Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 22 de abril de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Adianto electoral: cara á fin da era Fraga

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Fronte á propia crenza de Fraga e dos seus, o adianto electoral anunciado por este terá como efecto que o aínda presidente da Xunta cave catro meses antes a súa tumba política, coas convulsas consecuencias que poida ter isto no equilibrio inestábel en que se encontra o Partido Popular en Galiza.



  Fraga e chapapote, clic para aumentar
Mais seguramente o actual presidente da Xunta e mais o PP non sexan de todo conscientes de que, máis alá das enquisas e as tendencias que poidan debuxar, nunha parte importante da sociedade galega a sensación de fastío ante a “era Fraga” xa reborda calquera límite, e da que a reacción habida na crise do ‘Prestige’ é se cadra o punto culminante. Sería difícil crer que as ducias de millares de galegos e galegas que se viron burlados polo Goberno de Fraga, e que se mobilizaron baixo o berro ‘Nunca Máis’, esquecesen o sucedido e non castigasen nas urnas a desidia e incompetencia do PP, nos Gobernos autonómica e central, na xestión da última marea negra.
 
Nun absurdo intento de fuxida cara a diante, Manuel Fraga acaba de convocar eleccións anticipadas para o mes de xuño, faltando máis unha vez á súa palabra (en fin, como se a tivera!) de esgotar esta súa cuarta lexislatura.

Dezaseis anos despois de que Fraga Iribarne chegase a Galiza -co rabo entre as pernas tras a súa frustrada tentativa de acceder á presidencia do Goberno do Estado-, o ex ministro franquista decide recuncar e opta outra volta por encabezar o Partido Popular e postularse como presidenciábel da Xunta.

É de supor que o do adianto electoral obedece a unha serie de indicadores (enquisas propias, etc) que lle fan pensar ao PP e a Fraga a conveniencia do actual momento político para convocar eleccións. O propio presidente do PP estatal, Mariano Rajoy, precisa con certa urxencia unha vitoria electoral nalgún territorio, para tentar manter algo da súa máis que minguada imaxe como líder da dereita española, sempre coa sombra do aznarismo axexando (os Acebes, Zaplana, Esperanza Aguirre e tantos máis).

Ao tempo, nas análises de Fraga deseguro que pensan factores como a convulsión interna que vive o nacionalismo galego por mor do remozamento no liderado político (magnificada coma sempre polos medios de comunicación) e a propia situación do PSOE en Galiza, incapaz de facer crer a suposta bonanza que significa para o país a alternancia no Goberno do Estado, máxime cando o chamado “efecto Zapatero” se vai desinflando inexorabelmente ante a falta de compromisos reais con Galiza.

Mais seguramente o actual presidente da Xunta e mais o PP non sexan de todo conscientes de que, máis alá das enquisas e as tendencias que poidan debuxar, nunha parte importante da sociedade galega a sensación de fastío ante a “era Fraga” xa reborda calquera límite, e da que a reacción habida na crise do ‘Prestige’ é se cadra o punto culminante. Sería difícil crer que as ducias de millares de galegos e galegas que se viron burlados polo Goberno de Fraga, e que se mobilizaron baixo o berro ‘Nunca Máis’, esquecesen o sucedido e non castigasen nas urnas a desidia e incompetencia do PP, nos Gobernos autonómica e central, na xestión da última marea negra.

Aínda que non só iso vai ser determinante na avaliación que nos mereza aos galegos e galegas os dezaseis anos de fraguismo. A propia situación sociolaboral do país, marcada polo aumento da precariedade laboral e a falta de perspectivas dun traballo digno para un bo número de persoas (sobre todo para a xente nova, pero non só), o que ademais está a provocar unha repunta do fenómeno migratorio a límites máis que alarmantes. Ou tamén o nepotismo con que vén actuando o PP, con toda unha rede caciquil que se estende por cada recuncho da nosa nación e que sen ir máis lonxe aproveitou a hexemonía institucional do Partido Popular en Galiza (concellos, deputacións, administración autonómica...) para tentar perpetuarse.

Moi posibelmente, fronte á súa propia crenza e a dos seus, o adianto electoral anunciado por Fraga Iribarne terá como efecto que o aínda presidente da Xunta cave catro meses antes a súa tumba política, coas convulsas consecuencias que poida ter isto no equilibrio inestábel en que se encontra o Partido Popular en Galiza.

Ademais, é bastante real a percepción, diríase que maioritaria no pobo galego, do desgaste do PP en Galiza, aparellada a unha maior consciencia do feito nacional galego, e da necesidade de que se articule política e institucionalmente a identidade propia de Galiza. Por iso, tampouco non debería ser cuestión menor para os galegos e galegas a decisión de quen vai liderar a nova etapa que se abra tras as eleccións do 19 de xuño. Que por primeira vez sexa o nacionalismo o que asuma esa responsabilidade é o reto ao que habería que responder neste momento.


Santiago de Compostela, 21 de abril de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2005