ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 22 de abril de 2005

Fraga demostrou sobradamente a súa incapacidade para xestionar politicamente o país
A CIG considera que o PP convoca as eleccións só en función dos intereses do partido

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Foto CIG, clic para aumentar
A CIG confía en que o pobo galego, que saíu á rúa masivamente para demandar dignidade e exixindo mudanzas reais para este país, refrende co seu voto o cambio político necesario para saír desta situación de parálise política que padecemos desde hai 16 anos cos gobernos do PP. (Foto: Manifestación de Nunca Máis en Santiago, 16/11/2003. ©Fernando Pol).
 
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que o adianto das eleccións autonómicas para o 19 de xuño acordouse atendendo exclusivamente aos intereses do Partido Popular e, en ningún caso pensando no que máis lle convén a Galiza. De ter priorizado os intereses de Galiza “as eleccións teríanse convocado hai moito tempo”.

Para a CIG o PP ten demostrado sobradamente a súa incapacidade para gobernar e xestionar Galiza e moito menos para liderar a defensa dos nosos intereses como país fronte o Goberno central. A CIG non esquece o papel do Executivo de Manuel Fraga na crise do Prestige ou a súa actitude seguidista do Goberno Aznar na guerra contra Iraq. Como tampouco pode esquecer o lamentábel mutismo mantido diante duns orzamentos xerais do Estado que ano tras ano marxinan a Galiza.

Por iso, desde a CIG contémplase con incredulidade a propagandística chamada á rúa de Fraga diante dos incumprimentos orzamentarios do PSOE nos seus compromisos con Galiza cando son, nin máis nin menos, idénticos aos incumprimentos do PP cando ostentaba o goberno do Estado.

A parálise política de Galiza compróbase na ausencia de medidas pensadas para Galiza e xestionadas en Galiza. A CIG entende que o noso país precisa que se desenvolva a nosa economía cunha política industrial que aproveite os nosos recursos e potencie as nosas capacidades, acompañada por unha política medioambiental real; unha política de defensa dos servizos públicos, nomeadamente o sistema sanitario e o educativo; unha política efectiva de emprego que lle faga fronte ás elevadas taxas de desemprego, de máis de dous puntos por riba da media estatal, ao 35% de eventualidade na contratación e cunha precariedade laboral das máis altas da UE; unha verdadeira política de igualdade de homes e mulleres e unha política que defenda a nosa lingua e cultura propias.

A CIG confía en que o pobo galego, que saíu á rúa masivamente para demandar dignidade e exixindo mudanzas reais para este país, refrende co seu voto o cambio político necesario para saír desta situación de parálise política que padecemos desde hai 16 anos cos gobernos do PP.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2005
cig.informatica