|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Máis alá do seu valor cinematográfico -que sen dúbida e de xeito desigual si o terá-, ‘Hai que botalos’ pretende ser un testemuño valente dun momento socio-político en certa maneira especial, cando se albisca a posibilidade certa de desaloxar a Fraga e o PP do Goberno da Xunta, tras anos e anos de hexemonía da dereita reaccionaria, caciquil e españolista no noso país. ‘Hai que botalos’ é ante todo un exercicio de dignidade, saída do mesmo lugar que a que emerxeu nas mobilizacións de Nunca Máis, desa sociedade galega plural e contraditoria que pugna por resolver as incógnitas do seu presente e encarreirar dunha vez o futuro. Futuro no que o PP e Fraga deberían ser sombras errantes dun tempo que cómpre esquecer -esquecermos-. E futuro que igualmente tería que se construír desde a asunción da identidade propia de Galiza (GZ) como valor central, á marxe mesmo de cal pode ser a fórmula que o futuro inmediato nos depare para conter e desenvolver a nosa identidade dentro dun ou outro marco xurídico-político. De nada valería botar do futuro, do noso futuro, o caciquismo retrógrado do PP e substituílo por un neo-caciquismo de xorne ‘pacovazquista’, por exemplo. Experiencias amargas hainas nese sentido, e non é boa cousa que se instauren como se nada na nosa realidade política. ‘Hai que botalos’, abofé, pero de nada serviría o abismo dunha alternancia, que rendese contas ante os mesmos señores. Cómpre unha mudanza, unha transformación real e posíbel, desde postulados de maior democracia, de afondamento nun modelo social a favor das maiorías traballadoras e de centralidade en e de Galiza (GZ). Asumindo isto, si é factíbel o entusiasmo e a esperanza. Si sería doado conectar con amplos sectores da sociedade galega que recean da política e dos políticos coa fórmula “sonche todos iguais” e que habitualmente son os que fican na casa á hora de votar. Iso si, non o fixeron -o de ficar na casa- cando as manifestacións de Nunca Máis ou nas do Non á Guerra. Moitos deles, por certo, procedentes de capas populares e resentidos cos efectos das políticas neoliberais que se aplican tamén no noso país. E nestes sectores é onde o nacionalismo -por traxectoria, coherencia e alternativa- podería ter un estimábel caladoiro de votos (e mesmo, por que non?, de futuros activos) nestas eleccións de xuño. O dito non lle resta ningún valor -faltaría máis- á iniciativa ‘Hai que botalos’. Todo o contrario. Sería ben lograrmos unha difusión masiva, masivísima, do filme, ilustrativo dunha consciencia insubmisa nunha parte importante das nosas xentes da cultura e o espectáculo.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/05/2005
|