Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 4 de marzo de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Uruguai tínxese de esperanza

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Compromiso social con quen máis precisa a acción do Goberno, afondamento nas canles democráticas do país e unha visión internacional non sometida aos mandatos do Imperio son tres elementos basilares das novas políticas que o Frente Amplio pretende desenvolver.



  Clic para aumentar
Os ventos que sopran neste novo Uruguai que xermola son ventos de mudanza. Ese é o compromiso das forzas que integran o Frente Amplio e do novo presidente da República. O seu discurso de toma de posesión non resulta nada ambiguo: “O noso Plan de Emerxencia Social non se negocia, o noso Plan de Emerxencia Social comezarémolo a desenvolver desde o día de mañá para atender a quen máis o necesita e o merece no Uruguai”.
 
O día 1 de marzo de 2005, o da toma de posesión do presidente Tabaré Vázquez, é un día que vai quedar gravado, por moito tempo, no corazón e na memoria do pobo uruguaio, de toda Latinoamérica e, por que non dicilo?, de todas as nacións e xentes do mundo que pelexan pola soberanía dos pobos e pola xustiza social.

Non é difícil explicar as enormes expectativas xeradas en Uruguai, no seu pobo, pola vitoria nas urnas do Frente Amplio, que lle deu a presidencia da nación na persoa de Tabaré Vázquez. O primeiro presidente de esquerdas en acceder ao goberno do país, país no que aínda supuran as feridas da terríbel ditadura militar sufrida.

Do ano 1973 ao 1985 millares de uruguaios padeceron a represión fascista dun réxime que, co amparo do imperialismo norteamericano, bateu brutalmente nas clases populares e nas súas organizacións políticas e sociais. Foron centos e centos os asasinados, os desaparecidos e os exiliados a consecuencia do golpe militar e a subseguinte ditadura. Un golpe militar e unha ditadura feitos para servir aos intereses do capital, como tantas outras.

Malia a ferocidade da represión, que foi atroz e sanguinaria, o pobo uruguaio soubo resistir, durante moito tempo de xeito clandestino e logo emerxendo á luz, para facer posíbel que só 20 anos despois da fin da ditadura as xentes máis desfavorecidas levasen a esperanza, co seu traballo social e coa forza dos seus votos, dunha transformación do país. Que lección da Historia ver a vellos loitadores da resistencia (os ‘tupamaros’) asumiren responsabilidades dentro do Goberno popular uruguaio!

Os ventos que sopran neste novo Uruguai que xermola son ventos de mudanza. Ese é o compromiso das forzas que integran o Frente Amplio e do novo presidente da República. O seu discurso de toma de posesión non resulta nada ambiguo: “O noso Plan de Emerxencia Social non se negocia, o noso Plan de Emerxencia Social comezarémolo a desenvolver desde o día de mañá para atender a quen máis o necesita e o merece no Uruguai”.

Compromiso social con quen máis precisa a acción do Goberno, afondamento nas canles democráticas do país e unha visión internacional non sometida aos mandatos do Imperio son tres elementos basilares das novas políticas que o Frente Amplio pretende desenvolver.

O que se espera do novo Goberno por parte do pobo uruguaio é todo, primordialmente do lado dos que nada teñen e ven neste cambio político o único futuro posíbel. Pero tamén hai que ser conscientes que desde os sectores da oligarquía uruguaia, e do propio imperialismo norteamericano, van ser mirados con lupa todos e cada un dos pasos que dea o Goberno frente-amplista. E que os atrancos son moitos, comezando pola propia situación dun país saqueado, espoliado, privatizado, con millares e millares dos seus cidadáns malvivindo por falta dos mínimos recursos para unha existencia digna.

En todo caso, o que xa non lle poden roubar ao pobo uruguaio é o seu dereito á esperanza. E esta acaba de estourar con forza nesta “primavera” que comeza.


Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2005