ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 25 de xuño de 2005

Concentración de delegados/as diante de Formega
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Foto CIG: Concentración CIG-Metal en Formega-Vigo, clic para aumentar
Miguel Malvido, secretario nacional da Federación do Metal: “Resulta paradigmático que nos estatutos de Formega se diga que van a contribuír ao diálogo social. Que curioso. Dous sindicatos se unen para deixar fora un terceiro e ademais coa patronal a que chegan a acordos, o sindicato que deixan fora posúe case tantos delegados como os outros dous xuntos”...
Foto CIG: Concentración CIG-Metal en Formega-Vigo, clic para aumentar
Foto CIG: Concentración CIG-Metal en Formega-Vigo, clic para aumentar
Foto CIG: Concentración CIG-Metal en Formega-Vigo, clic para aumentar
... “Esta xornada de mobilización está convocada para denunciar publicamente e facer patente a nosa protesta pola discriminación sectaria e antidemocrática da que é obxecto a nosa organización sindical, en todo o relativo a Formación Profesional”.
 
Perto de cincocentos delegados e delegadas da Federación do Metal, así como doutros sectores da comarca de Vigo, manifestáronse este venres, 24 de xuño. A mobilización partiu dende o que fora o Cuartel de Barreiro, en Cabral, ate o edificio, no barrio do Sello, no que está a nave de Formega.

No Acto final falou o secretario comarcal da Federación do Metal en Vigo, Manolo Simón e, a continuación, o secretario federal do Metal a nivel nacional, Miguel Malvido. E, por último cantouse o himno da nosa Patria: Galiza.

A continuación reproducimos a intervención do secretario federal da Federación do Metal.


Bos días e benvidos compañeir@s:

Esta xornada de mobilización está convocada para denunciar publicamente e facer patente a nosa protesta pola discriminación sectaria e antidemocrática da que é obxecto a nosa organización sindical, en todo o relativo a Formación Profesional.

Unha discriminación sectaria e parcial, por que se nos pretende excluír da Formación facéndose un trato desigual sen xustificación obxectiva e razoable. Deixando a xestión e utilización dos cartos para FP de tod@s nos, a unha parte da representación sindical.

Unha discriminación antidemocrática por que non se ten en conta a decisión dunha maioría importante dos traballador@s galeg@s que apostaron cos seus votos pola nosa organización sindical.

Dende o ano 1993 a Federación do Metal da CIG vimos impartindo Formación Profesional ao ser uns dos asinantes dos 1º Acordos de Formación. E isto viu dado por ser sindicato máis representativo ao ter unha audiencia electoral recoñecida de máis do 15% de representación e máis de 1.500 delegad@s e representantes de comités de empresa.

Durante estes anos, invertemos en talleres e naves que a vista de todos están, outros non poden dicir o mesmo. Fixemos multitude de cursos e nas nosas instalacións formáronse milleiros de trasballador@s nos distintos oficios metalúrxicos, dende a soldadura ao control numérico pasando polo de autómatas programables e formando todo tipo de profesionais, fontaneiros, electricistas, instaladores de gas etc, etc...

No ano 2002 o TC fallou a favor dunha reclamación da Xunta de Galicia, de xeito que parte da FP tiña que ser transferida e xestionada polas Comunidades Autónomas. Diante desta sentencia o Goberno do PP sacou un RD na liña contraria negando a posibilidade de impartir Formación aquelas organizacións que non tiveran representación en máis dunha Comunidade Autónoma. Impedindo desta maneira a participación das organizacións nacionalistas.

Pero non so se nos discrimina aí, que coincidencia, nese mesmo ano Confemetal, CCOO-UGT firmaron un acordo para Formación do cal non tivemos coñecemento ata que saíu publicado no BOE.

  Clic para descargar o vídeo
Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Mpeg (mpg), duración: 4'42'', espacio en disco: 25.220.108 bytes [24 Mb]).
 
No ano 2003 as mesmas organizacións fírmantes do acordo constituíron a Fundación estatal do Metal, a mesma que na convocatoria do 2004 xestiona en absoluta exclusiva os case que 6.000 millóns das antigas pesetas que aportamos tódolos metaslúrxi@s mensualmente co 0,7% das nosas nóminas.

E agora habería que preguntarse? os cartos que aportamos os galeg@s, reverte en cursos de FP en Galicia?, ou estanse a inverter noutros menesteres? Mobles e inmobles de Fundacións, porcentaxes de xestión? Ou incluso cursos noutras zona do Estado. Agardamos que as sucursais galegas de CCOO-UGT teñan sentidiño e os cartos que aportamos revertan en cursos aquí no noso País.

Pero non so non contaron connosco a nivel do Estado, aquí na nosa nación, fixeron o mesmo constituíndo unha Fundación privada de Formación (FORMEGA), na que CCOO-UGT e ASIME gran patronal do Metal, tamén nos excluíron.

Resulta paradigmático que nos estatutos de Formega se diga que van a contribuír ao diálogo social. Que curioso. Dous sindicatos se unen para deixar fora un terceiro e ademais coa patronal a que chegan a acordos, o sindicato que deixan fora posúe case tantos delegados como os outros dous xuntos.

A dúbida que queda no ar é, pactarían máis cousas? O tempo iránolo dicindo.

E aquí nos atopamos diante das instalacións de Formega.

Onde están os talleres e naves da CIG todo o mundo o sabe, e os de CCOO-UGT e os de Asime non existían.

Agora si teñen unhas moi boas instalacións en Vigo e Ferrol, as instalacións dos antigos Fondos de Formación creados ao abeiro da reconversión naval, inicialmente constituídos cos cartos dos traballador@s reconvertidos e posteriormente subvencionados na súa totalidade en base aos Orzamentos Xerais do Estado.

Aquí está Formega e noutro local dos Fondos, o do chalé do Freisiño, pasamos dun local patrimonio público onde se impartía Formación a ser a sede dunha patronal, alguén pódese preguntar de que patronal? De que patronal vai ser? A mesma que pactou con CCOO-UGT, Asime.

Pero chegados a este intre procede facer outro comentario, nese mesmo lugar o Frexiño ía estar a sede da Fundación para a Dinamización do Emprego en Galicia, constituída por tódalas organizacións sindicais a nivel confederal e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Existía un compromiso coa Xunta, e disposición legal a nivel estatal de que o patrimonio dos Fondos de Promoción do Emprego pasaría a esa Fundación onde participabamos todas as organizacións sindicais e patronais de Galicia.

Como é que sae no BOE que ese patrimonio vai a FDEG, e da noite para a mañá pasa a Formega?, entidade que como xa expliquei antes excluía á CIG. Que sepades que contra iso temos xa tomadas as medidas legais oportunas.

Non está demais dicir que os cursos que antes facíanse nos Fondos PE, entidade de caracter público, agora foron trasladados a Formega, fundación privada, só no caso de Vigo, 22 cursos por un montante 1.244.000 de euros.

Todo isto quere dicir que se atenta contra a Liberdade Sindical ao empregarse cartos públicos para facer cursos de FP pero xestionados so por certos sindicatos excluíndo a outros.

Actitudes so entendidas como unha epidemia antinacionalista na que participan dende a patronal, sindicatos, PP, PSOE, é dicir, todo o españolismo no seu conxunto, cunha manifesta hostilidade contra nós, parecen padecer nacionalismo-fobia un temor angustioso e obsesivo.

Vou ir rematando.

O dereito a Formación é un dereito fundamental dos traballador@s, e tal e como están as reglas de xogo tódolos sindicatos máis representativos teñen que participar, non só CCOO-UGT. A formación é un dereito d@s traballador@s non un privilexio de dous sindicatos.

Fronte todo isto non só temos interposto denuncias, demandas e recursos diante da Audiencia Nacional, e esta problemática vaise levar tanto o Parlamento español como ao galego con preguntas e interpelacións para que se discutan nas comisións e no propio pleno parlamentar. Alguén terá que dar explicacións. Neso temos comprometido os parlamentarios do Bloque, que xa teñen elaboradas as preguntas e interpelacións.

Pretenden discriminarnos por razón de ser, non por raza, relixión pero si por ser nacionalistas e practicar un sindicalismo de clase e combativo, na máis pura tradición do movemento obreiro.

Temos que dicir ben alto que estamos orgullosos de facer sindicalismo en este País e para este País.

Orgullosos de facer sindicalismo a ras de chan, a pé de fábrica, coa xente que máis o necesita, coa participación activa dos traballador@s directamente implicados nos seus conflictos e negociacións.

Nada que ver con ese sindicalismo de despacho, cupular e de concertación, amigo dos grandes pactos, que sempre son en prexuízo da nosa clase. Nós practicamos un sindicalismo que está en alza, fronte un que retrocede.

Durante este ano daremos menor número de cursos, un servicio que prestamos como organización sindical maioritaria según recolle a LOLS ao conxunto dos traballador@s pero non é menos certo que imos dar un novo servicio que encadra moito máis coa nosa acción sindical, a caixa de resistencia.

Estamos convencidos da nosa capacidade de transformación, do noso modelo sindical e da nosa independencia económica e iso dá un poder e unha fortaleza que outros intentan conseguir con pactos inconfesables coa patronal.

Compañeir@s moitas gracias pola vosa participación.

A loita continua.


Consignas na manifestación

Que queiran, que non, daremos Formación.

Queremos Formación sen discriminación.

Na próxima negociación meteremos Formación.

ASIME-CCOO-UGT, o plumeiro se vos ve.

Os cartos de Formación para Formación.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/06/2005
cig.informatica