|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
O conflito laboral que deu lugar a este proceso xudicial ten a súa responsabilidade única na actitude do empresario Raúl López, empresario do transporte, quen vén practicando desde hai anos unha filosofía de empresa que está a causar graves prexuízos aos traballadores. Esta actitude abertamente antiobreira non lle ten causado problemas coa xustiza, o que denota que desde o poder (tamén desde o mundo xudicial) existe unha dobre vara de medir, segundo de quen se trate, tal e como se denunciaba hai uns días desde o sindicato nacionalista. Tras a durísima sentenza contra os sindicalistas de Lugo, por mor da súa actuación como piquetes informativos na pasada folga xeral, agora semella a xustiza volve a pór os seus ollos en quen está a defender de xeito consecuente os dereitos dos traballadores e traballadoras da nosa nación. O que non deixa de ser paradigmático é o clamoroso silencio que as centrais de dirección estatal están a ter tamén diante do xuízo dos sindicalistas da CIG, como se eles non formasen parte do movemento obreiro e se sentisen máis partícipes da defensa da “lei e a orde” que impera por mandato do capital. Só o nacionalismo está a arroupar -como o fixo no caso dos sindicalistas de Lugo- á CIG e aos compañeiros procesados. Só o nacionalismo, pero tamén centos e centos de traballadores e traballadoras que levan amosado a súa solidariedade e que comparten unha acción sindical de compromiso a ultranza cos dereitos da clase traballadora galega. Para o caso que vén de ser xulgado en Pontevedra, estanse a solicitar nin máis nin menos por parte do Ministerio fiscal penas de dous anos de cadea para os catro sindicalistas procesados, por supostos danos en autobuses da empresa La Unión, ademais dunha sanción económica desorbitada. Nuns poucos días hase coñecer a sentenza e poderemos saber se, máis unha vez, a xustiza opta por se situar de parte dos que conculcan dereitos laborais ou se, pola contra, entende como xusta a organización e autodefensa dos traballadores perante as continuas agresións que padecen a cotío de mans como as do propietario de Transportes La Unión. Este é o pano de fondo para os actos que o sindicalismo nacionalista preparou para conmemorar o 10 de Marzo, data que en si mesma é tamén a memoria da clase traballadora galega e do seu combate inquebrantábel na defensa dos seus dereitos laborais e na liberdade. Os 33 anos que nos separan daquel 10 de Marzo sanguento son tamén anos de consolidación dunha alternativa sindical como a nacionalista, que conxuga as ansias de liberdade do noso pobo coas arelas emancipatorias da clase traballadora. Unha alternativa, a da CIG, que estando ás portas do seu novo Congreso é hoxe un referente inequívoco para cada día máis traballadoras e traballadores galegos.
|
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2005
|