Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 10 de xuño de 2005

As mortes no traballo en Galiza
 

Antolín Alcántara-

negociacioncolectiva@galizacig.net


  Foto CIG: Folga do Naval en Vigo, clic para aumentar
A precariedade provoca indefensión na exixencia das normas, o cansazo e esgotamento en xornadas infinitas de traballo, o medo a dicir que non, a negación de medios e de formación en saúde laboral. A precariedade ten mentores no marco político lexislativo que se constrúe para ela, e ten os seus benefactores nas empresas, que ante as mortes oferecen condolencias, pero non dereitos. (Foto da xornada de Folga do Naval en Vigo o xoves 2 de xuño: Tres crespóns colgan do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza no Porto de Vigo en memoria doutros tantos traballadores mortos en accidente laboral no prazo dunha semana. ©Fernando Pol).
 
Os falecementos últimos de traballadores acontecidos en Ferrol e en Vigo aparecerían como simple noticia e unha estatística máis no ritual lento de mortes, se non fosen contestados instantaneamete cos paros e mobilizacións dos estaleiros e construción en ambas as comarcas. Serían iso, un derramamento lento e agónico na cabalística dunha cifra, que a final de ano pasa a ser un dato empírico, inexorabelmente un pouco inferior ou un pouco superior aos 100 cada ano en Galiza.

Son estas mobilizacións como expresión de carraxe e rebeldía a aceptar como fatalidade estes accidentes, as que obrigan rapidamente as Asociacións de Empresarios e as distintas Administracións, tanto estatal como galega, a faceren votos de conmoción e pésame, e a comprometer medios e vontade “pero nada máis que iso” nunha causa que ten principalmente nos seus efectos unha razón estrutural, a precariedade.

Por que debemos ser categóricos nesta conclusión?, sinxelamente porque coñecemos o mundo do traballo, a súa realidade e a súa explotación. Pero a elocuencia deste paradigma pono en evidencia os propios datos das diferentes Mesas Tripartitas de prevención en Galiza. As mortes en accidente de traballo en Galiza son en proporción o dobre que as comunidades de Madrid, Catalunya e Euscadi, e un 71% máis alto que a media do Estado español. Se comparamos estas mesmas cifras coa Unión Europea, o índice de incidencia de cada accidente mortal sobre 100.000 asalariados, Galiza ten un rexistro 8 veces superior a Alemaña e 7 veces superior a Francia.

Malia este drama en constante actualidade, e como se ve, exponencial en Galiza, e malia que a clase traballadora representa case o 80% da poboación ocupada no noso País, en plena campaña política este problema non forma parte das axendas nin dos programas electorais, nin tampouco comparecen medidas políticas que ataquen directamente á precariedade. Podemos proporcionar un dato que revela a magnitude da precariedade en Galiza. Dos 820.000 asalariados, se excluímos a Administración Pública e as grandes Empresas con convenio propio, a contratación precaria alcanza o 47,6% nos restantes sectores.

Por tanto, non cabe merodear sobre hipóteses, circunstancias ou fallos imputábeis ao traballador. En calquera caso, a precariedade provoca indefensión na exixencia das normas, o cansazo e esgotamento en xornadas infinitas de traballo, o medo a dicir que non, a negación de medios e de formación en saúde laboral. A precariedade ten mentores no marco político lexislativo que se constrúe para ela, e ten os seus benefactores nas empresas, que ante as mortes oferecen condolencias, pero non dereitos.

Estas son as partes culpábeis, e as partes ás que debemos enfrontarnos como clase traballadora, como fixemos con toda dignidade no naval e na construción, como maneira de conquistar un universo seguro no mundo do traballo.


Vigo, 8 de xuño de 2005.

Antolín Alcántara,
secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2005
cig.informatica