|
Actualidade CIG-Comunicación-
Foron necesarias numerosas mobilizacións para que a Autoridade Portuaria accedera a reunirse cos representantes do Colectivo de Afectados polas Obras do Porto Exterior de A Coruña. A última tivo lugar na propia sede da Autoridade Portuaria o pasado xoves 12 de maio. Un acto no que estiveron presentes representantes do colectivo e os presidentes e demais membros das xuntas directivas das agrupacións de baixura e percebe da Confraría de Pescadores da Coruña. A protesta viña provocada polos reiterados incumprimentos das administracións implicadas. O delegado do Goberno comprometérase -na reunión celebrada o pasado 31 de marzo- a convocar, unha vez rematara o estudo de impacto ambiental, ás partes implicadas para negociar as posíbeis solucións, pero transcorridos case dous meses, non o fixo. Isto provocou tamén, que o sábado 14 de maio máis de 200 membros do colectivo se concentraran diante da Delegación do Goberno para exixirlle esa convocatoria prevista. O colectivo de afectados, representado pola CIG, vén mobilizándose desde o inicio da construción, en demanda de compensacións económicas e de alternativas no sector. A estas alturas xa están cuantificados os danos patrimoniais provocados polas obras. No estudo realizado polo Grupo de Investigación da Universidade de Santiago -no que están integrados os economistas María do Carme García Negro e Xan Doldán, entre outros- xa se cifran as perdas nuns 27,6 millóns de euros. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/05/2005 |