Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 1 de abril de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
A pelota vasca no tellado español

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


O escenario que se pode prever tras as eleccións vascas (marxinación da esquerda abertzale, á parte) non vai diferir demasiado do dos últimos anos, marcado polo inevitábel xiro soberanista do nacionalismo vasco que representan PNV e EA a nivel político, tras dar por concluído o percorrido do Estatuto de Autonomía vasco.



  Clic para aumentar
O que parece máis que probábel é que o resultado saído das urnas o vindeiro 17 de abril exprese unha aposta maioritaria da sociedade vasca en prol da reforma estatutaria en clave soberanista, con indisimulado triunfo electoral da coalición PNV-EA, se cadra mesmo obtendo a maioría absoluta do Parlamento vasco.
 
A escasas horas de se iniciar a campaña electoral en Euscadi, faise difícil subtraerse ás expectativas que xeran as eleccións vascas, sobre todo tras o precipitado final de lexislatura provocado polo rexeitamento por parte do Parlamento español da proposta de reforma de Estatuto político da Comunidade de Euscadi, o mal chamado ‘Plan Ibarretxe’.

Un dos feitos determinantes desta campaña, e do que veña a seguir, radica na ilegalización da formación abertzale Batasuna e da insólita aplicación da Lei de Partidos á candidatura de Aukera Guztiak (‘Todas as Opcións’), que se conformou tras a recollida de millares de sinaturas de cidadáns vascos, entre eles o propio Xabier Arzallus, expresidente do PNV. Así, o espectro ideolóxico da esquerda abertzale, que política e socioloxicamente non é nin moito menos desprezábel, queda fóra da Cámara vasca, o que sen dúbida representa un déficit democrático e, o que é máis grave, é unha pedra máis no camiño da solución ao denominado “contencioso vasco”.

O que parece máis que probábel é que o resultado saído das urnas o vindeiro 17 de abril exprese unha aposta maioritaria da sociedade vasca en prol da reforma estatutaria en clave soberanista, con indisimulado triunfo electoral da coalición PNV-EA, se cadra mesmo obtendo a maioría absoluta do Parlamento vasco. A segunda forza en discordia, a bastantes escanos do nacionalismo vasco, será o PSOE-PSE, nunha versión con Patxi López á cabeza desde logo menos furibundamente españolista que hai catro anos, en que Nicolás Redondo Terreros rivalidaba en españolismo co propio candidato do PP, o inefábel Mayor Oreja, hoxe xubilado de honra no seu escano do Parlamento europeo. A terceira opción en votos será a do PP, que presumibelmente terá que intentar suturar a máis que segura fuxida de votos cara ao PSOE-PSE. O cuarto en discordia será Ezker Batua, que vén de participar no Goberno vasco, mais que ten manifestado a súa crítica e contraditoria visión da proposta de reforma de Estatuto político da Comunidade de Euscadi, elemento central da nova lexislatura e do propio curso político na Euscadi futura. E quen seguramente non poida despegar a nivel electoral sexa Aralar, formación escindida da esquerda abertzale que pugna por un espazo político de difícil concreción no actual País Vasco.

Así as cousas, o escenario que se pode prever tras as eleccións vascas (marxinación da esquerda abertzale, á parte) non vai diferir demasiado do dos últimos anos, marcado polo inevitábel xiro soberanista do nacionalismo vasco que representan PNV e EA a nivel político, tras dar por concluído o percorrido do Estatuto de Autonomía vasco.

Agora só falta ver a cintura política que demostra o Goberno do Estado, e o propio Rodríguez Zapatero, ante o debate de fondo aberto no Estado español arredor da cuestión territorial, debate no que as nacións do Estado (cos seus diferentes ritmos e propostas) reclaman algo que xa parece inaprazábel como é, en primeiro lugar, o seu recoñecemento como tales, e en segundo lugar, os dereitos que se deben derivar de tal condición nacional. A resolución deste debate fundamental, nunha dirección ou noutra nos próximos anos, será a clave política que explique o devir futuro para uns e outros, e para a propia lexitimación da democracia, tan falta de se consolidar como réxime de dereitos e liberdades no noso contorno.


Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/04/2005