ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 6 de xuño de 2005

Administración e empresarios deben tomar nota da capacidade mobilizadora dos traballadores na defensa dos seus dereitos
A CIG valora moi positivamente a alta participación do Naval e da Construción nas xornadas de folga en Vigo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Foto CIG: Folga Naval Construción Vigo, clic para aumentar
Foto CIG: Folga Naval Construción Vigo, clic para aumentar
Na segunda xornada de folga, os traballadores do naval déronse cita ás 8 da mañá nos seus respectivos estaleiros e saíron de cada un cunha ruta prefixada pola cidade. Arredor de catro ou cinco coches percorreron, a modo de piquetes volantes, as distintas obras da comarca para controlar o cumprimento da folga na Construción. As marchas dos estaleiros confluíron, unhas no Calvario e outras no centro. De aí partiron a Colón cara o Edificio da Inspección de Traballo, onde paralizaron a actividade durante toda a xornada. (Fotos: ©galizacig.com 03/06/2005).
Foto CIG: Folga Naval Construción Vigo, clic para aumentar
 
As Federacións do Metal e da Construción da Confederación Intersindical Galega valoran moi positivamente a alta participación dos traballadores do Naval e da Construción nas dúas xornadas de folga en Vigo e a solidariedade amosada polos compañeiros de Navantia Ferrol. Os traballadores dos estaleiros ferroláns tamén convocaron folga durante a mañá, coincindo coa segunda xornada de paro en Vigo, para apoiar as súas mobilizacións e manifestar a súa repulsa polo incremento da sinistralidade laboral.

Miguel Malvido, secretario nacional da Federación do Metal da CIG considera que estas dúas xornadas de folga supoñen un salto cualitativo e cuantitativo na capacidade de mobilización e de loita dos traballadores/as, “porque o nivel de presión sobre os organismos públicos, entes implicados na saúde laboral e patronal está dando os seus froitos”.

Malvido indica que os traballadores están moi sensibilizados coa sinsitralidade laboral e advirte que “responderán con maior contundencia se se produce un novo accidente a causa da ausencia de medidas preventivas”.

Tanto a Federación do Metal como a da Construción responsabilizan do cada vez maior índice de sinistralidade laboral á precariedade no traballo, ás contratas e subcontratas, á planificación e aos métodos de traballo abusivos.

A este respecto subliñan que o recorte dos prazos para a entrega de buques está provocando que se planifique para cumprir o compromiso do tempo de construción, esquecendo planificar para eliminar riscos laborais.

A CIG xa está advertindo unha reacción por parte da Administración, dos poderes públicos en xeral e dos empresarios, “porque están tomando boa nota da capacidade de mobilización dos traballadores, para garantir os seus dereitos”.


Segunda xornada de folga

Na segunda xornada de folga, os traballadores do naval déronse cita ás 8 da mañá nos seus respectivos estaleiros e saíron de cada un cunha ruta prefixada pola cidade. Arredor de catro ou cinco coches percorreron, a modo de piquetes volantes, as distintas obras da comarca para controlar o cumprimento da folga na Construción.

As marchas dos estaleiros confluíron, unhas no Calvario e outras no centro. De aí partiron a Colón cara o Edificio da Inspección de Traballo, onde paralizaron a actividade durante toda a xornada. Unha vez alí representantes da CIG e de CCOO -porque os de UGT non apareceron- reuníronse co responsábel.

Tras desta reunión, os traballadores celebraron unha asemblea tras da que descolgaron os tres crespóns negros (un por cada un dos mortos) que colgaban da fachada da Inspección e partiron en manifestación até o Club Financeiro e de seguido, á Confederación de Empresarios, onde tamén paralizaron a actividade.

Unha vez alí, os traballadores celebraron unha nova asemblea, na que Manolo Simón Graña, secretario comarcal do metal explicou que, desta volta se convocaran dúas xornadas de folga “porque estamos fartos de que haxa tantos mortos”.

Manolo Simón tamén sinalou que a ocupación da Inspección de Traballo tiña como fin denunciar o desinterese político por frear a sinistralidade laboral e para denunciar os escasos recursos materiais e humanos cos que conta esta entidade. O secretario comarcal da CIG tamén denunciou que non se castigan aos responsábeis dos accidentes laborais coa dureza necesaria.

Graña tamén indicou que a concentración diante do Club Financeiro de Vigo estaba motivada porque representa á elite empresarial da cidade e a Confederación de Empresarios porque estes son os responsábeis directos do que está ocorrendo.

O representante da CIG advertiu que de producirse outro accidente laboral con resultado de morte, ademais de “visitar” aos empresarios, os manifestantes tamén se concentrarían nos xulgados para demandar que se aplique a lei co mesmo rigor aos empresarios que aos traballadores.

O enterro do compañeiro finado converteuse nunha auténtica manifestación de solidariedade obreira, coa asistencia masiva de traballadores e traballadoras.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/06/2005
cig.informatica