|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Dous. A falta de avoa, o “ex-golfiño” Cuíña gábase a si mesmo en acto público. Iso acontece nas terras do Deza ante a ollada perdida dun tal Mariano Rajoy, quen nun exercicio para bos entendedores, á resposta da posíbel sucesión de Fraga, lembra onde estaban onte e onde están hoxe el e mais un tal Xosé Cuíña. Tres. En toda campaña hai espazo para os ‘frikis’. O espazo radiofónico do CDS é unha mostra evidente: esas voces de ultratumba, ese uso do pertinaz castelán e, sobre todo, sobre todo, esa cancionciña antediluviana: “Vota CDS / Vota Libertad / Vota por el Centro Democrático y Social...”. Non menos ‘frikis’ son os patéticos chamados de Baltar en prol de “Don Manuel”, con e sen trombón. Catro. A escasos días do remate da campaña, Fraga Iribarne sincérase en declaracións a unha axencia de prensa. Admite que no ano 2009 é “menos probábel” que se vaia presentar ás eleccións autonómicas. O que non clarexa é se, urnas mediante, exercería o papel voceiro da oposición conservadora tras un hipotético resultado nos comicios do día 19 que desaloxase o PP do poder autonómico. Cinco. Manifestación a manifestación o PP acentúa o seu perfil máis dereitista. Contra o diálogo para rematar coa violencia en Euscadi; contra a devolución dos papeis de Salamanca, froito do espolio franquista sobre os vencidos na Guerra (devolución que mesmo Fraga defendera aló por 1980); ou contra os casamentos das parellas homosexuais. Esta última en plena xornada de reflexión das eleccións en Galiza. O presidenciábel nacionalista, con certa retranca, reta ao PP a convocar unha manifestación contra a marxinación do noso país e en defensa do ‘Plan Galicia’. Seis. Cousas da vida fan coincidir a Anxo Quintana con Xosé Manuel Beiras na cidade de Lugo. Este último, candidato que foi do BNG á presidencia da Xunta, asina exemplares da súa obra Feira do Libro e a preguntas da prensa pide a derrota electoral de Fraga Iribarne. Non asiste ao mitin do Bloque na cidade. Como é sabido, Beiras proclamárase a encabezar a lista do BNG na Coruña ou en Pontevedra, mais a súa demanda foi desoída pola dirección e as bases nacionalistas. Do punto de vista persoal, pódese entender a súa actitude. Do punto de vista político, a súa ausencia na campaña é un desaire inxustificado á organización que durante anos puxo o mundo aos seus pés. Sete. Frústrase un novo intento de debate electoral. Desta volta, na canle pública estatal. O si de Quin é seguido dun novo non de Fraga, negativa á que se suma inexplicabelmente Touriño. Algo cheira a podre nun sistema democrático en que os candidatos non se ven obrigados a defender os seus programas e as súas políticas ante a ollada cidadá. Os que non acoden parece que algo ocultan, xa de entrada. O que non farán despois! Oito. Mariano Rajoy opaca na segunda metade da campaña a Fraga candidato. Asume un protagonismo inusual na campaña electoral galega, que non se explica pola súa procedencia pontevedresa. A razón hai que a buscar nesa suor fría da súa fronte que lle lembra que no seu cargo de actual presidente do PP está como de prestado. O ruxe-ruxe que anuncia que o vai pasar mal despois do 19 de xuño vai in crescendo. A liña política do PP segue a trazarse desde o aznarismo da FAES e Rajoy é apenas o boneco do ventrílocuo. Nove. A Pobra de Trives é escenario do penúltimo acto de censura democrática por parte do PP gobernante. O sábado 11 a Garda Civil irrompe no local onde se ía proxectar o filme ‘Hai que botalos’ e impide a devandita proxección. Todo isto a instancia do PP da localidade. Antes o propio Fraga Iribarne ameazara con posíbeis accións legais contra a Plataforma contra a Burla Negra, promotora do filme. As máis de 100.000 copias distribuídas do ‘Hai que botalos’ é o mellor antídoto contra o intento de coutar a liberdade de expresión e de opinión da sociedade galega. Como traca final, a Burla Negra decide despedir a campaña electoral polo “boto” na mesma vila onde o filme foi censurado. Dez. Os quince días de campaña e os anteriores meses anteriores de pre-campaña chegan á súa fin. Todos os prognósticos agoiran uns resultados moi axustados e a posibilidade certa da derrota nas urnas de Manuel Fraga e o PP en Galiza nunca foi tan real. O seu desgaste é máis que apreciábel. E a crise aberta tras o afundimento do Prestige foi tamén unha crise de credibilidade, da que apenas levantaron cabeza. Agora, os cidadáns e cidadás galegas, que asumimos un papel protagónico importante nos últimos tempos, temos a palabra. Temos o voto. Unha maioría social parece inclinarse cara a “outra cousa”. A sorte está botada.
|
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2005
|