Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 30 de xullo de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Blair: licenza para matar

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Sábese agora que o goberno Blair implantara o “tirar a matar” como método de traballo das súas forzas da orde xusto despois do 11-S, suponse que como contribución do ‘neo-laborismo’ británico á aniquilación da democracia ou a subversión do seu propio estado de dereito. A xustificación de Blair segue o ronsel da doutrina da ‘guerra preventiva’ lanzada por Bush.



  Blair o mentireiro, clic para aumentar
Baixo o disfrace da defensa da seguridade, Blair deu unha nova volta de parafuso á limitación dos dereitos e liberdades dos cidadáns, circunstancia que adquire a súa face máis dramática na execución dunha persoa, polo simple feito de existiren unhas vagas sospeitas policiais acerca das súas intencións.
 
Hai uns días a policía inglesa abatía unha persoa en Londres. Supostamente por se tratar dun ‘terrorista’ pronto a executar unha acción. Sete ou oito tiros, e suponse que ningunha pregunta, acabaron coa vida dun malpocado migrante de orixe brasileira, radicado desde había un tempo na cidade de Londres. Máis unha vez, a policía disparou e se cadra despois preguntou.

O relevante desta criminal actuación policial é que estaba guiada por unha decisión política. Sábese agora que o goberno Blair implantara o “tirar a matar” como método de traballo das súas forzas da orde xusto despois do 11-S, suponse que como contribución do ‘neo-laborismo’ británico á aniquilación da democracia ou a subversión do seu propio estado de dereito. A xustificación de Blair segue o ronsel da doutrina da ‘guerra preventiva’ lanzada por Bush, que deu lugar a ese Vietnam do século XXI chamado Iraq.

Baixo o disfrace da defensa da seguridade, Blair deu unha nova volta de parafuso á limitación dos dereitos e liberdades dos cidadáns, circunstancia que adquire a súa face máis dramática na execución dunha persoa, polo simple feito de existiren unhas vagas sospeitas policiais acerca das súas intencións.

Das declaracións do propio primeiro ministro inglés e dos responsábeis ministeriais e policiais, tírase a conclusión de que este feito, o asasinato dun cidadán, vai quedar impune, mentres se insiste na teima de afondar en vías represivas que colocan baixo sospeita (e tamén baixo a ameaza de ser disparado) a todo aquel cidadán que na subxectivísima estimación da policía poida ser considerado como “perigoso para a seguridade”.

Día a día imos vendo como a suposta ameaza do ‘terrorismo islámico’ se vai convertendo nunha espléndida coartada para o recorte de liberdades e de dereitos no mundo occidental. Gobernantes como Bush, Blair, Berlusconi... empregan habilmente as súas armas mediáticas para inocular nos seus propios pobos o virus da non resposta ante esta deriva totalitaria, e as marxes contestarias son cada día máis estreitas: “ou comigo ou contra min”.

Os ‘señores da guerra’ non só disparan e bombardean pobos indefensos de Oriente Medio, senón que tamén manteñen os canóns apuntando sobre as súas propias poboacións, e isto forma parte do xogo imperialista que ten como taboleiro o mundo.


Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/07/2005