ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 12 de maio de 2005

Organización e loita, garantía de dereitos e liberdades
IV Congreso da Confederación Intersindical Galega

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Foto CIG: Presentación IV Congreso CIG, clic para aumentar
Baixo o lema “Organización e loita, garantía de dereitos e liberdades”, vaise celebrar, os días 28 e 29 de maio, o IV Congreso da Confederación Intersindical Galega. (Na foto, de esquerda a dereita, Ramiro Oubiña, secretario confederal de Organización, Xesús Seixo, secretario xeral, e Consuelo Martínez, secretaria confederal de Finanzas, na presentación do IV Congreso CIG aos medios. ©galizacig.com 11/05/2005).
 
Os días 28 e 29 de maio terá lugar o IV Congreso da Confederación Intersindical Galega baixo o lema “Organización e loita, garantía de dereitos e liberdades”. O proceso precongresual comezou hai aproximadamente seis meses, co debate das ponencias e a elección de delegados que representarán a todas as estruturas e a afiliación no mesmo.

Segundo explicou na presentación pública a secretaria confederal de Finanzas, Consuelo Martínez, neste IV Congreso participarán 605 delegados/as, dos cales 500 foron elixidos nos distintos territorios e sectores proporcionalmente á afiliación, 99 como membros do actual Consello Confederal e 6 da Comisión de Garantías.

Pola súa banda, Xesús Seixo, secretario xeral, destacou que o lema do Congreso resume os obxectivos que se fixa a CIG de cara aos próximos catro anos. “Organización e loita, porque consideramos imprescindíbel reforzar o traballo da organización, e garantía de dereitos e liberdades, porque entendemos que durante estes últimos anos sufrimos un recorte das liberdades públicas e dos dereitos fundamentais”.

Nese sentido, Seixo afirmou que a participación da CIG en todos os conflitos durante estes catro anos demostra a introdución da central sindical nos centros de traballo. Unha introdución que tamén se constata no significativo incremento de afiliación que se produciu. “Somos un modelo sindical diferente ao que representan os sindicatos estatais que operan en Galiza e temos un espazo que cubrir”. Por iso, a central sindical márcase como obxectivo de cara ao próximo período recoller o traballo feito e reforzar todas as estruturas, tanto sectoriais como territoriais.

Ao tempo, o secretario xeral da CIG subliñou que para o sindicato tamén é fundamental dedicar un especial esforzo á negociación colectiva, porque permite a participación directa dos traballadores na defensa e mellora das súas condicións laborais. “Por desgraza a negociación colectiva tense deteriorado bastante e perdido capacidade reivindicativa pola precariedade laboral que existe no mercado laboral, sobre todo no sector privado pero tamén no público, e pola limitación da capacidade reivindicativa da clase traballadora que provocaron os acordos asinados polos sindicatos estatais, impoñendo un modelo burocratizado”, indicou. A CIG pretende rachar, a través da negociación colectiva os topes salariais e conseguir a recuperación de dereitos que se van perdendo vía reformas laborais.

Ademais destes, outros dos obxectivos apuntados por Seixo son loitar contra a precariedade laboral, os altos índices de desemprego e as altas taxas de emigración da mocidade, a sinistralidade laboral, especialmente alta en Galiza, e a defensa do sector público, sobre todo sanidade e ensino.


Reforma do estado

O secretario xeral da CIG tamén fixo fincapé na importancia que lle confire a CIG as posíbeis reformas do Estatuto de Autonomía e á futura reorganización do Estado español. “Como parte do movemento nacionalista que somos, nós tamén queremos facer a nosa contribución. Entendemos que a perda de soberanía que se dá no Estado español cara a institucións europeas é maior aínda no caso das comunidades autónomas e para poder facer unha política real de desenvolvemento económico do noso país temos que conseguir maiores competencias, máis transferencias e máis soberanía”.


Delegacións convidadas

Pola súa banda, Ramiro Oubiña, secretario confederal de Organización, mencionou algunhas das delegacións convidas que asistirán ao IV Congreso, tanto do ámbito do nacionalismo como internacionais, entre as que destacan o SLG, CAF, CAE, BNG, FEG; as centrais sindicais bascas ELA e LAB; a Intersindical-CSC a Intersindical Alternativa Catalunya; a Uniao Geral de Trabalhadores e a CGTP-IN de Portugal, a Confédération Générale du Travail ou centrais sindicais arxentina, cubana, do Perú, de Guiné-Bissau, entre outras. Ademais, cóntase coa presenza da Confederación Mundial do Traballo ou a Federación Sindical Mundial. Uns 100 convidados, procedentes de outras tantas organizacións que acompañarán á CIG neste IV Congreso.



IV Congreso CIG
Sábado día 28 de maio de 2005
09:30 Recepción congresistas e convidados/as. Entrega de documentación.
10:30 Inicio do IV Congreso. (Benvida a cargo do secretario comarcal de Santiago).
11:10 Debate e votación do regulamento congresual.
11:20 Presentación do informe de xestión da Executiva Confederal, a cargo do secretario xeral.
11:40 Debate e votación do informe.
12:40 Proposta de elección da Mesa Presidencial do IV Congreso.
13:00 Presentación do relatorio de organización e estatutos. Inicio do debate.
14:00 Xantar.
16:00 Debate do relatorio de organización e estatutos.
20:00 Votacións.
Domingo día 29 de maio de 2005
09:30 Presentación do relatorio base, debate e votación.
10:00 Remata o prazo para a presentación de candidaturas.
12:30 Intervención das delegacións convidadas.
14:00 Xantar.
16:00 Presentación das candidaturas.
16:30 Elección de cargos e organismos.
18:00 Resolucións.
18:30 Clausura.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/05/2005
cig.informatica