ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 29 de abril de 2005

Foron desaloxados violentamente de Galiemprego, evento que é un acto electoral do PP montado como parte da campaña de Fraga
A CIG denuncia a actuación policial contra mozos que protestaban pola política de emprego do PP

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Cartaz Galiemprego 2005, clic para aumentar
Mentres o goberno do PP gasta miles de euros en eventos publicitarios como Galiemprego para vender a súa inexistente política de emprego, “centos de mozos e mozas teñen que marchar á emigración para poder atopar un traballo mentres Manuel Fraga sae na foto en actos propagandísticos como este”.
 
Un grupo de mozos e mozas organizaron un acto en protesta pola nefasta política de emprego da Xunta de Galiza no acto inaugural de Galiemprego, o xoves 28 de abril, no que estaba o presidente da Xunta, Manuel Fraga. Apenas despregaron os cartaces e berraron “máis emprego, menos propaganda”, unha nube de policías nacionais de uniforme e de paisano e de escoltas de Fraga botáronse a eles para desaloxalos.

A Confederación Intersindical Galega denuncia a actuación policial contra uns mozos que protestaban pola política de emprego do Partido Popular no acto de inauguración de Galiemprego, o xoves 28 de abril. A resposta das forzas policiais demostra que Fraga non está disposto a aceptar que ninguén cuestione a súa política, nin de emprego, nin calquera outra e que para iso está disposto a recorrer a calquera tipo de medida represiva.

A CIG denuncia tamén que mentres o goberno do PP gasta miles de euros nestes eventos publicitarios para vender a súa inexistente política de emprego, “centos de mozos e mozas teñen que marchar á emigración para poder atopar un traballo mentres Manuel Fraga sae na foto en actos propagandísticos como este”.

A política de Fraga canto a creación de emprego resúmese en manipular as estatísticas, prometer pleno emprego, cando non conseguiu reducir o desemprego existente nin frear a lacra migratoria que padece Galiza, e en celebrar festas e demais eventos.


Censura informativa

Segindo fielmente aquela máxima segundo a que “o que non se publica, non existe”, a policía non só reprimiu violentamente aos rapaces senón que tamén impediu que se grabaran imaxes ou fixeran fotografías da súa actuación. A policía intentou quedar cunha cámara fotográfica e ante a negativa da xornalista a entregarlla obrigouna a mostrar unha tras outra todas as imaxes para, posteriormente eles mesmos borrar as poucas nas que se deixaba constancia do proceso de identificación e detención de algún deles.

Isto supón un flagrante atentado contra a liberdade de expresión. Pero máis grave aínda é o mutismo informativo dos medios de comunicación pública, Radio Galega e Televisión de Galicia, que non fixeron a máis mínima mención ao acontecido e retrataron o acto inaugural de Galiemprego como un paseo triunfal do presidente da Xunta. Constátase así que o de menos é a política de emprego e o de máis é a propaganda e a precampaña do Partido Popular.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2005
cig.informatica