Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 19 de abril de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Poñerlle prezo á Internacional

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


A escasos días dunha nova conmeración do 1º de Maio, resulta cando menos curiosa esta polémica que envolve á “Internacional”: o himno operario ten dono -a sociedade Chant du Monde- ata mediados da década que vén, concretamente ata o ano 2014, se facemos caso das declaracións da Sociedade francesa para a Xestión de Dereitos de Autor. É dicir, que aínda restarían dez anos en que “A Internacional” xeraría o cobro dos dereitos de autor, se finalmente vai adiante en Francia da demanda presentada pola devandita SDRM.



  Clic para aumentar
“A Internacional”, a través da súa letra e dos sons da súa música, lémbranos a realidade da opresión capitalista e anima ao combate contra a devandita opresión. Nestes tempos de exacerbación do capital, na chamada globalización neoliberal, tamén é conveniente termos presente isto. Máis alá dos anos transcorridos desde o seu nacemento e oficialización como himno dos traballadores e traballadoras, “A Internacional” é símbolo dunha loita: pola xustiza social e a solidariedade. (Ilustración: “Traballadores”, Fernando Botero, 1994 Galería Botero).
 
A nova saltaba aos titulares de prensa hai só uns días. A Sociedade francesa para a Xestión de Dereitos de Autor (SDRM) demanda a un director de cinema daquel país o pagamento de 1.000 euros por que no filme ‘Insurrection, résurrection’ durante sete segundos alguén asubía “A Internacional”.

“A Internacional” é o himno obreiro por excelencia, desde a súa interpretación pública en 1888 (hai 127 anos!) e a súa autoría compártena Eugène Pottier (autor da letra) e Pierre Degeyter (autor da música). A súa popularización a nivel mundial débese á súa adopción como himno pola II Internacional, no ano 1910, o que levou a que fose adoptado por centos e centos de partidos de orientación socialista e comunista dos cinco continentes.

A escasos días dunha nova conmeración do 1º de Maio, resulta cando menos curiosa esta polémica que envolve á “Internacional”: o himno operario ten dono -a sociedade Chant du Monde- ata mediados da década que vén, concretamente ata o ano 2014, se facemos caso das declaracións da Sociedade francesa para a Xestión de Dereitos de Autor. É dicir, que aínda restarían dez anos en que “A Internacional” xeraría o cobro dos dereitos de autor, se finalmente vai adiante en Francia a demanda presentada pola devandita SDRM.

Tampouco non sería de estrañar que nun mundo onde todo se volver mercadoría, para xeral satisfacción do capital, se producise esta reapropiación do himno da clase traballadora, himno que a forza da Historia socializou xa irremediabelmente. Os centos de millares de persoas que no mundo enteiro veñen entoando “A Internacional” desde finais do século XIX fixeron deste himno un lugar común de encontro, no que se expresan os anceios de emancipación como clase dos traballadores e traballadoras.

En síntese, “A Internacional”, a través da súa letra e dos sons da súa música, lémbranos a realidade da opresión capitalista e anima ao combate contra a devandita opresión. Nestes tempos de exacerbación do capital, na chamada globalización neoliberal, tamén é conveniente termos presente isto. Máis alá dos anos transcorridos desde o seu nacemento e oficialización como himno dos traballadores e traballadoras, “A Internacional” é símbolo dunha loita: pola xustiza social e a solidariedade.

Poden mudar os tempos, mais non deberían mudar as vontades. O século XXI é en si mesmo unha proba de lume para a clase traballadora e, por extensión, para o conxunto da humanidade. Fronte a calquera desánimo, só queda o vieiro de resistir e de construír alternativas cara á emancipación. Isto é aquí, na Galiza nación sen estado, como en calquera outra parte do planeta. Unha soa nota da “Internacional” debería facérnolo recordar máis amiúdo. E para a anécdota ha quedar a reclamación que un día certa sociedade xeral de autores fixo co fin de obter 1.000 tristes euros a conta de que nun filme francés se asubiou durante sete segundos a “Internacional”.


Santiago de Compostela, 14 de abril de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
 
 
mp3Descarga unha versión instrumental de “A Internacional”

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/04/2005