|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
A instrumentalización dos mortos, por exemplo. Segundo Rajoy (e o seu partido), non se debe negociar con asasinos, e quen fala con asasinos é un asasino. Triste o axioma, como triste e feble o pensamento de quen defende tan arrepiante idea. Primeiro, asasino é aquel que mata. O garda da cadea que lle dá de comer ao asasino preso e fala con el, non é un asasino. Tampouco non o é o xuíz que lle fai preguntas, nin a psicóloga ou asistente social que tratan de o rexenerar para que poida ser "normal". Tampouco é asasino o sacerdote que escoita unha confesión. Non é colaborador, nin é cómplice. Moito menos é un asasino aquel que dialoga, para que precisamente, se deixe de asasinar. Non é un aceno de debilidade procurar a paz. Non estamos na época de Atapuerca, non nos comunicamos por medio de golpes con queixadas de burro, e non cremos en ningunha acción que non estea rexida polo diálogo. Falar, dialogar, acceder a escoitar e ser oído, non é ningunha clase de chantaxe. Chantaxe é mentir a sabendas de que se mente. Chantaxe é culpar de centos de mortos a uns que se sabía que non foran para aproveitarse electoralmente. Chantaxe é desviar a opinión pública sobre temas intranscendentes que agochan os transcendentes.
A chantaxe é tamén unha violencia. Como o son a mentira e o engano. Violencia non é só unha bomba ou un tiro na caluga. Violencia son os "fiíños" do “Prestige”, os funcionarios a dedo, os dous anos de chofer e soldo para Leira unha vez abandonado o seu posto, a precariedade laboral, o desemprego, as listas de espera, a perpetuación no poder, a colaboración con Estados agresores que non respectan as leis internacionais, que agreden sen seren agredidos. Violencia é a morte do camarógrafo Jose Couso, a colaboración activa con exércitos invasores que matan e esquilman países e xentes indefensas. Violencia é mentir para xustificar unha agresión. Violencia é non tomar en conta a opinión e o desexo de paz do pobo ao cal se deben os gobernantes. Violencia propia de "caudillos" é descoñecer que a soberanía reside no pobo e non no bigote ou na barba do que goberna. Violencia é non coñecer o alcance da democracia, de onde vén e cara a onde está dirixido o exercicio do poder. Violencia é estar por riba de calquera lei. Violencia é non recoñecer a separación de poderes, e crer que o lexislativo e o xudicial son apéndices, tentáculos do meu bigote ou da miña barba. Violencia é confundir os millóns de votos que deron a presidencia a Zapatero ou a Chávez con mortos, parvos, monos e macacos. Violencia é crer que sempre se ten a razón. Violencia é non rectificar nunca. Violencia é non querer as cousas por inxustas, por inhumanas.
A indución a estes pensamentos por persoas como Rajoy e os "descerebrados" do seu partido, que saben que están a mentir, deberían ser enmarcadas dentro dun tipo delitivo penal, máximo cando o goberno de Aznar, do que Rajoy foi nada máis e nada menos que ministro do Interior, mantivo conversas con ETA en Suíza. Rajoy, mal perdedor, pobre de enxeño, carente de ideas, banal, pouco suspicaz, ironicamente deficiente, con horríbel dición e peor disposición, con acenos agaliñados, con intolerancia manifesta, de insulto doado e malo, carente de intelixencia, con capacidade para ser opositor-chapón pero non un home de pensamento, cunha linguaxe florida ao peor estilo decimonónico nun país inmerso no século XXI. Rajoy, con discursos para a "galería" que tanto cita e inxuria cando non se trata da súa (típico do ególatra). "Galería" composta por homes e mulleres doutro século, do XX para sermos máis exactos, e de comezos do mesmo para nos centrar aínda máis. "Galería" de individuos e individuas prestos á chabacanaría do máis forte, do que máis insulta, do "olla que ben lle contestou" do florilexio da lingua castelá, carente de contido, de substancia, só iso... envoltorio, paquete, caixa baleira, bulo, riso fácil, estupidez, ignorancia, incultura, egolatría e falla de sensibilidade. Pero a desvergoña de Rajoy non fica só aí. Propio da intolerancia e do feixismo disfrazado de garabata, parlamentarismo, "democracia" e "dotes" verbais oratorias ao Demóstenes de saldo, Rajoy, coa súa inquebrantábel adhesión ao insulto, descualifica ao goberno de Zapatero, insultando a aqueles que teñen trato con ese goberno. Cualificou a Chávez (xa me dirán vostedes que fai Chávez no debate do Parlamento español) de "caudillo bananeiro". Rajoy “esquece” que o goberno de Aznar, do cal el formaba parte, vendía armas a Venezuela sen ningún tipo de problemas. “Esquece” Rajoy que Chávez é un presidente constitucional lexítimo e electo polo seu pobo, algo que el, Rajoy, non é, é dicir, nin presidente, nin constitucional (o seu partido opúxose á Constitución que agora defende) nin electo polo seu pobo que preferiu un presidente máis humano e menos guerreiro... máis dialogante. “Esquece” Rajoy que debe meterse nos seus asuntos, que son os do seu país. Que é "caudillo", e non precisamente bananeiro, o que tivemos por 36 anos e centos de milleiros de mortos, que o seu partido, o Partido Popular, racha as súas vestiduras cando tiran os monumentos que o honran, que honran o maior asasino que tivo a historia deste país seu, que el mesmo colocou, caudillescamente, nas mellores prazas, nas máis importantes avenidas. El mesmo autotitulouse "caudillo" desa idea de Estado, que por "casualidade", no pobre fondo intelectual e ideolóxico do Partido Popular, cadra coa idea de Estado "grande", "unitario" e "libre" que defendía. "Cacique pataqueiro", equivalente a "caudillo bananeiro" á galega é o que os galegos temos no poder preconstitucional (como ministro do caudillo Franco) e posconstitucional (como presidente de goberno en Galiza). Oito de cada dez emigrantes españois a Europa son galegos segundo datos do INE. 175.000 galegos emigraron desde 1993 até hoxe. Até cando! Até cando nos van mentir, señor Mariano Rajoy! Até cando florilexios da lingua mentres coas mans se alimenta as pitas! O Estado español, através do seu presidente de Goberno, José María Aznar López, colaborou activa e pasivamente co golpe de Estado que durante tres días quitou do poder lexítimo ao presidente Hugo Chávez. Non escoitei nunca ao señor Mariano Rajoy referirse ao ditador Pedro Carmona Estanga (recibido polo seu goberno) como "caudillo bananeiro". Fica para a vergoña que fose o embaixador español Viturro de la Torre o único embaixador (ademais, do enviado da CIA e embaixador norteamericano Charles Shapiro) que coa súa presenza física no pazo de goberno, apoiase ao modelo de presidente reaccionario que lle gusta ao Partido Popular, e se non lle gusta, polo menos non lle desgusta por non ter escoitado nada na súa contra. Os feitos desdín as palabras de Rajoy, do Partido Popular e da súa pobre dirixencia mental. Moitos dos seus militantes non se merecen eses dirixentes. O goberno de Zapatero merece unha oposición que teña algo que dicir. Nós, aqueles que non nos sentimos españois, porque non nos deixaron selo, porque non queremos selo, porque non o somos, porque non podemos selo con esas condicións, pedímoslle a Mariano Rajoy que deixe de facer "sopiñas" para as "galiñas".
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/05/2005 |