|
Actualidade / Opinión
Santiago, 27 de maio de 2005
DESDE
O VENTRE
DA BALEA
O NON á Constitución europea que se aveciña en Francia
Os partidarios do ‘Non’ en Francia, á marxe
dun pequeno sector da ultradereita, están situados todos na esquerda social e política, e as razóns
que os moven radican no carácter marcadamente neoliberal do texto, isto é, no intento de “constitucionalizar
o neoliberalismo” en Europa.
| |
 |
| O que non deixa de ser reconfortante é
a coincidencia destas razóns polo ‘Non’ coas esgrimidas polo nacionalismo galego co gallo do referendo que
tivo lugar no Estado español no pasado mes de febreiro. Razóns que o nacionalismo galego acrecentaba
sinalando o carácter pouco democrático dun Tratado que só recoñecía a existencia
de Estados (non de pobos e nacións) e das linguas deses Estados (condenando ao ostracismo a linguas como
o galego, só polo simple feito de careceren de estado propio). |
| |
A escasos días do referendo do Tratado Constitucional
europea en Francia, xa ninguén dubida da vitoria do ‘Non’, nin sequera o propio goberno francés –firme
partidario do ‘Si’–, que está sometido a tal desgaste que o propio referendo é á vez unha
consulta popular acerca das políticas do goberno dereitista. O ‘Si’ francés, a diferenza do que aconteceu
no Estado español, encontrou unha ampla resistencia nun sector importante do Partido Socialista francés,
sector que se comprometeu activamente na campaña contra este Tratado Constitucional, pola súa deriva
claramente neoliberal.
Os partidarios do ‘Non’ en Francia, á marxe
dun pequeno sector da ultradereita, están situados todos na esquerda social e política, e as razóns
que os moven radican no carácter marcadamente neoliberal do texto, isto é, no intento de “constitucionalizar
o neoliberalismo” en Europa. O adelgazamento do sistema público de protección social, a perda de
dereitos sociais adquiridos, a ameaza á pervivencia dos servizos públicos como tales, o afondamento
nas vías militaristas son as cuestións de fondo que latexan no rexeitamento da chamada Constitución
europea polo que parece ser a maioría social no país galo.
O que non deixa de ser reconfortante é
a coincidencia destas razóns polo ‘Non’ coas esgrimidas polo nacionalismo galego co gallo do referendo que
tivo lugar no Estado español no pasado mes de febreiro. Razóns que o nacionalismo galego acrecentaba
sinalando o carácter pouco democrático dun Tratado que só recoñecía a existencia
de Estados (non de pobos e nacións) e das linguas deses Estados (condenando ao ostracismo a linguas como
o galego, só polo simple feito de careceren de estado propio).
Tamén noutro país, neste caso Holanda,
as cousas non pintan nada ben para os partidarios do ‘Si’, xa que as enquisas prevén unha ampla maioría
social contraria ao Tratado Constitucional europeo tal e como está formulado nestes momentos.
É probábel que ante isto, ante a
crecente masa crítica de cidadás e cidadáns europeos renuentes a aceptar a Construción
da Europa á imaxe e semellanza dos intereses do capital, aínda sexa factíbel mudar o escenario
debuxado para os vindeiros anos polos estrategas da globalización neoliberal. En todo caso, o ‘Non’ en Francia
ou en Holanda é unha pequena xanela de esperanza e ilusión para os que cremos que outra Europa é
posíbel e necesaria.
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2005.
Rafa Villar é escritor e responsábel
do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
|