ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 10 de marzo de 2005

Remata o xuízo contra catro sindicalistas da CIG pola súa participación na folga de Transportes La Unión
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Clic para aumentar
Tanto na xornada do día 8 de marzo como na do día 9, numerosos compañeiros da central sindical se achegaron a amosar a súa solidariedade cos acusados: secretarios comarcais, traballadores do sector do transporte, delegados e delegadas sindicais, membros da Executiva e do Consello Confederal... (Fotos: ©Fernando Pol 09/03/2005).
Clic para aumentar
Clic para aumentar
O xuízo permitiu constatar tamén que as facturas presentadas, en base ás que se fixaba a indemnización a pagar por parte dos encausados, estaban infladas e presentaban numerosas irregularidades, xa que non se correspondían os gastos cos custes reais das reparacións dos desperfectos nos autobuses.
 
Nin unha soa das testemuñas identificou aos acusados como autores dos desperfectos ocasionados en varios autobuses no decurso da folga. Ademais, constatouse que as facturas presentadas pola empresa estaban infladas. Mentres os traballadores e aqueles que os apoiaron na defensa dos seus dereitos sentan no banco dos acusados, o empresario responsábel de provocar o conflito laboral recibe subvencións da Xunta de Galiza.

O pasado martes 8 de marzo comezaba no xulgado número 1 de Pontevedra o xuízo contra os catro compañeiros da CIG, Rafael Iglesias, Antolín Alcántara, Xosé Lois Díaz e Marcos Rodas, pola súa participaron na folga de Transportes la Unión no ano 2001.

A CIG considera que o xuízo non serviu para probar a implicación dos compañeiros como culpábeis dos desperfectos. A propia testemuña protexida, a proba máis gardada da acusación, non foi quen de identificar aos compañeiros como autores materiais dos desperfectos ocasionados nos autobuses. Mesmo chegou a afirmar que ningunha das persoas sentadas no banco dos acusados, pola súa complexión física, semellaban os que viu realizando as pintadas. Ademais, esta testemuña asegurou que nunca falara do modelo de coche no que marcharan, senón que foi a garda civil quen dixo de que marca era.

Para a Confederación Intersindical Galega, o xuízo permitiu constatar tamén que as facturas presentadas, en base ás que se fixaba a indemnización a pagar por parte dos encausados, estaban infladas e presentaban numerosas irregularidades, xa que non se correspondían os gastos cos custes reais das reparacións dos desperfectos nos autobuses.

O taller no que se realizaron as reparacións forma parte do grupo Monbús, o que ven significar que a empresa se facturou a se mesma. Os propios atestados da Garda civil demostraron que autobuses que non tiñan pintadas figuraban logo en facturas como que tiveran que ser reparados ou que a autobuses que non tiñan os parabrisas rotos se lles fixo un suposto cambio de cristal.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo considera que “con este xuízo ponse de manifesto que son os traballadores e quen os apoian na defensa dos seus dereitos quen finalmente teñen que pagar as consecuencias mentres que os empresarios, que son quen provocan os conflitos nunca sentan no banco dos acusados, a pesar de incumprir a legalidade canto a respecto dos dereitos laborais o dos propios convenios”.

Para a CIG o principal responsábel desta situación segue sendo Raúl López, por incumprimento de convenio, por despedimentos improcedentes (ten despedido a máis de 150 traballadores das distintas empresas que foi absorbendo, máis 15 fixos-discontinuos de Viuda Domínguez -adquirida hai aproximadamente 8 meses- e a dous delegados da CIG), por conduta antisindical e por violar dereitos fundamentais como o de folga, con sentenza firme por estes feitos.

A CIG tamén responsabiliza á Xunta de Galiza por seguir favorecendo actitudes como a de Raúl López concedéndolle as liñas de transporte escolar, a pesar do deficiente servizo que presta, denunciado polas ANPAS e demais usuarios, e subvencións que moitas veces son destinadas a pagar os propios despedimentos. Para a CIG aquí se ve claramente cal é o modelo de relacións laborais que defende a administración galega.


  Clic para aumentar
Antolín Alcántara: “O que máis me molestou do que vivín aquí, é que algunha persoa poida sentirse ameazada por nós, ou considere que necesita sentirse protexida na súa integridade física, porque nós somos sindicalistas e levamos toda a nosa vida facendo sindicalismo, defendendo á clase traballadora. Os únicos que poden sentirse ameazados son aqueles que exercen o seu poder, o abuso de poder para forzar a súa vantaxe sobre a outra parte, sobre a clase traballadora”.
 
Alegación final de Antolin Alcántara

Teño que decir que nego categoricamente a nosa participación nos feitos que se nos imputan para a causa deste xuízo.

Por outra parte onte escoitei aquí que calqueira cidadá que teña constancia da comisión dun delito debe colaborar coa Xustiza. Por esta razón quero denunciar ao propietario da Unión sr. Raúl López por un delito continuado contra os dereitos dos traballadores, tal e como quedou acreditado durante a celebración deste xuízo mediante diferentes probas documentais e de testemuñas e con sentencias firmes dos tribunais do social.

Por eso pido á Fiscalía que actúe coa mesma dilixencia e severidade coa que se actuou contra nós, e estou convencido de que se este ministerio fiscal tuvese actuado a tempo durante o conflicto de Monbús; o día 26 de xuño do ano 2001 sería un día como outro calquera e non houbesen sucedido os feitos polos que hoxe se nos xulga. Pero aínda que sexa extemporáneo, pido que se actúe pola comisión destes delitos que vulneran os artigos 314 e 315 do Código Penal.

Pero o que máis me molestou do que vivín aquí, é que algunha persoa poida sentirse ameazada por nós, ou considere que necesita sentirse protexida na súa integridade física, porque nós somos sindicalistas e levamos toda a nosa vida facendo sindicalismo, defendendo á clase traballadora. Os únicos que poden sentirse ameazados son aqueles que exercen o seu poder, o abuso de poder para forzar a súa vantaxe sobre a outra parte, sobre a clase traballadora. Eses si poden sentirse ameazados.

Nada mais.


Mostras de solidariedade

Tanto na xornada do día 8 de marzo como na do día 9, numerosos compañeiros da central sindical se achegaron a amosar a súa solidariedade cos acusados: secretarios comarcais, traballadores do sector do transporte, delegados e delegadas sindicais, membros da Executiva e do Consello Confederal... Os catro sindicalistas recibiron tamén mostras de solidariedade de compañeiros de diversas organizacións nacionalistas que se achegaron a Pontevedra para manifestar coa súa presenza o seu apoio polo compromiso da CIG na mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores galegos.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/03/2005
cig.informatica