|
Actualidade / Opinión
Santiago, 10 de xuño de 2005
DESDE
O VENTRE
DA BALEA
Campaña electoral [1]: apuntamentos no seu ecuador
O nacionalista Anxo Quintana queda só nos
debates, só porque tanto Fraga como Touriño saben que nunha campaña con contraste de ideas
e programas o BNG ten todos os ases da baralla. Nin no debate da cadea SER nin no da TVG compareceron os candidatos
do PP e do PSOE á Presidencia da Xunta. Quin semella armado de paciencia e de argumentos para se bater cos
seus adversarios de menor rango e saír airoso. Vencedor nun combate do que os outros escapan, porque falar
de política nesta campaña é un ben escaso.
| |
 |
| La Voz de Galicia e Sondaxe sacan da manga o
dato da suposta non influencia da ‘cuestión Prestige’ á hora de os galegos e galegas iren votar o
19 de xuño. Esquecen deliberadamente que aquí ninguén esquece nin o chapapote nin o ‘Nunca
Máis’, por moito que medios de comunicación como La Voz de Galicia leven tempo varrendo este asunto
para debaixo da alfombra. Iso si, varrendo con dilixencia a cambio dun montante importante de diñeiro público
da Xunta de Galiza, como se coñecía non hai demasiados días. |
| |
Un.
Fraga Iribarne recorre á metralla electoraleira e vai á cerna do idioma construído polo noso
pobo e dispara un ‘mexa por nós e temos que dicir que hoxe’ (perpetrando ao propio Castelao). Fraga, curiosamente
el, a quen Galiza nunca lle coubo na cabeza, máis preocupado polo servizo inmaculado á patria española
desde a caverna da ditadura franquista. A prensa española e a cipaia, os políticos españois
e os cipaios, alporízanse e falan de “escatoloxía” ao se referir á frase de Fraga. Eles descoñecen
Galiza e descoñecen as reviravoltas dunha lingua, o galego, que leva anos reinventándose desde os
seus primeiros tatexos coma tal hai uns mil anos.
Dous. As enquisas que se fan públicas (diariamente a do Instituto Opina e a
de Sondaxe) fan que o PP sinta na caluga o frío da derrota electoral. Sen maioría absoluta non parece
posíbel gobernar Galiza para a dereita españolista. Un estremecemento percorre o espiñazo
do director de campaña do PP, o lalinense Xosé Crespo, que se apresta a declarar que nestes momentos
existe un “empate técnico”. Esquece que son maioría cualificada os que declaran abertamente que “queren
outra cousa” para o Goberno autonómico galego.
Tres. Paco Vázquez segue teimando en lle facer a cambadela ao seu actual xefe
de filas, o candidato Pérez Touriño, de quen abraia a súa manía de verse presidente
como se realmente o merecese, despois de catro anos de silenciosa oposición, ao remolque do nacionalismo
galego no Parlamento e nas rúas. Vázquez, en troca, fala do seu compromiso “hasta las cachas” con
Pérez Touriño, aínda que na súa boca semella o abrazo do oso. Vox populi é que
o candidato Touriño se viu desprazado á lista de Pontevedra porque o ínclito alcalde herculino
impuxo “un dos seus” encabezando a lista coruñesa. Por certo que rachando o seu tradicional mutismo no Senado
español, cámara da que é membro electo, o absentista Paco Vázquez decidiu tomar a palabra,
co único fin de que se lucise a Ministra de Medio Ambiente (no Pleno do Senado do 8 de xuño de 2005).
En eleccións, é ben sabido que todo vale. A pregunta na súa literalidade foi “¿Qué
actuaciones está desarrollando el Ministerio de Medio Ambiente en la Costa da Morte en Galicia?”. Os escasos
segundos que durou interpelación no Senado se cadra sexan os únicos en que interveña o alcalde
coruñés en catro anos como senador.
Catro. O nacionalista Anxo Quintana queda só nos debates, só porque tanto
Fraga como Touriño saben que nunha campaña con contraste de ideas e programas o BNG ten todos os
ases da baralla. Nin no debate da cadea SER (de inclinación filo-socialista) nin no da TVG (canle pública
viciada e abertamente ‘pepeira’), compareceron os candidatos do PP e do PSOE á Presidencia da Xunta. Quin
semella armado de paciencia e de argumentos para se bater cos seus adversarios de menor rango (até o de
agora, Núñez Feijoo e Méndez Romeu) e saír airoso. Vencedor nun combate do que os outros
escapan, porque falar de política nesta campaña é un ben escaso.
Cinco. É continuo o desembarco en Galiza das hostes de PP e PSOE a nivel estatal.
Presidentes de partido, de Goberno, secretarios varios, todos co fin último de dar un empurrón a
Fraga e a Touriño, que seica non abondan para turrar ben do electorado galego. O PP mesmo tivo a graza de
traer a unha desas fanáticas e fundamentalistas, da liña ‘mayororejista’ do Partido, que deitou bile
e estupideces contra o nacionalismo galego amparada nunha suposta ‘liberdade de expresión’ que a outros
lles é coutada ou simplemente negada.
Seis. La Voz de Galicia e Sondaxe sacan da manga o dato da suposta non influencia da
‘cuestión Prestige’ á hora de os galegos e galegas iren votar o 19 de xuño. Esquecen deliberadamente
que aquí ninguén esquece nin o chapapote nin o ‘Nunca Máis’, por moito que medios de comunicación
como La Voz de Galicia leven tempo varrendo este asunto para debaixo da alfombra. Iso si, varrendo con dilixencia
a cambio dun montante importante de diñeiro público da Xunta de Galiza, como se coñecía
non hai demasiados días.
Sete. O nacionalismo galego, o BNG, vén sendo nos últimos oito anos -dúas
lexislaturas- a segunda forza política en canto a representación parlamentaria na Cámara galega.
Calquera observador non moi informado que se achegase estes días á campaña das eleccións
autonómicas dificilmente chegaría a coñecer este dato. Os medios de comunicación, como
parte da engranaxe do sistema, pugnan en facer invisíbel o nacionalismo galego. Xa durante toda a lexislatura
tentaron facelo. Á maquinaria do bipartidismo en clave españolista amólalle supinamente a
existencia máis que consolidada do BNG. Ladran e o nacionalismo galego, malia todo, cabalga.
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2005.
Rafa Villar é escritor e responsábel
do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
|