|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
As razóns deste exilio persoal hai que as buscar case con exclusividade na procura dun posto de traballo, digno economicamente falando e en canto a condicións laborais. E todos estes compatriotas que marchan a vender a súa forza de traballo fóra constitúen un capital humano valiosísimo desde varios puntos de vista; entre outras cousas, porque unha parte importante corresponde a xente altamente cualificada, que se formou nas universidades galegas e que agora verá como o seu traballo non repercute no propio país. Parellamente a isto, hai que pensar que moitas destas persoas son bastante novas en idade e xa acabarán por realizar o seu proxecto vital lonxe de Galiza, con evidentes repercusións tamén en aspectos como a baixa natalidade do país e o conseguinte avellentamento poboacional, situación esta que xa comeza a ser un problema real para todos e todas nós. A lóxica tamén indica que a culpa -e os culpábeis- desta incesamente enxurrada migratoria reside nas políticas que se desenvolveron no noso país nos últimos lustros, debedoras do encadramento de Galiza como periferia do Estado español e periferia do crebacabezas europeo, crebacabezas que vén tendo por norte o desenvolvemento do programa neoliberal no vello continente. O poder autonómico, desde o seu grao competencial escaso e mal aproveitado, descansou practicamente desde a súa configuración na dereita política, que no económico e no social se comportou como tal. E o poder do Estado basculou na alternancia política de conservadores e liberais, mais sempre dentro das deliñadas marxes das políticas que emanaban a nivel internacional dos centros capitalistas. Polo tanto, un espazo de soberanía tan limitado co que conta Galiza, xunto coa interpretación milimétrica dos ditados do capital por parte dos diferentes Gobernos (autonómico e estatal), debuxaron a desoladora paisaxe da Galiza deste comezo do século XXI. Desoladora paisaxe que retrata tamén a unhas elites económicas e de poder totalmente viradas ao devalar da nosa nación. Por forza, a repunta da emigración galega non pode ser máis que un síntoma dun estado de cousas como o sinalado. E o certo é que, a curto prazo, non se albiscan solucións doadas, sobre todo sen unha mudanza cualitativa na fasquía do poder político en Galiza. Cábelle ao nacionalismo, máis unha vez, o arriscado papel de subverter a situación, a partir do seu mergullamento máis comprometido coa dinámica social de Galiza, que non é pequena. E nese sentido o andado de século XXI é unha mostra máis que evidente. No noso país nestes últimos anos téñense desatado por momentos auténticas forzas insubmisas e esperanzadoras, que revelaron tamén a madureza e a vocación de existencia da nosa nación e as súas xentes. As mobilizacións masivas no campo operario (folgas de 2001 e 2002), o dinamismo estudantil contra a LOU, a masiva oposición á guerra de Iraq e, sobre todo, a activación social que supuxo a resposta do pobo galego á catástrofe do ‘Prestige’, son probas elocuentes dunha sociedade que si é quen de demandar, de exixir e de reclamar ante os gobernantes. Se cadra unha e outra cousa -a derrama migratoria e a mobilización social- semellen contraditorias, e talvez o sexan, mais esa é unha das complexidades da sociedade galega neste século que botou a andar cinco anos atrás. Manter a segunda e frear a primeira son retos aos que o nacionalismo non se vai poder subtraer, aínda no caso de que se quixese así.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/03/2005 |