Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 8 de abril de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Un día espertamos e Fraga xa non estaba aquí

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Se falamos de mobilización social, e só remontándonos a estes primeiros anos de século XXI, temos que comezar por lembrar a convocatoria de dúas exitosas convocatorias de folga xeral en Galiza, nos anos 2001 e 2002, contra as políticas neoliberais do PP no Goberno, e que xeraron unha explosión mobilizadora amplísima por parte dos traballadores e traballadoras da nosa nación. A clase traballadora galega mobilizouse e Fraga non estaba alí.



  Clic para aumentar
O fito mobilizador máis sobranceiro da historia de Galiza constituíuno a resposta social que protagonizou “Nunca Máis” ante a maré negra do ‘Prestige’ e ante a desidia e o abandono dos Gobernos central e autonómico do PP, resposta social que comezou coa espectacular -polo masiva-, manifestación na capital galega do 1 de decembro de 2002 e que continuou ben máis de dous anos. Contáronse por centos os actos reivindicativos por todo o país, con manifestacións históricas como a comentada ou como as levadas a cabo en Madrid ou na Coruña (ambas en febreiro de 2003) e un ambiente contestario e mobilizador como nunca se coñecera en Galiza. O pobo galego mobilizouse e Fraga non estaba alí.
 
O ocaso político e persoal dun dirixente como Manuel Fraga Iribarne sen dúbida dá lugar a determinados xestos que só son entendíbeis desde ese temor a deixar de exercer o poder, neste caso a presidencia da Xunta de Galiza.

Acabada de comezar a primavera, o actual mandatario da Xunta fai un estentóreo chamado ao pobo galego, para que se “pancartice”, que saia a rúa e se manifeste, isto dito despois dun rutineiro Consello da Xunta e tras catro lexislaturas gobernando a institución autonómica.

E non digo que non haxa razóns para que os galegos e galegas nos manifestemos, máxime cando é certa a marxinación histórica que padecemos e arrastramos e os actuais déficits tanto en infraestruturas como en servizos, por non falarmos do baixo nivel de renda comparativamente coa media do Estado e outros datos estatísticos que non fan precisamente de Galiza ese ‘país das marabillas’ que a propaganda fraguiana leva anos e anos pregoando.

Mais, se falamos de mobilización social, e só remontándonos a estes primeiros anos de século XXI, temos que comezar por lembrar a convocatoria de dúas exitosas convocatorias de folga xeral en Galiza, nos anos 2001 e 2002, contra as políticas neoliberais do PP no Goberno, e que xeraron unha explosión mobilizadora amplísima por parte dos traballadores e traballadoras da nosa nación. A clase traballadora galega mobilizouse e Fraga non estaba alí.

Millares de estudantes galegos invadiron as rúas no tránsito entre 2001 e 2002 contra a Lei Orgánica de Universidades (LOU), promulgada polo Goberno de Aznar, por resultar altamente lesiva para os intereses da comunidade universitaria do noso país. Durante semanas e semanas estudantes, profesores e persoal de administración e servizos das tres universidades galegas fixeron manifestacións, protestas e actos reivindicativos de todo tipo. A comunidade universitaria galega mobilizouse e Fraga non estaba alí.

O comezo da guerra en Iraq, apoiada de xeito entusiasta polo Goberno español e o partido que o sustentaba, o PP, en marzo de 2003, provocou tamén que millares de galegos e galegas se lanzasen á rúa, denunciando a agresión imperalista e a complicidade do Goberno de Aznar. A cidadanía galega mobilizouse e Fraga non estaba alí.

E o fito mobilizador máis sobranceiro da historia de Galiza constituíuno a resposta social que protagonizou “Nunca Máis” ante a maré negra do ‘Prestige’ e ante a desidia e o abandono dos Gobernos central e autonómico do PP, resposta social que comezou coa espectacular -polo masiva-, manifestación na capital galega do 1 de decembro de 2002 e que continuou ben máis de dous anos. Contáronse por centos os actos reivindicativos por todo o país, con manifestacións históricas como a comentada ou como as levadas a cabo en Madrid ou na Coruña (ambas en febreiro de 2003) e un ambiente contestario e mobilizador como nunca se coñecera en Galiza. O pobo galego mobilizouse e Fraga non estaba alí.

En fin, toda unha serie de conflitos, de demandas e de reivindicacións que se deron nesta última -e presumibelmente derradeira- lexislatura con Fraga e o PP gobernando a Xunta de Galiza e ante os que o máximo mandatario autonómico representaba xustamente a parte antagónica ás preocupacións dos galegos e galegas.

E así agora, nun xesto que só é indicativo da decrepitude política de Fraga Iribarne e das políticas da dereita en Galiza, fai ese brinde ao sol, pedindo a mobilización dos galegos e galegas contra o Goberno de Madrid. Tarde pía o aínda presidente da Xunta.


Santiago de Compostela, 7 de abril de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/04/2005