|
Actualidade
Santiago, 10 de maio de 2005
O venres 13 de maio celebrarán unha
asemblea xeral para avaliar a situación
Os afectados polo Porto Exterior de A
Coruña adoptarán medidas ante o silencio das autoridades
| |
 |
| Os afectados polas obras do Porto Exterior de
A Coruña, representados pola CIG, veñen mobilizándose desde o inicio das mesmas en demanda
de compensacións económicas e de alternativas no sector. Neste momento, agardan o comezo de negociacións
entre o delegado do Goberno, representantes dos afectados, o delegado territorial da Autoridade Portuaria e a Consellaría
de Pesca para lle dar unha solución ao conflito.
(Foto: Porto pesqueiro de A Coruña). |
| |
O Colectivo de Afectados polas obras do Porto
Exterior de A Coruña celebrarán unha xuntanza no Salón de Actos da Casa do Mar de A Coruña,
o próximo venres día 13 de maio, para avaliar a situación e definir as medidas de actuación
diante do silencio da Delegación do Goberno e da Autoridade Portuaria de A Coruña.
Os colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro
afectados pola contrución do Porto Exterior de A Coruña veñen de remitir á Delegación
do Goberno e á Autoridade Portuaria de A Coruña un escrito para lles lembrar os compromisos adquiridos
por estas administracións asumidos na reunión celebrada o pasado 31 de marzo.
No escrito, os colectivos de afectados sinalan que xa transcorreu un mes, prazo estabelecido por ambas administracións
para que se produza a nova reunión e así seguir abordando os asuntos que se definiron na última
celebrada.
Ademais pregan que “á maior brevidade posíbel teña lugar o encontro, xa que a intranquilidade
dos afectados vai en aumento, máis aínda cando xa se teñen iniciado as obras e os compromisos
por vostedes (as administracións) adquiridos parecen quedar no esquecemento”.
Os afectados polas obras do Porto Exterior de A Coruña, representados pola CIG, veñen mobilizándose
desde o inicio das mesmas en demanda de compensacións económicas e de alternativas no sector. Neste
momento, agardan o comezo de negociacións entre o delegado do Goberno, representantes dos afectados, o delegado
territorial da Autoridade Portuaria e a Consellaría de Pesca para lle dar unha solución ao conflito.
Percebeiros a pé e a flote, flota artesanal de baixura, poliquetos e ouriceiros, constituíronse no
denominado Colectivo de Afectados polas Obras do Porto Exterior de A Coruña, que aglutina o 90% dos afectados.
Este colectivo acordou outorgar á CIG a súa representación político-sindical do conflito.
A súa principal demanda é que tanto a administración autonómica como a estatal (Fomento
e o Ente Público Portos do Estado) recoñezan a súa condición de afectados e se inicie,
sen demora, a avaliación das indemnizacións e as compensacións ás que teñen
dereito ao quedar fulminados os recursos pesqueiros e marisqueiros da zona. Para eles é fundamental que,
ademais de que se asuman os danos patrimoniais, en función da actividade que desenvolven, se lles dean alternativas
no sector para poder continuar co seu traballo.
Un dos problemas con que toparon durante este período é que a Autoridade Portuaria, o presidente
da cal é nomeado pola Xunta de Galiza, é quen legalmente actúa de pagador da obra. Porén,
o Ministerio de Fomento é o titular da mesma. Por iso, é imprescindíbel que no proceso de
negociación estean todas as partes con competencias representadas.
Polo de agora, xa conseguiron do delegado do Goberno o compromiso de que, unha vez se remate co estudo de impacto
ambiental, este convoque as partes implicadas para negociar as posíbeis solucións.
Porén, transcorrido o prazo sinalado mantense o silencio, co que o venres 13 de maio celebrarán unha
asemblea xeral de afectados para avaliar a situación e definir medidas de actuación.
|