Actualidade / EntrevistaVolver


A Coruña, 10 de xuño de 2005

Entrevista a Labida Cherif Kasisa
Representante da Unión Xeral de Traballadores de Saguia El Hamra e Rio de Oro (UGTSARIO)
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Foto CIG: Labida Cherif Kasisa, clic para aumentar
Labida Cherif Kasisa, representante da Unión Xeral de Traballadores de Saguia El Hamra e Rio de Oro (UGTSARIO), no IV Congreso da CIG. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Xurxo Martínez Crespo: Cando se funda a UGTSARIO?

Labida Cherif Kasisa: Comeza a súa andaina en 1973, aínda que a súa fundación oficial é en 1975.

Xurxo Martínez: Por quen está composta a UGTSARIO e cales son as principais loitas deste sindicato saharauí?

Labida Cherif: Como é de todos sabido, o pobo saharauí está mergullado nunha guerra de liberación contra o opresor marroquí. Moitos dos nosos compatriotas saharauís viven hoxe nos territorios ocupados polo exército marroquí. Alí viven e alí traballan. Denunciamos abertamente a marxinación, o despedimento, a falla de liberdade de expresión, a opresión e a detención arbitraria de moitos dos nosos sindicalistas e traballadores/as afiliados/as nos territorios ocupados.

Xurxo Martínez: Que actitude teñen os sindicatos marroquís fronte a estas arbitrariedades contra os afiliados e sindicalistas da UGTSARIO?

Labida Cherif: Estamos anoxados e abraiados pola indiferenza do sindicalismo marroquí. UGTSARIO lamenta esta posición unánime das centrais sindicais marroquís que en lugar de procurar unha saída aos innumerábeis problemas que sofren os obreiros marroquís coma o desemprego, a inxustiza e o analfabetismo, volven as costas a ese drama e fan súas todas as reivindicacións expansionistas e ilegais do réxime marroquí. Esta posición do sindicalismo marroquí, non serve para mellorar as dramáticas condicións da clase obreira, e non fai máis que mergullar máis os sufrimentos dos obreiros que pagan o 2,5% do seu modesto salario para as aventuras do réxime na rexión.

Xurxo Martínez: Daquela, os traballadores marroquís sofren a mesma sorte cativa que os saharauís en Marrocos?

Labida Cherif: UGTSARIO fixo e fai un chamamento a todos os sindicatos do mundo para que denuncien os sufrimentos dos traballadores tanto no Sáhara Occidental como en Marrocos, e contribúan cun esforzo solidario a mellorar as súas precarias condicións de vida.

Xurxo Martínez: Do 19 ao 21 de maio do ano pasado UGTSARIO celebrou o seu V Congreso; que conclusións saíron daquel Congreso?

Labida Cherif: O 5º Congreso da UGTSARIO pediulle á comunidade internacional que actúe vigorosamente para desmantelar o muro militar marroquí que separa dende hai máis de vinte anos ao pobo saharauí e divide o seu territorio nacional, muro alzado para protexer o colonialismo e os seus intereses no Sáhara Occidental.

  Combatente Fronte Polisária, clic para aumentar
Combatente da Fronte Polisária.
Zona liberada, clic para aumentar
Zona liberada.
 
Xurxo Martínez: Esta só UGTSARIO nesta loita pola independencia e polos dereitos dos traballadores saharauís?

Labida Cherif: Non estamos sos. Temos o pobo saharauí ao noso carón. Pero ademais temos o apoio de moitos outros sindicatos de clase como a Confederación Intersindical Galega de Galiza, ou sindicatos españois, vascos, cataláns, escoceses, portugueses, sindicatos que estiveron participando connosco no noso V Congreso. Non podermos esquecer a actitude valente e solidaria de Alxeria connosco, actitude que se traduce no apoio ao dereito inalienábel do pobo saharauí á autodeterminación e á independencia. Os traballos deste congreso desenvolvéronse nun ambiente de franqueza, facendo fincapé na necesidade de defender os dereitos dos traballadores nos territorios ocupados.

Xurxo Martínez: Onde fixestes o V Congreso e quen asistiu?

Labida Cherif: No campamento de refuxiados, “Escola 27 febreiro” realizouse o Congreso. Foron convidadas delegacións de varios países e a presenza indirecta dos traballadores saharauís nos territorios ocupados, e digo indirectas porque tiveron que participar no Congreso por vía telefónica.

Neste Congreso adoptouse un programa de acción para os tres próximos anos, novos estatutos, distintas mocións e a elección da dirección política desta organización sindical saharauí.

Xurxo Martínez: Os sindicatos europeos e africanos presentes no V Congreso de UGTSARIO denunciaron internacionalmente a actitude de Marrocos que obstaculiza a realización do referendo no Sahara Occidental.

Labida Cherif: Tanto os sindicatos europeos coma os africanos presentes neste 5º congreso da UGTSARIO denunciaran os obstáculos presentados por Marrocos contra a aplicación das resolucións da ONU verbo da organización dun referendo no Sáhara Occidental, declarando as distintas organizacións sindicais presentes no Congreso que as tentativas de Rabat de subtraerse á legalidade internacional constitúen un desprezo para a comunidade internacional.

Nunha declaración conxunta asinada por varios sindicatos europeos e africanos, presentes neste congreso, denuncian con forza os obstáculos e terxiversacións presentados polo Goberno marroquí contra a aplicación dos acordos que asinou coa Fronte Polisaria baixo os auspicios das Nacións Unidas.

Xurxo Martínez: É triste pero todas estas declaracións de rexeitamento, como podemos ver, quedan só en declaracións baleiras sen contidos e sen feitos na realidade que permitan obrigar a Marrocos a acatar as leis internacionais.

Labida Cherif: Si e non. A nosa loita, como pobo oprimido e traballadores explotados é curta, só vintecinco anos, e longa asemade pola forza que precisa.

Os asinantes acordaron reclamar da Organización Internacional do Traballo que envíe unha misión de investigación verbo das condicións de traballo nos territorios ocupados dea República Árabe Sahariana Democrática.

Exixíronlle (non lle recomendaron) ao reino de Marrocos que se poña a dereito, seguindo as disposicións das convencións internacionais en materia de dereitos humanos, moi especialmente desvelando a sorte de máis de cincocentos desaparecidos saharianos e liberando inmediata e incondicionalmente a todos os presos políticos que mantén nas súas cadeas.

  Cartaz Referendo Sáhara, clic para aumentar
Cartaz polo Referendo no Sáhara: “El Pueblo Saharaui necesita 8.000 observadores que garanticen un Referéndum libre, trasparente e imparcial en el Sáhara Occidental”.
 
Xurxo Martínez: Quen poden incidir positivamente na resolución do referendo verbo do Sahara Occidental?

Labida Cherif: O comunicado pídelle á ONU que se comprometa activamente xunto ao pobo da República Sahariana na súa loita pola autodeterminación, conforme as disposicións da Carta da ONU e as resolucións da Asemblea Xeral e do Consello de Seguridade, apoiando os esforzos do secretario xeral da ONU e do seu enviado persoal para a aplicación do "Plan para a autodeterminación do Pobo do Sáhara Occidental contido na resolución 1495 do Consello de Seguridade".

Pídenlle á Unión Africana, parte observadora do Plan de Arranxo Inicial, que "traballe para conseguir que a ONU se comprometa máis para pór fin á ocupación do territorio da República Sahariana polo Reino de Marrocos".

Tamén á Unión Europea, aos Gobernos e europeos para que se comprometan máis na aplicación das resolucións das Nacións Unidas e da Unión Europea a prol da libre determinación do pobo sahariano, e consigan que o Goberno marroquí respecte os dereitos humanos da poboación civil sahariana nos territorios que ocupa, e permita o libre acceso da prensa internacional e dos observadores independentes ao territorio, así como a garantía das liberdades sindicais dos traballadores saharianos.

O texto do comunicado exíxelle ao Goberno do Estado español que asuma plenamente a súa responsabilidade histórica e xurídica respecto do pobo sahariano, procedendo a recoñecer á República Sahariana como resposta clara aos obstáculos postos polo reino de Marrocos contra o bo desenvolvemento do proceso do Plan de Paz no Sáhara Occidental.

Xurxo Martínez: Existe ademais unha epígrafe dedicada aos traballadores dentro do rexeitamento á política marroquí.

Labida Cherif: Si. Condenaron, ademais das violacións dos dereitos humanos e as exaccións cometidas contra a poboación civil sahariana dos territorios ocupados en xeral, máis particularmente as violacións cometidas contra os traballadores, incluíndo as desaparicións forzosas, detencións arbitrarias, a tortura e os tratos inhumanos e degradantes, así como a falla de liberdade de expresión e de circulación.

Xurxo Martínez: O 5º Congreso de la Unión Xeral de Traballadores de Saguia El Hamra e Río de Oro estivo marcado por un forte compoñente político e de respaldo internacional dos traballadores e os seus sindicatos.

Labida Cherif: O 5º Congreso elixiu como secretario xeral ao saínte, Mohamed Chej Mohamed Labib, por diante dos outros tres candidatos, Labada Keziza, Hama Dedi e El Koria Ahmed Labeid, elixindo ademais a seis membros da súa xunta executiva.

Os congresistas foron unánimes ao demostraren unha gran vontade de redobrar os esforzos e afondar na loita para que os nosos lexítimos dereitos á autodeterminación e á independencia. Reclamamos á intervención da comunidade internacional para deter o espolio sistemático das riquezas do subsolo sahariano.

Os traballadores saharianos nas sesións do seu 5º Congreso estiveron asistidos por varios convidados dos sindicatos europeos e africanos que subliñaron a legalidade da loita saharauí pola súa independencia e reafirmaron o seu apoio á causa.

O Congreso recibiu varias mensaxes de apoio da Unión de Traballadores Alxeriana, a Unión de Traballadores da Produción alemana, o Congreso do Traballo Canadiano, a Unión de Traballadores Australianos, a Confederación Xeral do Traballo italiana, a Confederación de Sindicatos Cristiáns belga e, desde logo, á Confederación Intersindical Galega.

Xurxo Martínez: Que máis pode agardar o mundo do pobo sahariano?

Labida Cherif: O noso presidente, Mohamed Abdelaziz, convidou os traballadores saharianos alí onde estean aos maiores sacrificios e abnegación para conseguir a independencia nacional a pesar da " máquina represiva marroquí".

Abdelaziz considera que xuntanzas coma o noso 5º Congreso deben definir os mellores camiños para "realizar os nosos obxectivos, arrincar a nosa independencia e construír os alicerces do futuro Estado sahariano independente".

Denunciou a práctica sistemática e a represión brutal contra nosa xente sen defensa nas zonas ocupadas e ao sur de Marrocos, sometidas dende hai décadas a detencións arbitrarias, secuestros, axuizamentos inicuos, torturas e intimidacións.

Xurxo Martínez: Nestes derradeiros días a Fronte Polisaria ocupa moitas informacións nos medios internacionais., incluso tentaron unha comparación con ETA, se cadra pola súa “intransixencia”.

Labida Cherif: No noso 5º Congreso sindical quixemos recordar a todos as principais etapas da dinámica do proceso referendario dende o inicio da tregua. O presidente da República subliñou que Marrocos decote insistiu nunha actitude de fuxida cara a adiante, nunha actitude intransixente.

Malia os riscos do Plan para a autodeterminación do pobo do Sáhara Occidental presentado por James Baker, foi aceptado pola Fronte Polisaria, mentres que Marrocos, apoiado por Francia, intenta baleiralo do seu contido.

Marrocos é responsábel desta posición de intransixencia, todos somos conscientes dela. Reclamamos da comunidade internacional que asuma as súas responsabilidades impoñendo a aplicación das resolucións da ONU e permitindo ao pobo sahariano que exerza o seu lexítimo dereito á autodeterminación con toda liberdade, democracia e transparencia, para pór fin deste xeito á descolonización do último reduto colonial no noso continente.


Xurxo Martínez Crespo.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2005
cig.informatica