Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 22 de xullo de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Na solaina dun novo Día da Patria

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


O próximo Estatuto que se espera para o noso país debe recoller sen ambigüidades a nosa realidade nacional, como previsibelmente o farán os Estatutos vasco e catalán, xa máis avanzados na súa redacción. Hoxe por hoxe, e máis alá de posicionamentos tácticos e de calquera horizonte estratéxico, o nacionalismo galego non pode pasar por menos.



  Foto CIG: Posto CIG no Festigal 2003, clic para aumentar
O espazo institucional gañado polo nacionalismo -agora coa asunción de responsabilidades (compartidas) no goberno da Xunta-, con ser importante, precisa dun impulso social que o complemente e do que aquel debe ser espello. Desfacerse dos lastres que hoxe en día eivan a moitos sectores da sociedade do noso país é tarefa común a todo o nacionalismo, como o é afondar no proceso de auto-recoñecemento da identidade nacional de Galiza. (Foto: Posto CIG no Festigal 2003. ©galizacig.com).
 
O nacionalismo galego chega este ano ao 25 de xullo, Día da Patria, cun escenario político novo e diferente. A derruba do goberno do PP en Galiza abriu portas e ventás a un acordo de goberno entre PSOE e BNG, que conformarán en apenas uns días unha nova Xunta de Galiza e, polo tanto, darán paso a un novo momento político para o país.

Esta novidosa etapa -definida por uns e outros como ‘cambio’- dáse nunha conxuntura estatal marcada por unha redefinición da cuestión territorial no Estado español, esgotado o tempo do “café para todos” (a decadente ‘España autonómica’). O propio borrador do acordo de goberno entre PSOE e BNG fai unha referencia explícita á realidade plurinacional do actual Estado español e ao “carácter nacional” de Galiza.

Parece obxectivo irrenunciábel do nacionalismo galego nos próximos anos a emerxencia da nación galega, tantos anos ausente de calquera debate político de calado, por mor dunhas institucións propias eivadas en si mesmas, captivas aos intereses da dereita reaccionaria e españolista que gobernou case de xeito ininterrompido a Xunta desde o seu nacemento.

Polo tanto, o próximo Estatuto que se espera para o noso país debe recoller sen ambigüidades a nosa realidade nacional, como previsibelmente o farán os Estatutos vasco e catalán, xa máis avanzados na súa redacción. Hoxe por hoxe, e máis alá de posicionamentos tácticos e de calquera horizonte estratéxico, o nacionalismo galego non pode pasar por menos. E o co-goberno na Xunta de Galiza debe servir para que a sociedade tamén visualice isto, a Galiza nación.

Será tamén responsabilidade de todos, non só do nacionalismo político, camiñar nesa dirección, pondo en valor os nosos trazos identitarios propios e autoconstituíndonos como un suxeito político de pleno dereito. O espazo institucional gañado polo nacionalismo -agora coa asunción de responsabilidades (compartidas) no goberno da Xunta-, con ser importante, precisa dun impulso social que o complemente e do que aquel debe ser espello. Desfacerse dos lastres que hoxe en día eivan a moitos sectores da sociedade do noso país é tarefa común a todo o nacionalismo, como o é afondar no proceso de auto-recoñecemento da identidade nacional de Galiza.

Do dito, que ninguén extraia como conclusión á supeditación ao proxecto do nacionalismo político dos actores sociais actuantes en Galiza, o cal sería un erro estratéxico importante de difícil emenda. Máis ben ao contrario, os movementos sociais e outros actores da nosa sociedade terán que amosar a súa vitalidade activa e mobilizadora no seus ámbitos propios de actuación, na procura de ampliar a rede social existente e ir tecendo novas redes de influencia social en Galiza, redes que, desde a convición nacionalista, contribuirían a desmontar as clientelares e caciquís que a dereita leva historicamente enguellando.

Nesta primeira década do século XXI, o nacionalismo galego debería ser quen de trazar a súa propia “folla de ruta” do proceso emancipador, “folla de ruta” necesaria e imprescindíbel para poder deseñar intelixentemente a axenda política e social do movemento nacionalista no seu conxunto.

Estas son, ao meu ver, cuestións a lembrar cara á conmemoración dun novo Día da Patria, unha data en que a reivindicación da soberanía de Galiza se volve no auténtido ‘leit motiv’ da mobilización nacionalista.


Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/07/2005