ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 17 de xuño de 2005

Baixo o lema “Formación sen discriminación”, denunciarán a exclusión dos cursos do Plan FIP en Galiza e dos estatais
Manifestación de CIG-Metal o 24 de xuño en Vigo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Foto CIG: CIG-Metal no 1º de Maio de 2003, clic para aumentar
En decembro de 2003 constitúese en Galiza a Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego (Formega) por parte da federación mineirometalúrxica de CCOO, MCA-UGT e ASIME co fin de contribuír a mellora do dialogo social en tódolos ámbitos de negociación do sector do metal. Porén, non se conta coa CIG-Metal que é a primeira forza sindical nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ferrol e a segunda a nivel galego. (Foto: Presenza da CIG-Metal na manifestación do 1º de Maio de 2003 en Vigo. ©Fernando Pol).
 
A Federación do Metal da CIG convoca para o próximo venres 24 de xuño unha manifestación en Vigo para denunciar a discriminación que se fai ao conxunto da clase obreira galega e á CIG ao excluíla, sendo sindicato maioritario no sector, da programación dos cursos contrato-programa que hai a nivel de Estado e dos cursos do Plan FIP que se fan en Galiza.

Esta prevista a saída da manifestación, baixo o lema “Formación sen discriminación”, ás 11:30 horas da Avenida de Ramón Nieto, fronte aos antigos cuarteis de Barreiro, con remate aproximadamente ás 13:00 horas diante dos locais de Formega na Ponte de Cabral. Posteriormente, haberá unha “churrascada do metal” amenizada polo grupo de pandereteiras e gaiteiros da CIG.


Formación sen descriminación

O Estatuto dos Traballadores considera un dereito fundamental a Formación Profesional, do cal teñen que participar todos os axentes sociais.

No ano 1993 por primeira vez e en anos posteriores 1996 e 2000 a CIG-Metal asina os acordos estatais de Formación Profesional xunto con CCOO, UGT e Confemetal. Formando parte dende aquela da Comisión Paritaria Sectorial do Metal e sendo membro da súa permanente.

En abril do 2002, asínase entre as centrais estatais e Confemetal o Acordo sobre Formación e Cualificación Integral para o sector do Metal, que foi negociado e subscrito ao amparo do disposto no Estatuto dos Traballadores no seu título III, deixando fora á CIG, sendo central sindical máis representativa tal e como lle recoñece a lexislación vixente. (Contra esto temos interposto un conflicto colectivo).

En xuño do 2003, o abeiro do Acordo anterior, Confemetal e as federacións de CCOO e UGT constitúen a Fundación do Metal para a Formación a Cualificación e o Emprego (FMF) a nivel estatal, non contando coa CIG-Metal.

En decembro dese mesmo ano 2003 constitúese en Galiza a Fundación Galega do Metal para a Formación, Cualificación e Emprego (Formega) por parte da federación mineirometalúrxica de CCOO, MCA-UGT e ASIME (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia), entre outros co fin de contribuír a mellora do dialogo social en tódolos ámbitos de negociación do sector do metal. A CIG-Metal é a primeira forza sindical nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ferrol e a segunda a nivel galego e non se conta con nós. Se analizamos as empresas asociadas a ASIME a CIG posúe case tantos delegados como os outro dous sindicatos xuntos. ¿A que da que pensar?

Nese mesmo ano o PP aproba os Contratos-Programa, deixando fora a CIG da participación nos mesmos a nivel sectorial e intersectorial, tendo unha falla de consideración polos traballadores e traballadoras galegos e os seus representantes nunha central sindical como a nosa.

No ano 2004, e coa chegada o goberno do PSOE a situación non mudou, senón que se mantivo tal e como estaba e sen vontade de corrixila.

Xa temos iniciado as accións legais pertinentes, recorrendo esta situación, e feito unha denuncia pública do pacto entre a patronal e estas centrais sindicais que encubertos tanto na Fundación estatal (FMT) como a nivel galego en Formega intentan xestionar de forma exclusiva as aportacións dos traballadores e traballadoras galegos e galegas (0,7%), deixándonos fora dos lugares onde se decide. ¿Qué pretenden que non vexamos?

Na convocatoria do 2004, so se considerou entidade valida solicitante á Fundación Estatal do Metal concedéndolle unha axuda de 35.778.631,75€. ¿Que parte desta se está a xestionar en Galiza por Formega?

Case simultaneamente no tempo que se nos excluía da xestión da Formación Continua, cursos para traballadores en activo, a nivel estatal. A Fundación privada Formega facíase coas instalacións, locais e dotacións públicas, dos antigos Fondos de Promoción de Emprego, constituídos ao abeiro dos procesos de reconversión naval e que funcionaban nas comarcas de Ferrol e Vigo. Nese mesmo lote de patrimonio público está o chalé do Freixiño en Vigo, así onde antes facíase formación agora a patronal ASIME ten a súa sede social.

A Lei establece que “os fondos líquidos resultantes trala extinción dos Fondos de Promoción de Emprego, ingresaranse no Tesouro Público, adscribíndose ao patrimonio do Estado o restante patrimonio, podéndose este último destinar a fins de formación profesional na materia que se determine polo Goberno. Si se acordase o citado destino específico consultarase as organizacións sindicais e empresariais máis representativas”. Non parece que isto sexa así, se atendemos á representación maioritaria que representa a CIG-Metal no sector, en especial naquelas comarcas nas que estaban instalados os antigos Fondos de Formación, Vigo e Ferrol, onde o noso sindicato e a primeira forza sindical. ¿Porque non se contou coa CIG-Metal?

Nesta manobra, participou non só por omisión a Xunta de Galicia, ao non querer facerse cargo do patrimonio dos antigos Fondos, senón que colabora de xeito activo ao trasladar a Formega os cursos que anteriormente se facían nos Fondos, que só no caso de Vigo son 22 por valor de 1.244.855,30€.

Formega, aparte de centrar a súa actividade na execución dos contratos-progama, dos fondos do Sector Naval, etc, tamén hai que unirlle unha área de Prevención de Riscos Laborais.

A CIG-Metal quere facer un chamamento aos metalúrxicos/as galegos/as a denunciar a discriminación que se fai o conxunto da clase obreira galega, a nosa central sindical nacionalista.

A CIG-Metal aposta por unha xestión e execución da formación na que participemos todos, con un control democrático e transparente.

A CIG-Metal convídavos a participar en todas aquelas iniciativas tendentes á mellora da Formación e á denuncia de aquelas que cremos escuras.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2005
cig.informatica