ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 3 de maio de 2005

Nin xuntos, CCOO e UGT, foron quen de sumar unha participación semellante
Arredor de 10.000 persoas na rúa coa CIG no Primeiro de Maio

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Foto CIG: Primeiro de Maio, Vigo, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Vigo, clic para aumentar
Nin xuntos, CCOO e UGT, foron quen de sumar unha participación semellante á que conseguiu a CIG nas manifestacións que se celebraron en A Coruña, Ribadeo, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ribeira. (Fotos: Manifestación 1º de Maio en Vigo, ©Fernando Pol 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Arredor de 10.000 persoas participaron este Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, nas manifestacións convocadas pola CIG en toda Galiza, baixo o lema “Emprego na nosa terra, contra a perda de poder adquisitivo”. A Confederación Intersindical Galega valora moi positivamente a participación nas mesmas.

O Primeiro de Maio é unha data conmemorativa e reivindicativa da clase obreira internacional. Pero para a CIG alén dese carácter é continuación da actuación sindical que se desenvolve ao longo do ano en Galiza. Por iso, as demandas que a central realiza no Primeiro de Maio son as mesmas que vén facendo nos meses anteriores: traballo na nosa terra, como denuncia explícita dunha política económica e laboral que promove a emigración na vez de crear emprego digno; e contra a perda de poder adquisitivo dos salarios, porque os estudos encargados pola CIG constatan que os galegos e galegas temos cada vez máis dificultades para chegar a final de mes.

Que 175.000 galegos abandonaran Galiza a busca dun posto de traballo digno demostra a gravidade da situación laboral e a irresponsabilidade e fracaso das políticas neoliberais da Xunta de Galiza e do Partido Popular.

Que CCOO e UGT defendan e asinen acordos de moderación salarial, cando o certo é que as familias galegas, os traballadores e traballadoras do noso país, non son quen de afrontar o cada vez maior custe da vida, resulta tamén escandaloso. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, xa denunciaba esta situación na convocatoria das manifestacións, asegurando que “CCOO e UGT enganan á clase traballadora, vendendo este tipo de acordos para que os traballadores renuncien a certo incremento salarial en beneficio de contratos de traballo estábel cando a realidade evidencia que non só non se crearon máis postos de traballo estábel senón que ademais se incrementaron os temporais”.

Pero nin xuntos, CCOO e UGT, foron quen de sumar unha participación semellante á que conseguiu a CIG nas manifestacións que se celebraron en A Coruña, Ribadeo, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ribeira.


  Foto CIG: Primeiro de Maio, Vigo, clic para aumentar
A carga policial indiscriminada en Vigo acabou por enmascarar non xa o contido da manifestación senón mesmo a relevancia que tiña esta no conxunto das mobilizacións que se celebraron en toda Galiza. (Foto: Manifestación 1º de Maio en Vigo, ©galizacig.com 01/05/2005).
 
Lamentábeis incidentes

O máis lamentábel das mobilizacións celebradas onte foron os incidentes ocorridos ao remate da manifestación de Vigo, provocados por un grupo de persoas que non teñen nada que ver coa nosa central e dos que CIG se desvincula completamente, incidentes que provocaron unha carga policial indiscriminada que acabou por enmascarar non xa o contido da manifestación senón mesmo a relevancia que tiña esta no conxunto das mobilizacións que se celebraron en toda Galiza.

A este respecto, o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, lamentou os incidentes e se entrevistará co subdelegado do Goberno en Pontevedra, para pedir explicacións sobre a actuación da Policía Nacional e que se depuren responsabilidades. Seixo anunciou que a CIG non descarta presentar unha denuncia formal pola agresión “inxustificada” a membros da CIG e a posibilidade de que se convoque unha manifestación en protesta por estes feitos nas próximas semanas.



  Foto CIG: Suso Seixo, clic para aumentar
Suso Seixo: “Que os galegos e galegas teñamos que emigrar para buscar un posto de traballo que aquí non temos, é un estrepitoso fracaso da política económica e laboral da Xunta de Galiza. Non podemos esquecer que aínda así temos dous puntos de índice de desemprego por riba da media estatal”. (Foto: Manifestación 1º de Maio en Vigo, ©Fernando Pol 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Intervención de Suso Seixo, secretario xeral da CIG

Este ano estamos a celebrar o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, baixo o lema de “Emprego en Galiza e contra a perda de poder adquisitivo dos salarios”. Dous temas de total actualidade e que afectan de forma moi directa ás condicións de vida de millares de traballadores e traballadoras galegos.

A reivindicación de emprego na nosa Terra nace co propio sindicalismo nacionalista. Hai máis de trinta anos que vimos reivindicando o dereito, a necesidade dos galegos e galegas a producir e a vivir en Galiza.

A realidade é que de novo esta reivindicación está de actualidade, porque nos últimos anos son moitos os millares de mozos e mozas que tiveron que marchar cara a outras nacións do Estado ou de Europa na busca dun traballo digno que aquí non atopan.

Estamos a falar, pois, dun problema que levamos padecendo desde hai séculos e que ten graves consecuencias económicas, sociais, demográficas e mesmo políticas, xa que esta situación favorece os posicionamentos conservadores. Estou convencido de que se fósemos un país sen emigrantes aquí non gobernaría a dereita.

Que os galegos e galegas teñamos que emigrar para buscar un posto de traballo que aquí non temos, é un estrepitoso fracaso da política económica e laboral da Xunta de Galiza. Non podemos esquecer que aínda así temos dous puntos de índice de desemprego por riba da media estatal.

  Foto CIG: Primeiro de Maio, Vigo, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Vigo, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Vigo, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Vigo, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Vigo, clic para aumentar
(Fotos: Manifestación 1º de Maio en Vigo, ©Fernando Pol 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Esta situación é reflexo da aposta da Xunta de Galiza e do PP polas políticas neoliberais; a súa actitude de submisión as políticas de déficit cero, a súa actitude de abandono e de falta de apoio aos sectores produtivos galegos e de forma especial ao agro-gandeiro, permitindo o peche de milleiros de explotacións agrarias todos os anos ou renunciado a crear un grupo lácteo galego.

Temos un goberno galego estabelecido no autobombo, na inoperancia, no clientelismo e na falta absoluta de defensa dos intereses de Galiza e da súa clase traballadora.


Contra a perda de poder adquisitivo

Nos últimos catro anos CCOO e UGT veñen asinando un Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva, uns acordos que eles mesmos recoñecen que son de moderación salarial pero na práctica son acordos que supoñen unha perda real e global de poder adquisitivo por parte da clase traballadora.

Ademais destes acordos asinados sen contar coa opinión maioritaria dos traballadores e traballadoras, son acordos que favorecen claramente os intereses dos empresarios, desmobilizan a clase traballadora, incrementan os beneficios empresariais a custo do salario dos traballadores e traballadoras.

Estamos pois ante unha venda descarada dos intereses dos traballadores e traballadoras, só comprensíbel desde o punto de vista duns sindicatos totalmente vendidos ao sistema.

Estamos a celebrar este Primeiro de Maio ás portas de dous eventos importantes para nós.

Primeiro, a celebración do IV Congreso da CIG, os días 28 e 29 deste mes. Un Congreso ao que chegamos despois de catro anos de importantes mobilizacións contra a guerra de Iraq ou polo Prestige, con dúas folgas xerais exitosas contra os recortes de dereitos laborais, cun importante respaldo a nivel de representatividade sindical e afiliación. Temos que aproveitar este IV Congreso para sentar as bases que nos permitan reforzar organizativamente a CIG e fortalecer a mobilización e apoio dunha mellor acción sindical.

Segundo, as eleccións autonómicas do 19 de xuño. Temos a oportunidade, a clase traballadora galega de demostrarlle ao PP o noso rexeitamento total á súa xestión durante todos estes anos á fronte do Goberno Galego. Temos a necesidade de cambiar o goberno galego e temos a oportunidade tamén de que ese cambio o encabece e o dirixa o nacionalismo, se queremos que o cambio sexa real. Que por primeira vez na nosa historia Galiza estea gobernada por alguén que coñece as necesidades da nosa clase traballadora, que se identifique cos noso dereitos como nación e que estea disposto a defendelos con dignidade, pensando en clave galega e en clave nacionalista.

E xa para rematar lembrar que a conmemoración do 1º de maio como “Día do Internacionalismo Proletario” ven motivada polos sucesos que tiveron lugar en Chicago no ano 1886, nos primeiros días do mes de maio, en que numerosos traballadores foron asasinados por disparos da policía, por saír a manifestarse e pórse en folga reclamando 8 horas de traballo ao día. Como consecuencia deses sucesos foron aforcados catro dirixentes sindicais e outros tres condenados a cadea perpetua.

Despois de 120 anos segue habendo moitos millares de traballadores e traballadoras, especialmente no chamado Terceiro Mundo, en que as súas condicións laborais non son moito mellores que as destes traballadores de Chicago. Pero mesmo no mundo máis desenvolvido, hoxe segue sendo habitual, e cada vez máis, que se fagan xornadas de máis de 8 horas diarias. Estamos nun proceso de recorte de dereitos que tiñamos conquistado como clase grazas á loita de millares de traballadores e traballadoras en todo o mundo.

Disto temos que tirar a conclusión de que á clase traballadora non lle pode valer un sistema que obriga permanentemente a estar en garda e loitar polos seus dereitos e por unhas condicións de vida digna. Temos que loitar por profundos cambios estruturais deste modelo social e económico e conquistar un sistema económico e social no que a clase traballadora teña garantidas unhas condicións de vida e traballo dignas.



  Foto CIG: Paulo Carril Vázquez, A Coruña, clic para aumentar
Paulo Carril Vázquez: “Non se consegue crear emprego, non se reduce a precariedade, e non melloran as condicións laborais. Máis ben ao contrario. A precariedade medra, situándose hoxe no 34%. O desemprego pasa ao 13,5 mentres no estado está no 10,6. Só o 8% dos contratos feitos no 2004 foron indefinidos. O 44% dos contratos realizados duran menos de 1 mes”. (Foto: Manifestación 1º de Maio en A Coruña, ©galizacig.com 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Intervención de Paulo Carril Vázquez, secretario comarcal de A Coruña

Baixo o lema “Emprego na nosa terra, contra a perda de poder adquisitivo dos salarios” desde a CIG chamamos a mobilización neste 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora.

A dura e grave realidade do emprego e dos salarios en Galiza lévanos a ter como primeira bandeira, este 1º de Maio a defensa do emprego e dos salarios dignos na nosa terra.

Ano tras ano vemos como vai en aumento o deterioro do poder adquisitivo dos salario. Vemos como UGT, CCOO e a patronal asinan e reeditan os chamados acordos de contención salarial para a negociación colectiva.

Acordos cuxas consecuencias son a fixación de límites aos incrementos salariais a porcentaxes inferiores ou como máximo equivalentes ao IPC.

Vemos que mentres se devalúan os salarios a acumulación de beneficios polas empresas vai en aumento.

E vemos que os salarios en Galiza son un 15% inferiores a media do estado e que o 50% dos traballadores galegos cobran menos de 13.000 euros brutos ao ano.

É por iso que xa estamos fartos de acordos nos que só hai o retroceso nos dereitos laborais. Xa estamos fartos dun sindicalismo pactista que recorta e prexudica o noso benestar e que elimina cada día máis dereitos laborais e sociais.

Este constante empobrecemento dos salarios destapa a mentira das razóns que se dan para xustificalo:

  Foto CIG: Primeiro de Maio, A Coruña, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, A Coruña, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, A Coruña, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, A Coruña, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, A Coruña, clic para aumentar
(Fotos: Manifestación 1º de Maio en A Coruña, ©Breixo 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Non se consegue crear emprego, non se reduce a precariedade, e non melloran as condicións laborais. Máis ben ao contrario. A precariedade medra, situándose hoxe no 34%. O desemprego pasa ao 13,5 mentres no estado está no 10,6. Só o 8% dos contratos feitos no 2004 foron indefinidos. O 44% dos contratos realizados duran menos de 1 mes.

Pero o máis grave de todo isto, o triste resultado final é que durante os últimos anos 200.000 galegos emigraron buscando emprego en Europa ou no estado español.

Por iso, a reivindicación de postos de traballo dignos na nosa terra, constitúe unha reivindicación central no noso futuro inmediato e debe ser a resposta coa que combater o modelo neoliberal que guía o deseño desta realidade e que marca a acción dos gobernos.

Hai 1 ano da toma de posesión de Zapatero, cunhas promesas daquela que hoxe son papel mollado, cuxos resultados reais son:

- A mesma política económica neoliberal que o PP e continuas agresións aos sectores produtivos galegos.

- Practícase o mesmo desprezo por Galiza que aznar. Apróbase unha mortal e definitiva reconversión naval e mantense a marxinación absoluta no desenvolvemento das infraestruturas. Continúase coas mesmas receitas da agresiva competitividade que non mide as consecuencias da destrución do emprego ou da lapidación dos dereitos sociais que causa.

Máis na nosa comarca temos tamén exemplos claros da política do goberno español:

- A rede viaria estatal na comarca segue paralizada, igual acontece coa rede ferroviaria de cercanías e de alta velocidade.

- No relativo ao porto exterior confirmou o negocio urbanístico, e segue sen asumir un financiamento con fondos do estado ou da UE. E para máis despropósito, de mutuo acordo co PP dálle inicio irresponsablemente a unhas obras sen cartos.

- O saneamento integral da ría do Burgo e a posta en funcionamento do EDAR segue retrasándose, polo que os residuos e a contaminación segue matando o medio ambiente e facendo máis improdutiva unha ría con grande potencial marisqueiro e de xeración de postos de traballo.

Ademais:

- Onde están as medidas do goberno Zapatero para un plano de reindustrialización na comarca que deteña o desmantelamento industrial da comarca?

- Onde está o plano de futuro industrial da SEPI e de ZP para Santa Bárbara?

- Onde quedou o talante de Zapatero? Acaso estará nun Paco Vázquez negador de Galiza, nun Paco Vázquez negador do pluralismo político, da participación cidadá ou promotor dun Consello Económico e Social de cartón e sectario.

- Onde está a política progresista de vivenda de Zapatero? Acaso estará na prmoción pública ilegal e corrupta de “casitas” como a de Paco Vázquez na cidade vella? Acaso está no pelotazo urbanístico que pon en perigo os 100 postos de traballo en Astilleros Valiña?

Este 1º de Maio dáse nun momento especial pola convocatoria de eleccións para o 19 de Xuño.

Os gobernos de Fraga teñen sido absolutamente nulos e incapaces para afrontar esta realidade, teñen sido submisos e cómplices colaboradores coas políticas dos gobernos españois, causantes do desemprego, da precariedade, da reconversión agraria, pesqueira e industrial, do deterioro dos servizos públicos, das reaccionarias políticas sociais, etc.

Os traballadores e traballadoras temos a oportunidade para que se produza un cambio de goberno, para que haxa un goberno galego capaz de garantir o dereito a vivir no propio país, o dereito a un posto de traballo digno en Galiza, a unha Galiza sen emigración, a un goberno que garanta o desenvolvemento económico de Galiza desde a defensa e potenciamento do noso tecido produtivo básico.

Precisamos un goberno galego que acredite e faga posíbel o Marco galego de Relacións Laborais, un marco que dote á nosa nación de competencias plenas en materia económica e do emprego para poder definir o noso futuro.

Cómprenos un cambio galego, un goberno ao servizo de Galiza e dos e das traballadoras galegas.

Compañeiros e compañeiras anovemos esforzos, anovemos a confianza nun futuro de dignidade como traballadores e como galegos.

ÁNIMO E ADIANTE!

VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!
VIVA A CLASE OBREIRA!
VIVA GALIZA CEIBE E POPULAR!



  Foto CIG: Anxo Noceda, clic para aumentar
Anxo Noceda: “A contención salarial, polo tanto, non supón ningunha medida efectiva para a creación de emprego, estámolo a ver; todo o contrario, só serve para que a patronal encha un pouco máis os seus petos a custo da forza de traballo da clase traballadora. Lembremos que nestes acordos se están a asinar incrementos do 2%, mentres o IPC que realmente sufrimos o conxunto da clase traballadora galega foi no 2004 do 7%”. (Foto: Manifestación 1º de Maio en Santiago, ©galizacig.com 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Intervención de Anxo Noceda, secretario comarcal de Compostela

O 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, convén recordar que esta non é unha data buscada ao azar no calendario, senón, polo contrario, é unha data na que lembramos a loita de millares de traballadores e traballadoras na conquista da xornada laboral de oito horas, loita na que ducias de traballadores foron asasinados pola policía e outros condenados á pena de morte.

É unha desas datas que mantén viva na nosa memoria colectiva que todos e cada un dos avances, das conquistas, da clase traballadora proveñen da unión e a loita dos traballadores e traballadoras; que ninguén nos regalou nin nos vai regalar nada.

Este 1º de Maio de 2005 chéganos á clase traballadora despois dun ano de múltiples promesas por parte do goberno do PSOE, pero absolutamente baleiro de realidades.

Xa no 1º de maio do ano pasado amosabamos as nosas dúbidas acerca de que fose o goberno do PSOE o que ía mudar a situación laboral dos traballadores e traballadoras, e hoxe podemos afirmar que non nos enganabamos.

Así o cambio de goberno en Madrid non supuxo nin un só avance para a clase traballadora; máis ben ao contrario, continúan a teimar no mantemento das mesmas políticas neoliberais do goberno Aznar. Aínda que a forza de ser sinceros temos que recoñecerlles que agora o PSOE facendo o mesmo faino cun sorriso, isto seica é o que lle chaman talante. Máis que non se equivoquen, aos traballadores e traballadoras galegos non nos enganan.

  Foto CIG: Primeiro de Maio, Santiago, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Santiago, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Santiago, clic para aumentar
(Fotos: Manifestación 1º de Maio en Santiago, ©galizacig.com 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Así, neste último ano vimos como desde o Goberno do PSOE, contando en moitos casos coa deixación, cando non aprobación, por parte do Goberno da Xunta, se continúa a desmantelar o noso tecido industrial co práctico peche das antigas factorías navais de Astano e Bazán, como o Salario Mínimo perde cada vez máis o seu papel referencial, como entre o Goberno e UGT e CCOO se está a falar de abaratar os despedimentos, como cada ano seguen a morrer ducias de traballadores e traballadoras como causa duns accidentes laborais provocados pola voracidade económica das empresas e por uns gobernos que miran para outro lado, como se segue a consolidar a política represiva e criminalizadora contra os traballadores e os seus representantes sindicais; así neste último ano so en Santiago 3 membros da CIG tiveron peticións de penas de cadea por defenderen os dereitos dos traballadores e traballadoras, e como, tanto PSOE como PP, pretenderon levarnos de cabeza a unha Constitución Europea feita por arriba e que lexitima as políticas neoliberais e militaristas e que cercena aínda máis os dereitos nacionais dos pobos, negando o dereito de autodeterminación a nacións asoballadas como a nosa, GALIZA.

E non lle abondou con todo isto ao PSOE, senón que para parecerse aínda máis aos seus precursores seguen a teimar na súa política de centralización da negociación colectiva, contando para isto coa inestimábel colaboración dos seus lacaios CCOO e UGT, os cales xunto á patronal non tiveron ningún problema en continuar coa súa política de contención salarial asinando un novo acordo interconfederal que nos condena os traballadores e traballadoras a seguer perdendo poder adquisitivo. Mentres, os nosos cartos empréganse para arranxar as contas do Estado e para que a Banca e as grandes empresas anuncien ano a ano maiores beneficios.

Iso si, o emprego estábel e de calidade que supostamente se tería que crear con estas políticas de contención salarial non aparece por ningún lado, sendo boa proba disto que as taxas de precariedade laboral seguen a incrementarse.

A contención salarial, polo tanto, non supón ningunha medida efectiva para a creación de emprego, estámolo a ver; todo o contrario, só serve para que a patronal encha un pouco máis os seus petos a custo da forza de traballo da clase traballadora. Lembremos que nestes acordos se están a asinar incrementos do 2%, mentres o IPC que realmente sufrimos o conxunto da clase traballadora galega foi no 2004 do 7%.

Á vez que todo isto acontece, millares e millares dos nosos mozos, das nosas mozas -xa van máis de 200.000- non teñen máis remedio que marcharen da nosa Terra para procurar o pan; ironías da vida, a isto chámanlle mobilidade xeografica. Outro máis dos eufemismos que veñen empregando os diferentes gobernos do Estado e da Xunta, para tentar ocultar que os nosos mozos e mozas teñen que seguir a EMIGRAR, ao mesmo tempo que ocultan que nas súas cabezas non teñen ningunha aposta, nin de presente nin de futuro, para desenvolver economicamente a nosa nación, a GALIZA.

Na CIG non imos deixar de combater estas políticas neoliberais dos Gobernos do PSOE e do PP, non imos deixar de denunciar as prácticas seguidistas e pactistas de UGT e CCOO, no convencemento e na seguridade de que coa mobilización e a loita obreira seremos quen de vencelos.

Xa por último, queremos salientar a importancia de que como clase traballadora galega non esquezamos en ningún momento o seguidismo, o mimetismo e as aldraxes que contra a nosa clase, contra o noso pobo, están a cometer continuadamente tanto o PSOE como o PP; un deses momentos vai ser o vindeiro dia 19 de xuño, nas eleccións ao Parlamento Galego, data na que tamén debemos facer un exercicio de mobilización e loita co fin de desterrar o militarismo, a represión e as políticas neoliberais do Goberno da Xunta, comprometéndonos tamen nesa data coas forzas políticas nacionalistas e de esquerdas, tal e como día a día facemos nos nosos centros de traballo, na nosa loita diaria, co noso compromiso co sindicalismo nacionalista, coa CIG.

VIVA O 1º DE MAIO!
VIVA A CIG!
VIVA A LOITA OBREIRA!
VIVA GALIZA CEIBE E SEN EXPLOTACIÓN!



  Foto CIG: Primeiro de Maio, Ferrol, clic para aumentar
Emilio Cagiao Deive: “‘Postos de traballo na nosa Terra’. Esta vella consigna que por certo nunca deixamos de berrar na nosa comarca. O desmantelamento industrial que nos veñen aplicando desde hai 20 anos no sector naval, e que se materializa cada 5 anos, obrigounos a mantela viva porque sufrimos a perda de milleiros de postos de traballo e a emigración de moitas persoas desta comarca”. (Foto: Manifestación 1º de Maio en Ferrol, ©galizacig.com 01/05/2005).
 
Intervención de Emilio Cagiao Deive, secretario comarcal de Ferrol

Bon día a todos e todas neste día tan especial para a clase traballadora, como é o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, para nós tamén día de reivindicación e denuncia.

E digo que para nós é un día de reivindicación e denuncia porque a clase traballadora está a sufrir cada vez máis as consecuencias dun sindicalismo españolista entregado a un poder, que aplica cada vez máis as políticas neoliberais desta globalización que só algúns nos atrevemos a denunciar e combater.

Algunhas consecuencias para a clase traballadora dese entreguismo de CCOO e UGT coa patronal e o Goberno son:

1. A redución do salario. Atopámonos con que a metade da poboación asalariada galega gaña menos de 900 € brutos cada mes, menos de 150.000 das antigas pesetas.

2. O elevadísimo índice de paro. Somos a comunidade do Estado español con máis parados e paradas.

3. Pensións miserentas. As nosas pensións son as máis baixas do Estado.

4. Que tanto a eventualidade e a precariedade no traballo, como os accidentes laborais están en liña ascendente. Un estudo realizado polo noso Gabinete de Saúde Laboral con motivo do Día da Seguridade e Saúde no Traballo, o pasado xoves 28 de abril, revela que as mortes por accidente laboral en Galiza son case 12 veces máis que na Alemaña, e o dobre que no resto do Estado.

  Foto CIG: Primeiro de Maio, Ferrol, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Ferrol, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Ferrol, clic para aumentar
(Fotos: Manifestación 1º de Maio en Ferrol, ©galizacig.com 01/05/2005).
 
Mentres, a patronal enche os petos de cartos: Telefónica aumenta un 30,6% os seus beneficios; Iberia un 53%; Fadesa un 41%; Adolfo Domínguez un 20%.

Este contexto de precarización das relacións laborais dunha banda e de aumento de beneficios pola outra, é froito da aplicación das políticas neoliberais e dos pactos de moderación salarial que se asinan co pretexto da creación de emprego. Levan anos dicindo o mesmo, pero a realidade á que cada vez custa máis chegar a fin de mes, e cada vez son máis os mozos e mozas que emigran. “Máis de 200.000” saíron do país nos últimos anos a outras zonas do Estado e de Europa, algo que xa case tiñamos esquencido, pero os acontecementos obrígannos a berrar aquela vella consigna do nacionalismo galego: “Postos de traballo na nosa Terra”.

Esta vella consigna que por certo nunca deixamos de berrar na nosa comarca. O desmantelamento industrial que nos veñen aplicando desde hai 20 anos no sector naval, e que se materializa cada 5 anos, obrigounos a mantela viva porque sufrimos a perda de milleiros de postos de traballo e a emigración de moitas persoas desta comarca.

Si, compañeiros e compañeiras, o que está a acontecer con esta comarca non ten parangón en ningún outro sitio, é para inscribilo no Libro ‘Guiness’.

As decisións políticas tomadas no seu día polo Goberno do Estado, independentemente de se gobernaba o PP ou o PSOE, a parálise que sofre o Goberno de Fraga, e a traizón dos sindicatos CCOO e UGT motivaron que esteamos por debaixo das nosas posibilidades como comarca industrial, e porén favorecen que outras zonas do Estado, como Andalucía, saian favorecidas da desfeita da nosa comarca, levando para alí a carga de traballo mentres ao estaleiro de Fene non se lle dá ocupación. É a antesala do peche e os máis de dous mil traballadores das auxiliares ou ben emigran a esas zonas do Estado ou ben pasan ao paro.

Paro, por certo, cada vez máis elevado; somos sen ninguhna dúbida os que temos a taxa máis alta, o 17,5%, tres puntos e medio máis que a media galega, pero tamén somos os que máis incrementamos os accidentes laborais, 3.131 no ano 2004, un 9,20% máis que no ano anterior; e tamén somos os que máis postos de traballo fixo e público perdemos. Como se pode ver somos os primeiros en todo pero en negativo, ben, en case todo, porque no Concello de Fene baixa o número de accidentes laborais, claro que a antiga ASTANO leva máis de 2 anos sen carga de traballo, o que explica o porqué desta baixada.

Case todo o dito anteriormente seguro que vos soa; estas denuncias non son novas. Increméntanse os problemas sen amañar os anteriores, e apesar de todo isto aínda hai algúns ‘pardillos’(perdón aos paxaros) que non se enteiran, ou non se queren enteirar. Estoume a referir a visita do ministro de Industria o pasado día 13 á nosa comarca, e daquela non estaban convocadas as eleccións ao Parlamento Galego; empezan cedo a prometer e a mentir.

Pero a pesar do dano producido, das mentiras e dos abusos... resistimos. E resistimos porque somos pobo, pobo consciente das súas posibilidades e do seu futuro.

Un futuro, compañeiros e compañeiras, que pasa por cambiar esta situación. Temos que aproveitar o 19 de xuño para mudar este desprezo ao noso país e á nosa comarca.

As mulleres e homes galegos sabemos moi ben que non hai vitoria se non a traballamos e a pelexamos. Temos que aproveitar estes días para convencer os nosos amigos e amigas de que o 19 de xuño participen acudindo a votar, e votar por persoas que queiran e defendan este país, non por aqueles que aínda que naceron aquí obedecen os mandados de Madrid e non están comprometidos co noso País; estoume a referir aos do PSOE e aos do PP. Xa sabedes o dito galego “tanto dá azoutar como dar no cu”.

Polo tanto, compañeiros e compañeiras, para mudar esta situación, o 19 de xuño hai que votar. Por este país e pola súa xente temos que votar nacionalismo.

Moitas grazas.

VIVA O 1º DE MAIO!



  Foto CIG: Primeiro de Maio, Pontevedra, clic para aumentar
Rafael Iglesias (no centro): “Desde a CIG reclamamos convenios galegos, e un Plan Galego de Emprego que, partindo dos nosos sectores produtivos e acompañando o Marco Galego de Relacións Laborais, faga posíbel a transferencia das competencias que en materia laboral ten actualmente o Goberno Central. Para isto, na CIG somos conscientes de que se fai necesario un Novo Estatuto de Nación Galega, que supere o actual marco estatutario”. (Foto: Manifestación 1º de Maio en Pontevedra, ©galizacig.com 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Intervención de Rafael Iglesias García, secretario comarcal de Pontevedra

A economía galega, cos datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a través da Enquisa de Poboación Activa do ano 2004 non converxe coa economía española e europea. Galiza nos últimos 20 anos está quedando atrás, descendendo no Mapa das Rexións Europeas que elabora Bruxelas. Así, hai vinte anos estabamos polo medio da táboa e agora estamos de penúltima pola cola. Temos todos os indicadores económicos máis altos que a media española no negativo. Nas cifras do paro do 2004, temos o 13’5%, fronte ao 11’1%, os salarios galegos son os máis baixos do Estado, e polo mesmo tamén as pensións.

Existe unha despoboación galopante dos concellos do interior de Galiza froito da emigración tanto exterior como interior, que segundo estatísticas se cifran en 20.000 persoas emigrantes por ano.

Pero se a economía galega, que é competencia da Xunta de Galiza, está mal, o mesmo ocorre coas nosas infraestructuras coa Meseta, tanto nos camiños de ferro (AVE), como no das autovías, recollidas todas elas no ‘Plan Galicia’, que se fixo para lavar a consciencia dos galegos e galegas polo desastre do Prestige e que incumpren tanto os Gobernos de Madrid sexan do PP ou do PSOE.

Fronte a este panorama o sindicalismo estatal danos a receita da conxelación salarial do 2%, dos Acordos Interconfederais anuais asignados coa patronal, cando os IPC nos últimos 2 anos sobrepasa o 3% de aumento.

Toda a teoría da dereita tanto política como económica de que con baixos salarios se crea máis emprego é profundamente falsa e na nosa Terra témolo contrastado de abondo.

  Foto CIG: Primeiro de Maio, Pontevedra, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Pontevedra, clic para aumentar
(Fotos: Manifestación 1º de Maio en Pontevedra, ©galizacig.com 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Desde a CIG reclamamos convenios galegos, e un Plan Galego de Emprego que, partindo dos nosos sectores produtivos e acompañando o Marco Galego de Relacións Laborais, faga posíbel a transferencia das competencias que en materia laboral ten actualmente o Goberno Central. Para isto, na CIG somos conscientes de que se fai necesario un Novo Estatuto de Nación Galega, que supere o actual marco estatutario.

Parándonos un pouco na comarca demandamos que se faga canto antes o Polígono Industrial de Barro-Meis, que se rematen os traballos de ampliación da 2ª fase do P. do Campiño.

No tema das infraestruturas a CIG reclama o tren de proximidade, que una Pontevedra-Vigo-Vilagarcía, que se faga a circunvalación que tanto demanda a poboación de Pontevedra e a conexión coa autovía, así como unhas boas comunicacións co Morrazo e o Salnés.

En canto os temas propiamente sindicais, estamos orgullosos/as do acordo que asinamos con Trevés Galicia, S.L.U. para os Centros do Campiño e tamén no da Avda. de Vigo, EDIGAL, Convenio do Gran Hotel da Toxa, acordos que permitiron transformar moitos contratos eventuais a fixos.

O debate que a dereita do PP saca sobre ENCE, tensionando a sociedade de Pontevedra, ten como obxectivo por parte do capital, coa axuda do sindicato da patronal deixar na ría por vida o complexo e tamén o derrubar o actual goberno nacionalista de Pontevedra.

A CIG respecto deste tema exixe a constitución dunha Mesa Negociadora na que se contemple o traslado de ENCE e o peche do ciclo produtivo real na comarca de Pontevedra, para conservar e ampliar os postos de traballo.

Por último, os/as galegos e galegas estamos chamados/as a participar no proceso electoral para elixir os/as deputados/as do Parlamento Galego o próximo día 19 de xuño.

Na CIG, temos claro que como galegos e galegas, debemos gobernar nós a nosa Terra; somos os que coñecemos os nosos problemas e somos os que podemos dar as solucións. O PP e o PSOE son alternativas que teñen a súa dirección en Madrid, e en Galiza son sucursais.

Como galegos e galegas debemos mobilizarnos cara a que se produza o cambio galego que supere a etapa negativa do Goberno do PP encabezado por Manuel Fraga.

VIVA O 1º DE MAIO!
VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!



  Foto CIG: Primeiro de Maio, Ourense, clic para aumentar
Carlos Vázquez (primeiro pola dereita): “Tódolos días, millóns de persoas en todo o mundo –entre elas nenos e nenas- sufren a sobreexplotación dun sistema capitalista que non pon límite ao seu afán acaparador de riqueza. Cada día que pasa, o poder económico concéntrase en menos individuos e a desigualdade social aumenta, de tal maneira que, os ricos o son máis e os pobres máis pobres”. (Foto: Manifestación 1º de Maio en Ourense, ©galizacig.com 01/05/2005).
Foto CIG: Primeiro de Maio, Ourense, clic para aumentar
 
Intervención de Carlos Vázquez, secretario de Organización de Ourense

Compañeiras, compañeiros:

Celebramos o DIA INTERNACIONAL DA CLASE TRABALLADORA nun contexto sociolaboral marcado pola globalización da economía mundial que xa ten provocado unha importante regresión nos dereitos das traballadoras e traballadores tanto no plano económico como no social.

Tódolos días, millóns de persoas en todo o mundo –entre elas nenos e nenas- sufren a sobreexplotación dun sistema capitalista que non pon límite ao seu afán acaparador de riqueza. Cada día que pasa, o poder económico concéntrase en menos individuos e a desigualdade social aumenta, de tal maneira que, os ricos o son máis e os pobres máis pobres.

No ámbito xeográfico que nos toca vivir, vemos como os gobernos aplican políticas privatizadoras en beneficio do gran capital, mentras que, por activa ou por pasiva, se está debilitando o denominado “estado do benestar”. Un bo exemplo e a regresión que se está a producir no noso país nos sistemas públicos da sanidade e ensino aos que se lle negan recursos mentras se incrementan partidas orzamentarias para os privados.

No plano económico, coa implantación do euro, vemos como cada ano as rendas da clase traballadora perden poder adquisitivo. Comprobámolo pola dificultade que temos para chegar a fin de mes. Mentres, as ganancias da Banca, das Bolsas e das grandes empresas alcanzan cifras escandalosas e ofensivas para a nosa dignidade.

Desta situación responsabilizamos directamente aos pactos de moderación salarial que asinan cada ano en Madrid as cúpulas do sindicalismo español (UGT e CCOO) e dos empresarios. Vese claramente como existe unha harmonía entre estes sindicatos, os empresarios e o goberno que manipula contabelmente a inflación. O IPC sería sobre un 7% cada ano se estivese adaptado ao consumo real das familias e se incorporase para a súa valoración o custo da vivenda.

Este modelo sindical de pacto, non consegue crear máis emprego, reducir a xornada de traballo ou diminuir a precariedade. Fronte a este modelo, está o traballo diario da CIG combativo e reivindicativo, co que se está a demostrar que a mellor arma para defender os nosos intereses de clase pasa por fortalecer a loita e o sindicalismo nacionalista.

Hoxe, neste 1º de Maio, tamén alzamos a voz contra unha causa endémica que desestrutura a nosa sociedade e o noso pobo, a emigración. Nos últimos anos máis de 200.000 galegos e galegas saíron de Galiza buscando traballo noutras partes do estado ou de Europa. A tasa de desemprego que padecemos, maior que o resto do estado, sería aínda máis alta si tivésemos en conta á emigración. Por iso seguimos a berrar a consigna de sempre do sindicalismo nacionalista: “Traballo digno na nosa terra”.

No plano local, a regresión social, laboral e económica multiplícase ao ser a nosa, a provincia coa tasa de paro máis alta de Galiza. O 21 de xaneiro, centos de delegadas e delegados a CIG reclamabamos polas rúas de Ourense un plano industrial efectivo para a creación de emprego e alertabamos sobre as consecuencias negativas da deslocalización e os efectos que podía ter sobre o sector do téxtil. Hoxe temos que dicir que a avaliación que faciamos era correcta. A realidade é que moitos talleres do téxtil non teñen traballo, peligrando a súa continuidade e, que 168 traballadoras e traballadores de Valeo están no paro. Polo tanto seguen vixentes as reivindicacións que facía a CIG naquela data e en relación con Valeo, esiximos o cumprimento de compromisos adquiridos pola Xunta de Galiza para a recolocación destas 168 traballadoras e traballadores.

Para finalizar, seguimos afirmando que a mellor arma que temos a clase traballadora galega para mudar esta situación é a loita e a mobilización dende un modelo sindical comprometido co país e non entregado aos poderes do estado e dos empresarios.

VIVA O 1º DE MAIO!



  Foto CIG: Xosé Ferreiro Fernández, clic para aumentar
Xosé Ferreiro Fernández: “A reforma da formación continua, onde se exclúe á CIG deste tipo de formación por non ter ámbito estatal, o reparto dos fondo de acción social do IRPF ou o pacto de contención salarial, asinado polos sindicatos españois, a patronal e o goberno, que limita as subas nos convenios colectivos a un IPC previamente falsificado son un claro exemplo dos intentos de perseguir e marxinar a CIG, así como unha mostra de compra de vontades doutros sindicatos”. (Foto: Manifestación 1º de Maio en Lugo, ©Xosé Valcárcel 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
Intervención de Xosé Ferreiro Fernández, secretario comarcal de Lugo

Compañeiras e compañeiros, benvidos un ano máis á celebración do Primeiro de Maio.

Estamos hoxe aquí, nesta data tan sinalada para a clase traballadora, para homenaxear os centos, quizais millares de compañeiros e compañeiras que entregaron a súa vida por acadar melloras para a clase traballadora, por loitar por unha sociedade máis xusta e por conseguir un mundo de liberdade e xustiza. Eran persoas moitas delas descoñecidas, moitas caras sen nome, que deron a súa vida para que hoxe poidamos estar aquí con certa tranquilidade.

Para todas elas, para todos e cada un o noso recoñecemento.

Hai xa 119 anos dos masacres de Chicago, de Filadelfia, de Milwaukee, e doutras cidade de Estados Unidos. Nun día como o de hoxe de 1886, o sindicalismo e a esquerda americana cometeron un “terríbel crime” a ollos do capitalismo ianqui: atrevéronse a convocar unha folga indefinida reclamando algo “tan grave” para o seu sistema como unha xornada laboral de 8 horas. Ante tal “salvaxe atentado” o poder reaccionou como só el sabe: violencia e brutalidade. O resultado está aí escrito para a historia: ducias de mortos nas rúas a mans da policía, centos de detidos e 7 dirixentes sindicais condenados a morreren na forca, dos cales 4 foron executados e 1 asasinado no cárcere.

Mataron os seus corpos, pero o seu espírito, as súas ideas e a súa entrega seguen vivas na nosa memoria e sérvennos de guía en momentos de inquedanza como estes. O seu exemplo mantennos de pé nos momentos difíciles, cando todo se pon escuro.

  Foto CIG: Primeiro de Maio, Lugo, clic para aumentar
Xosé Ferreiro Fernández: “Hoxe mesmo, aquí están os compañeiros de URBASER, os cales están a levar adiante unha loita solidaria en defensa de varios compañeiros despedidos por apoiar ao seu delegado. Están sós contra empresa, contra un sindicato amarelo e contra o señor alcalde”. (Foto: Manifestación 1º de Maio en Lugo, ©Xosé Valcárcel 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
O espírito de Chicago segue vivo e temos claros exemplo disto. Hoxe mesmo, aquí están os compañeiros de URBASER, os cales están a levar adiante unha loita solidaria en defensa de varios compañeiros despedidos por apoiar ao seu delegado. Están sós contra empresa, contra un sindicato amarelo e contra o señor alcalde, do cal din que recibe a todo o mundo, pero nós debemos ser a excepción, pois nin a nós nin aos compañeiros de URBASER os recibiu, a pesar de ter as entrevistas solicitadas, algunha desde hai case dous anos. Será que só recibe aos que lle dan a razón, aos que son de casas reais ou aos que levan uniformes con medallas.

Pode parecer que desde as folgas de 1886 os tempos cambiaron e os métodos tamén. Pero a contradición entre clases segue totalmente vixente; hoxe máis que nunca está a producirse unha pugna desigual entre o capital e a clase traballadora.

Hoxe podemos estar aquí todas e todos xuntos e non van entrar a disolvernos. Non van vir a dispararnos ao chou nin a deixar o chan regado de sangue, tal e como ocorrería hai uns anos se estivéramos reunidos polos mesmos motivos.

Agora usan métodos máis sutís, pero non por iso menos perigosos. A arma pasou a ser a manipulación informativa, sendo o control dos medios de comunicación prioritario para eles. O adormecemento das consciencias e o convencemento sociolóxico é o seu obxectivo. Non lles importa que a sociedade chegue a estar ben, tan só lles importa que a esta lle pareza que non pode estar mellor. Así, difunden con contundencia unha serie de falacias e mentiras que a forza de repetilas e repetilas chegan a calar nun amplo sector da nosa sociedade:

  Foto CIG: Primeiro de Maio, Lugo, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Lugo, clic para aumentar
(Fotos: Manifestación 1º de Maio en Lugo, ©Xosé Valcárcel 01/05/2005). (Ver Reportaxe gráfica).
 
- Dinnos que en Lugo xa non hai paro, que estamos alcanzando iso que eles chaman o “pleno emprego”. Logo, se facemos o cálculo “pasando” das súas estatísticas vemos que en Lugo unha de cada catro persoas en idade de traballar e, que quere facelo, non atopa traballo e das outras tres que teñen traballo, 2 traballan en precario, con contratos de días e cun salario que tan só lle da para sobrevivir.

- Dinnos que temos unha lexislación laboral que nos protexe, pero todos os días vemos como en Lugo se despiden a persoas simplemente por reclamar os seus dereitos, por secundar unha protesta, unha folga ou mesmamente, por negarse a traballar máis horas das que marca a lei.

- Dinnos que nunca se viviu mellor, que estamos na sociedade do benestar. Ao contrario, día a día temos que ver como os nosos mozos e mozas fan as maletas para buscar unhas condicións de vida dignas. Os galegos e galegas pasamos anos de esforzo e sacrificio para dar unha formación aos nosos fillos e logo só nos queda esperar que veñan a visitarnos desde fóra. Pobos abandonados, a taxa de natalidade máis baixa do mundo e un país envellecido son as características nos deu a política española. É este o benestar do que falan?

- Dinnos que temos unhas autoestradas moi boas, que nos van facer o AVE e que con iso que nos van a solucionar os nosos problemas. A realidade é que a economía de Lugo vai cada vez peor e que estas infraestruturas tan só serven para que as nosas materias primas cheguen máis facilmente á metrópole e logo volvan os produtos xa elaborados.

- Dinnos que as estatísticas de accidentes laborais están a mellorar, que cada día traballar é máis seguro. Mentres tanto temos que seguir aturando traxedias humanas todos os días, familias desfeitas e vidas perdidas pola voracidade capitalista. Dende 1997 temos unha lei de prevención que a día de hoxe, 8 anos despois, aínda non se cumpre. Alguén sabe doutra lei vixente que ninguén cumpra e que non se faga nada para remedialo? No ano 2004, 15 persoas en Lugo e 87 en Galiza perderon a vida mentres estaban gañando un salario para poder vivir.

- Dinnos que os nosos salarios soben o mesmo que os prezos, pero a realidade é que cada vez nos custa chegar máis a fin de mes. Para eles o IPC é do 4%, pero por contra, demóstrase que para as familias con menos ingresos os prezos subiron máis dun 7%. Seguro que para os que fan viaxes ao Caribe e mercan coches de superluxo o IPC se mantivo no 4% pero os que gastamos a maior parte do noso salario en comida, roupa ou vivenda sabemos que isto é unha gran mentira.

  Foto CIG: Primeiro de Maio, Ribadeo, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Ribadeo, clic para aumentar
(Fotos: Manifestación 1º de Maio en Ribadeo, ©galizacig.com 01/05/2005).
 
Todas estas campañas de desinformación teñen que ir asociadas a políticas deseñadas para dar credibilidade. Para iso usan ás organizacións sociais de xeito que estas lles poñan o aval e que así provoquen menos desconfianza entre os traballadores e traballadoras. Temos aí enfronte organizacións que participan claramente nestas políticas e hai exemplos a esgalla: a reforma da formación continua, onde se exclúe á CIG deste tipo de formación por non ter ámbito estatal, o reparto dos fondo de acción social do IRPF ou o pacto de contención salarial, asinado polos sindicatos españois, a patronal e o goberno, que limita as subas nos convenios colectivos a un IPC previamente falsificado son un claro exemplo dos intentos de perseguir e marxinar a CIG, así como unha mostra de compra de vontades doutros sindicatos.

Pero, amigas e amigos, que non se equivoquen. Co sindicalismo nacionalista non vai funcionar. Poden perseguirnos, poden marxinarnos, poden poñernos todo tipo de atrancos pero sempre estaremos aquí. Temos pasado por mil batallas, con anos moi duros, e aguantamos, e tamén aguantaremos agora. Aguantaremos porque somos indispensábeis para o noso país, aguantaremos porque a clase traballadora nos necesita e aguantaremos porque temos un proxecto de clase e de país sustentado nunha ideoloxía que nos mantén firmes e nos marca o camiño para acadar o obxectivo: a autodeterminación de Galiza e a liberación da súa clase traballadora, conceptos que son inseparábeis.

Viva Galiza Ceibe!
Viva o 1º de Maio!
Viva a Clase Traballadora Galega!



  Foto CIG: Primeiro de Maio, Ribeira, clic para aumentar
Foto CIG: Primeiro de Maio, Ribeira, clic para aumentar
(Fotos: Manifestación 1º de Maio en Ribeira, ©galizacig.com 01/05/2005).
 
Intervención de Xan García, secretario local de Ribeira

(Antes de comezar gardou-se un minuto de siléncio na memória dos compañeiros Xan Cadaval e Mariano Vidal).

Por segunda vez consecutiva, a CIG convoca no Barbanza o Día do Internacionalismo Proletario. Nesta ocasión, ademais, outras organizacións súmanse ao carro facendo tamén mobilizacións na nosa comarca. Pois aí tedes un exemplo do efecto que produciu o 1º de maio do pasado ano. Xa conseguimos algo: que alguén máis saíra do armario. Saudamos que outros sindicatos celebren esta data e reivindiquen dereitos e melloras, pero debemos recordarlles que non estaría de máis que nos copiaran tamén algo do noso programa e da nosa acción sindical e que, de paso, lles explicaran aos traballadores e traballadoras en que consiste o Pacto de Contención Salarial que asinaron coa Patronal e co Goberno como fixo a CIG nas empresas. Aí está, compañeiros/as o modelo sindical que rexeitamos, o mesmo modelo que pacta os delegados cos patróns ou que fan campañas en contra dos nosos intereses como traballadores –como na folga xeral de 2001- ou que tentan derrubar os gobernos nacionalistas como o de Pontevedra. Son organizacións alleas á nosa realidade como nación e como clase, lacaios de Madrid e de España, acomodados na quentura do poder!!

Non lles imos seguir nese camiño. A CIG ten demostrada a súa capacidade e a proba é que somos unha organización que medra día a día. Unha organización solidaria e sensíbel ás inxustizas e aos abusos como os que están a sufrir veciños de Noia por mor da construción dun viaducto que lles roubará as súas vivendas e as súas propiedades, un auténtico atentado contra o ambiente, contra a paisaxe. Un atraco máis dos intereses do capital e dos especuladores.

Compañeiros/as:

Viva Galiza Ceibe e sen Explotación!!
Viva o 1º de maio!!
Viva a CIG!!

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/05/2005
cig.informatica