ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 23 de xullo de 2005

Considera que a falta de prevención causou a morte do traballador o martes 19 de xullo
A CIG denuncia ás empresas encargadas das obras do Porto Exterior de A Coruña

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Drace, clic para aumentar
A CIG pide que se “exixa ás empresas implicadas, tanto á UTE como as subcontratas, a seguinte documentación: avaliación inicial de riscos, conseguintes avaliacións de riscos a medida que se foron variando as características do terreo, plano de evacuación no caso de derrubamento, plano de prevención e planificación de actividade preventiva para o ano 2005 de todas as empresas implicadas e certificación de ter recibido por todos os traballadores, e polo falecido, a cumprida formación en función dos riscos específicos do seu posto de traballo e, por conseguinte, certificación de ter recibido a información acaída”.
 
A CIG vén de presentar denuncia contra as empresas EQUICONS SL e a UTE conformada por DRAGADOS (GRUPO ACS), SATO (GRUPO OHL), COPASA E DRACE (tamén de ACS) pola morte do traballador nas obras do Porto Exterior de A Coruña e demanda a paralización das obras.

A denuncia, presentada con data de 21 de xullo de 2005 por Victorino Ares Pardo, en calidade de secretario comarcal da Federación da Construción e Madeira de A Coruña, sinala que:

1. O pasado 19 de xullo produciuse un accidente mortal na obra de construción do Porto Exterior en Punta Langosteira, tras precipitarse un camión ao mar nunha das zonas de recheo ao esboroarse a pista pola que circulaba o camión. A día de hoxe, segue desaparecido o camión e o corpo do falecido.

2. Que realizada a visita á zona e comprobadas algunhas informacións que tiñamos recibidas, constátase o incumprimento grave, entre outros, da Lei de Prevención de Riscos Laborais e o Real decreto 1627/1997, de 24 de outubro, polo que se estabelecen as disposicións mínimas de Seguridade e a Saúde nas obras de construción, e demais normativa de desenvolvemento.

a) En canto a risco en concreto, resulta evidente que este risco existindo, non estaba avaliado, ou no sei caso foi trivializado, ao non atender á acción do mar.

b) En canto ás medidas preventivas, obsérvase que non existía medida algunha de carácter colectivo, xa que non existe nin valado da zona nin sinalización.

c) En canto ao deber de información-formación dos riscos específicos do posto de traballo, intuímos ausencia de información aos traballadores.

3. Que é clamoroso o incumprimento das obrigas de coordinación en materia de seguridade e saúde laboral na execución desta obra, segundo o artigo 9 e 10 do RD 1627/1997. Así mesmo, dedúcese tamén un incumprimento do artigo 7, en canto ao papel da Autoridade Portuaria, titular da obra.

Polo exposto, SOLICÍTASE,

Que teña por presentada esta denuncia e proceda de inmediato a practicar as visitas oportunas ao lugar dos feitos para que se faga unha primeira inspección ocular antes de que se adultere o escenario do accidente.

Por outra banda, que se exixa ás empresas implicadas, tanto á UTE como as subcontratas, a seguinte documentación: avaliación inicial de riscos, conseguintes avaliacións de riscos a medida que se foron variando as características do terreo, plano de evacuación no caso de derrubamento, plano de prevención e planificación de actividade preventiva para o ano 2005 de todas as empresas implicadas e certificación de ter recibido por todos os traballadores, e polo falecido, a cumprida formación en función dos riscos específicos do seu posto de traballo e, por conseguinte, certificación de ter recibido a información acaída.

Por ultimo, proceda esta inspección á paralización das obras como medida cautelar, xa que do accidente acontecido se deduce improvisación en materia de seguridade e a previsíbel aparición de novos riscos en atención ás especiais características desta obra ao ser marítima e nunha zona de importante bravura do mar.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/07/2005
cig.informatica