|
Actualidade CIG-Comunicación-
Morremos en Galiza case 12 veces máis que en Alemaña e duplicamos os índices de mortalidade de España, por poñer un exemplo, deixando un tremendo drama e moita dor en moitas familias cun custo social e económico incalculábel. E tamén para os milleiros de traballadoras e traballadores que non aparecen nas estatísticas oficiais que padeceron unha enfermidade profesional camuflada como enfermidade común porque o único que fixeron durante a súa vida laboral foi someter a esa persoa a uns controis sanitarios xerais, no mellor dos casos, para asegurar unicamente a súa aptitude física para traballar. Así temos milleiros de historias clínicas almacenadas en cuarto de Mutuas, Servizos de Prevención de Empresas, nos antigos Gabinetes Provinciais da Consellaría correspondente, sen que sirvan ningunha delas para elaborar polas autoridades sanitarias mapas de riscos, estudos epidemiolóxicos, intercambiar información, en definitiva, facer da Vixilancia da Saúde a dos recoñecementos médicos, un INSTRUMENTO DE PREVENCIÓN. Ninguén parece considerar a necesidade de cumprir a Lei de Prevención que no Artigo 23 recolle... “no momento do cesamento da actividade, as empresas deberán achegar á autoridade laboral a documentación relativa aos controis do estado de saúde dos traballadores e traballadoras, sendo obrigatoria tamén a posta a disposición das autoridades sanitarias esta documentación”. Nada disto o fan as Empresas, nin as Autoridades Sanitarias, nin o fai cumprir a Inspección de Traballo. Así os milleiros de afectados polo uso do Amianto teñen que inventarse a súa historia clínica, mentres os seus datos clínico-laborais dormen en caixas expostos a que desaparezan. Diste xeito, pódese entender que as cifras de enfermidades profesionais son en España das máis baixas de Europa, porque falsean a situación, incumpren a Lei, mentres que somos para vergonza da Administración e dos empresarios irresponsábeis o peor de Europa en accidentes mortais no traballo. É polo que dedicamos este 28 de abril a tantas e tantas familias que están sufrindo un drama tremendo pola perda en accidente de traballo dunha persoa achegada, por culpa dunhas inxustas condicións de traballo e por algo que se puido evitar na maioría dos casos. Tamén a todos aqueles que padecen unha inxusta enfermidade derivada do traballo aínda que para as autoridades sanitarias esta non exista. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/04/2005 |