ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 21 de abril de 2005

1º de Maio
Contra a perda de poder adquisitivo e polo emprego na nosa terra

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 
Manifestacións 1º de Maio
Localidade Hora Saída dende
Vigo 12:00 Cruce da Doblada
A Coruña 12:00 Praza de Vigo
Compostela 12:30 Praza Roxa
Ferrol 12:00 Avenida de Esteiro (Fronte local CIG)
Pontevedra 12:00 Praza da Ferrería
Ourense 12:00 Pavillón dos Remedios
Lugo 12:30 Ronda da Muralla (Edificio sindical)
Ribadeo 12:30 Mercado de Ribadeo
Ribeira 12:30 Praza da Lonxa
 
Os acordos de contención salarial asinados durante estes catro últimos anos en Madrid polas cúpulas dos empresarios e dos sindicatos UGT e CCOO, provocan unha constante perda de poder adquisitivo na clase traballadora. Estes acordos limitan os incrementos nos convenios a porcentaxes inferiores ou iguais ao IPC, non compensando a verdadeira inflación, o que se nota na dificultade maior que temos para chegar a fin de mes.

No noso país 420.000 persoas, a metade dos asalariados, perciben menos de 13.000 € brutos por ano, e entre estes, 170.000 cobran menos de 11.000 €. Esta é a realidade que provocan estes pactos; empobrecen aos máis pobres.

A maiores, estes cativos incrementos están condicionados por un IPC amañado que carga a inflación sobre as rendas máis modestas. O IPC sería máis elevado, sobre un 7% cada ano, para as familias con ingresos inferiores a 15.000 € ano se estivese adaptado ao consumo real destas familias e se incorporase tamén para a valoración do IPC o custo da vivenda, excluído deliberadamente polo Goberno do Estado para manipular contabelmente a inflación. O certo é que para non perder poder adquisitivo nos salarios, o incremento en cada convenio non pode ser inferior a 42 € por mes. Esta é a inflación real do ano 2004.

 
A metade dos asalariados perciben menos de 13.000 euros por ano
 
Existe unha harmonía entre estes sindicatos, os empresarios e o Goberno, para retirarlle salarios á clase traballadora e entregárllelo ás empresas. Vemos con abraio e carraxe como mentres asinan estes Pactos, as ganancias da Banca, das Bolsas e das grandes empresas alcanzan cifras imponentes e ofensivas para a nosa dignidade.

Este modelo sindical de pacto, a cambio de rebaixar salarios non consegue crear máis emprego, reducir a xornada de traballo ou diminuír a precariedade. Esto permite a moitas empresas non cumprir os convenios a pesar dos baixos salarios e sobreexplotando a clase traballadora. Por esta razón, e por culpa deste sindicalismo, as nosas pensións seguen a ser as máis baixas do Estado. Pola contra, onde a CIG é maioría fracasan na intención de aplicar este Pacto de contención salarial, polo que a mellor resposta desde a clase traballadora, pasa por fortalecer a loita e o sindicalismo nacionalista.

 
Os salarios non deben subir menos de 42 euros ao mes
 
Ademais disto, neste 1º de Maio os galegos e galegas debemos mobilizarnos contra unha causa endémica que desestrutura a nosa sociedade e o noso pobo, a emigración. Nos últimos anos máis de 200.000 galegos e galegas saíron de Galiza buscando emprego no Estado e en Europa. A taxa de desemprego que padecemos, maior que o resto do Estado, sería exponencialmente máis alta se tivésemos en conta aos nosos e nosas emigrantes. Parece evidente que a política da Xunta e o desprezo dos diferentes Gobernos do Estado nas súas políticas de investimento e competencias para Galiza, son a causa deste éxodo recorrente que padece o noso pobo.

Hoxe ten tanta actualidade como antes aquela consigna do sindicalismo nacionalista que reclamou sempre o traballo digno na nosa Terra. Por iso debemos loitar desde un modelo sindical comprometido co país e non entregado aos poderes do Estado e dos empresarios, onde as cúpulas non permiten a participación nin a opinión da clase traballadora, da mesma maneira que o facía o sindicalismo vertical. Os nosos baixos salarios nunca crearon emprego nin reduciron a precariedade; máis razón para defender a dignidade dos nosos salarios e do emprego.

Por un 1º de Maio na defensa de emprego
e salarios dignos na nosa terra

Cartaz CIG, Emprego na nosa terra

 
 
 
pdfDescarga, imprime e difunde

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2005
cig.informatica