Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 29 de abril de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Un Primeiro de Maio contra a paisaxe neoliberal

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Sen dúbida a clase obreira de hoxe (‘clase-que-vive-do-traballo’ en expresión do brasileiro Ricardo Antunes) non responde exactamente ao mesmo padrón da do século anterior, e estea máis fragmentada e falta de cohesión, dado os novos estatus creados no seu seo. O capital vén xogando a baza da división do proletariado, entre outras cousas para intentar crebar a solidariedade como cuestión básica da visión do mundo dos traballadores e traballadoras.



  Ilustración de Craig David, clic para aumentar
A vaga neoliberal tras máis de dúas décadas de se estender a escala mundial tamén está a ter unha forte resposta, precisamente desde os segmentos sociais que máis padecen as súas consecuencias, e aí a clase obreira xoga e vai xogar no futuro un papel central, como xa o fixera durante os dous séculos anteriores XIX e fundamentalmente o XX. (Ilustración: “Allegory of the Workers”, Craig David, 1986.)
 
Fronte aos teóricos da banalidade, que pregoan a inexistencia da loita de clases ou a propia fin das ideoloxías e da Historia, o día a día encárgase de negar estes extremos e de sinalar o acentuadamente que se dan as contradicións capital-traballo na actual globalización capitalista.

A vaga neoliberal tras máis de dúas décadas de se estender a escala mundial tamén está a ter unha forte resposta, precisamente desde os segmentos sociais que máis padecen as súas consecuencias, e aí a clase obreira xoga e vai xogar no futuro un papel central, como xa o fixera durante os dous séculos anteriores XIX e fundamentalmente o XX.

Sen dúbida a clase obreira de hoxe (‘clase-que-vive-do-traballo’ en expresión do brasileiro Ricardo Antunes) non responde exactamente ao mesmo padrón da do século anterior, e estea máis fragmentada e falta de cohesión, dado os novos estatus creados no seu seo. O capital vén xogando a baza da división do proletariado, entre outras cousas para intentar crebar a solidariedade como cuestión básica da visión do mundo dos traballadores e traballadoras.

Eses intentos de ruptura da solidariedade de clase teñen unha fundamental plasmación no diferente grao de dereitos laborais en sentido amplo de que gozan os traballadores e traballadoras. Desde o propio dereito ou non a ter un emprego, até as condicións de contratación ou a extensión das xornadas laborais actúan -para o capital- como posíbeis fronteiras para tentar rachar os vínculos dos traballadores entre si.

A precariedade laboral é se cadra o expoñente máis claro disto (polo menos, tanto como o propio desemprego), precariedade que entorpece sumamente o desenvolvemento do traballo sindical e, polo tanto, a posibilidade de ir integrando de xeito compasado a defensa dos intereses da clase traballadora no seu conxunto, máis alá das súas circunstancias específicas.

O magoante do caso radica na colaboración que desde certo sindicalismo se dá nestes intentos de división e fragmentación dos traballadores e traballadoras, e dos seus intereses como clase. No noso contorno o chamado ‘sindicalismo españolista’, ademais de se distinguir pola negación dun marco galego de relacións laborais (o noso espazo de libre decisión en material laboral), é claro abandeirado de proxectos sindicais que só buscan colaborar co capitalismo e non superalo ou combatelo; como moito, procuran facelo máis amábel a ollos da clase traballadora.

Os últimos acordos asinados polas direccións de CCOO e UGT coa patronal, referidos a unha maior contención salarial, ou toda a batería de temas que están a negociar a tres bandas tamén co actual Goberno (coa exclusión do sindicalismo nacionalista), son evidencias do ánimo destas centrais sindicais de estenderen unha nova reforma laboral, encuberta ou non, que só favorece as ansias depredadoras da Banca e da gran empresa, eses mesmos que multiplican beneficios a conta de laminar dereitos e poder adquisitivo da clase traballadora.

O prezo desa “paz laboral” que oferecen CCOO e UGT a Goberno e patronal é un prezo que pagamos todos os traballadores e traballadoras. O que reciben a cambio soamente o reciben eles, aínda que teimen en disfrazar de supostas conquistas para a clase traballadora o que unicamente son cesións e máis cesións de dereitos laborais ou salariais.

O dito son cousas para a reflexión o Primeiro de Maio, iso si, sen deixar de se mobilizar activamente este noso día para a solidariedade de clase.


Santiago de Compostela, 28 de abril de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2005