|
Actualidade CIG-Comunicación-
Adrián Sotelo Valencia é profesor-investigador do Centro de Estudos Latinoamericanos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais do UNAM (México). Ten publicado numerosos artigos e estudos sobre o estado actual do mundo do traballo. É autor, entre outros, de “México, dependencia y modernización”, “Mundialización y precarización del trabajo en la economía global” ou “Desindustrialización y crisis del neoliberalismo. Maquiladoras e telecomunicaciones”. No presente ensaio, editado pola CIG, analiza as causas que provocan que no modelo económico capitalista se xeneralicen os mecanismos de intensificación da forza de traballo e se presione a prolongación da xornada laboral que, na actualidade, está a aumentar a nivel mundial.
Segundo Sotelo, o novo “modelo” de relacións laborais e industriais introducido polas corporacións transnacionais co apoio do Estado repousa nas seguintes bases: “intesificación do traballo; aumento progresivo da xornada laboral, diminución dos salarios reais; intenso proceso de precarización da forza de traballo e do emprego, o que implica sobre todo perda de dereitos para os traballadores e aumento do desemprego e o subemprego en todas as súas formas, co consecuente aumento da pobreza”. Tal e como sinalaba na súa presentación Manuel Mera, o autor entende que “o futuro inmediato para cada vez máis sectores da humanidade é o desemprego, o emprego precario, a miseria e a superexplotación do traballo”. Para avalar todas as súas afirmacións e conclusións, Adrián Sotelo recolle en distintas gráficas a evolución dos indicadores económicos e laborais en diferentes países conferíndolle así, ao presente traballo o imprescindíbel rigor socio-económico. Sotelo adica un capítulo completo a analizar as repercusións nas condicións laborais da implantación das novas tecnoloxías e da progresiva terciarización do mundo do traballo.
Sotelo afirma que as empresas transnacionais recorren a todo tipo de medidas e mecanismos para contrarrestar os crecentes problemas que se derivan da sobresaturación e sobreprodución de mercadorías e capitais. Para cotrarrestar a caída da rendibilidade, da produtividade do traballo e da competitividade das empresas, o incremento da explotación do traballo é o obxectivo esencial.
O sociólogo mexicano entende que o estado desempeñou un papel fundamental na reestruturación do vello capitalismo posbelico para favorecer as forzas do mercado coo reitoras do proceso de acumulación de capital. “Cumprida esta tarefa”, di, “a lóxica da acumulación e as políticas do Estado e do capital implementaron, mediante as reformas neoliberais, a reestruturación produtiva e a flexibilización da forza de traballo”. O autor considera que a xestión desta última, deixou de depender cada vez máis, en canto a dereitos, prestacións e dinámica salarial, da xestión directa do Estado, para pasar a gravitar en torno ds políticas empresariais en representación directa dos intereses estratéxicos do Fondo Monetario Internacional, do banco Mundial e das corporacións multinacionais.
Adrián Sotelo considera que se produciu un debilitamento da estrutura sindical mundial e das loitas obreiras o que levou a que as políticas do capital se reestruturaran provocando que agora un obreiro “ten que traballar máis, gañando menos, para sobrevivir nun mundo individualizado e competitivo arrodeado de millóns de pobres e famentos”. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/06/2005 |