|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
No fondo, o que viña a constatar -cando menos implicitamente- o propio Plan Xeral de Normalización Lingüística é o absoluto fracaso da política lingüística desenvolvida pola Xunta de Galiza e polo PP, partido que vén gobernando lexislatura tras lexislatura da andaina autonómica. Por iso as 445 medidas normalizadoras anunciadas neste Plan Xeral tamén foron aplaudidas polo nacionalismo galego, que quere ver no devandito Plan unha oportunidade para explorar novas e mellores vías para a normalización do noso idioma. Isto, máis alá da escasa vontade que se prevé -e xa se comeza a constatar- na actual administración autonómica. As eivas fundamentais deste Plan teñen que ver non só cunha formulación que mestura con escaso criterio liñas políticas con medidas de carácter técnico, senón sobre todo coa falta de concreción á hora de asumir prazos temporais para o seu desenvolvemento, coa falta dunha previsión de financiamento claro e sostido no tempo (os Orzamentos de 2005 pasan por riba a existencia do Plan) e con que non se garante o seu seguimento e avaliación. Tampouco non se dá unha solución á necesaria implementación normativa, cunha lexislación marco, a Lei de Normalización Lingüística, insuficiente e caduca. Xuntamente con isto, a metodoloxía utilizada para a súa elaboración non foi a máis axeitada para garantir o mellor plan posíbel, que sería aquel que concitase máis vontades, sobre todos daqueles sectores máis dinámicos no proceso normalizador. Neste sentido, hai que lembrar que a CIG como tal non foi incorporada aos traballos técnicos de elaboración do Plan. De feito, o devandito Plan Xeral de Normalización xa fora motivo de críticas públicas por parte de diferentes organizacións (entre elas a propia CIG), por entender que o seu proceso de xestación como Plan xa nacía viciado, polo que se reclamaba á Xunta unha recondución do devandito proceso, propugnando un Plan xeral aberto e participativo, de todos/as e para todos/as. Así, o manifesto difundido por estas entidades, e asinado por millares de persoas e colectivos, sinalaba: “O proceso de normalización da lingua galega debe conformarse como un proxecto social que reúna as vontades e accións da cidadanía e das organizacións e institucións interesadas no desenvolvemento social do galego de forma que se active un proceso participativo, democrático e construtivo que responda a unha planificación política non excluínte”. Finalmente, o 22 de xaneiro de 2005 o Plan Xeral era presentado no Pazo de Congresos da capital galega, nun acto público no que a lóxica presenza do Conselleiro de Educación, como responsábel da política lingüística do goberno autonómico, non deu ocultado a inexplicábel ausencia do propio presidente da Xunta de Galiza. Case catro meses despois desta presentación pública descoñécense aínda case todos os aspectos relativos a como vai ser o desenvolvemento do Plan, isto é, cal vai ser a súa aplicación práctica, co fin de avanzar no proceso de normalización do noso idioma. De feito, a última nova que se coñece é un anuncio aparecido no DOG do 18 de abril, no que se dá conta do inicio do proceso para a contratación dunha asistencia técnica que ten como finalidade a execución do Plan Xeral de Normalización da lingua galega.
O anuncio da realización dun Plan Xeral de Normalización Lingüística para Galiza fíxoa o Goberno galego no seu retiro anual do ano 2002 en Sobrado dos Monxes. Case tres anos despois preséntase publicamente xa como documento aprobado polo Parlamento galego. No mes de outubro deste mesmo ano celebraríanse as eleccións autonómicas para elixir os representantes da Cámara galega, adiantadas ao mes de xuño. É dicir, toda unha lexislatura atravesada polo anuncio e elaboración dun Plan, o que a primeira vista podería facer crer que o PP no Goberno logrou o seu obxectivo político: manter unha especie de “pax lingüística” durante case catro anos e poder presentarse como valedor dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas. Mais isto só resulta unha pretensión va, estúpida e falaz, por parte dun Partido Popular e un Fraga Iribarne que, día tras día, non deixan de conspirar contra o galego.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/05/2005
|