|
Actualidade CIG-Comunicación-
Diante das graves repercusións que tería a descomposición da empresa, non só para os traballadores, senón tamén para os usuarios, a sección de Transportes da FGAMT está mantendo reunións con todos os alcaldes dos concellos afectados. Coa operación de venda ante notario, que aínda non foi certificada porque non ten a autorización da Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galiza, o servizo distribuíuse entre as empresas adquirintes: Autos Vázquez, que leva a parte máis importante; Autos Carballo, cun peso menor, e Monbus. Ernesto López Rei, secretario comarcal da FGAMT de A Coruña advirte que diste xeito “non está garantido que se manteñan as liñas” e que “cada empresa xestionará os seus tráficos independentemente das outras empresas”, co que podería ocorrer que “un usuario colla un autobús e teña que baixar dúas e até tres veces até chegar a A Coruña”. Alén do deterioro das relacións laborais e de que aínda non se abonaron nin as dietas nin as pagas extras, por lei os postos de traballo deberían estar garantidos. Porén, o secretario comarcal da FGAMT sinala que tampouco a este respecto se sabe o que pode acontecer. Un deterioro do servizo que prestaba Arriva Noroeste prexudicaría a A Coruña e a súa comarca, máis todos os enlaces coa Costa da Morte, Ferrolterra e Lugo. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/07/2005 |