballadora. O traballo encargado pola CIG ao catedrático de Economía da Universidade de Compostela, Xavier Vence, demostra que o IPC non é un indicador que mida de xeito neutral a elevación dos prezos e o impacto proporcionado que ten sobre a economía de cada familia. O IPC preparado polos diferentes gobernos mide a oscilación de prezos de 484 produtos; por tanto, establece un resultado medio, pero non todas as familias teñen o mesmo gasto en cada un destes produtos. Esta consideración é importante porque estes 484 produtos teñen ao longo do ano un incremento distinto; uns soben máis o outros menos. Pero a maiores o Goberno manipula deliberadamente o IPC, non incluíndo entre os produtos a considerar a compra da vivenda, que si está incluída noutros países de Europa, e este gasto é especialmente importante na economía das familias. Unha familia con ingresos inferiores a 15.000€ ano gasta un promedio do 65% e 70% da súa renda nos consumos básicos de alimentación, bebidas e vivenda, mentres que para os máis ricos os gastos nestes mesmos conceptos representan aproximadamente o 43%. Pero son precisamente estes produtos de alimentación e a vivenda os que rexistran subas máis desproporcionadas e moi por riba do que resulta ser o IPC ao final de ano. Os prezos da alimentación e bebidas subiron nestes catro últimos anos unha media entre o 12% e 17% cada ano, o a vivenda subiu unha media do 58% nos tres últimos anos. Por tanto, se fixésemos un IPC para as familias máis pobres, maioritariamente a clase traballadora, considerando a porcentaxe de gasto nos produtos que máis consumen, o IPC real estaría por riba do 7% cada ano, contra o 3,5% e 4% que se rexistra neste período. Sabendo que o IPC é unha cifra media de moitos produtos, resulta por tanto máis fiábel a súa estimación para un salario medio, para que afecte por igual aos que ganen máis como aos que ganen menos, e non sobre o total de rendas como fan agora. Por tanto, para coñecer a cifra de inflacción máis aproximada en euros que nos afecta a todos, debemos aplicar o IPC do ano 2004 ao salario medio en Galiza nese mesmo ano. Deste xeito, se o IPC no pasado ano foi o 3,2%, aplicado ao salario medio en Galiza, resulta unha cantidade de 589€ de promedio de inflacción. Esta cantidade dividida en 14 pagas para aplicalo como suba a un convenio colectivo serían 42€ por mes. Por tanto, que non nos enganen co IPC a medida dos ricos, nin tampouco con pactos do 2% en Madrid. Defende a dignidade do teu salario e dos dereitos do teu convenio. Lembra que a cantidade mínima de incremento non debe ser inferior a 42€ mes en 14 pagas, senón perderás poder adquisitivo.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/03/2005 |