Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 15 de xullo de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Obxectivo: Londres

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Os tráxicos sucesos de Londres -unha acción terrorista sen lugar a dúbidas- destapan de xeito dramático unha orde internacional terribelmente inxusta, que as elites políticas e económicas occidentais levan tempo modelando. Baixo a sombra da globalización neoliberal, roupaxe do actual imperialismo, medran as desigualdades no mundo, e amplas rexións ou continentes enteiros como África son os auténticos ‘condenados da terra’ do século XXI.



  Londres, clic para aumentar
Ao final, o terríbel é chegar á conclusión de que o que dá ás ao ‘terrorismo islámico’ non son nin moito menos os discursos que se dean nunha mesquista, por máis incendiarios que sexan, senón as políticas que se deseñan en despachos occidentais, como o Despacho Oval da Casa Branca ou o presidencial en Downing Street. Non ver isto, poderíanos abocar a unha estigmatización absurda do mundo árabe, de consecuencias impredicíbeis para o futuro dos pobos do planeta.
 
O atentado que se produciu en Londres hai unha semana (o día 7 de xullo) merece, ademais da lóxica condena e da solidariedade coas vítimas (fundamentalmente, a clase traballadora londinense), unha avaliación nos seus xustos termos, fuxindo de toda propaganda e manipulación interesada.

Que a prensa británica na súa maioría se aprestase a desvincular o atentado na ‘City’ da guerra e invasión de Iraq -en consonancia coas directrices do Goberno Blair- é querer deformar a realidade dos feitos, xusto cando máis necesario se fai que estes se coñezan en toda a súa extensión. A devandita guerra non foi senón un paso máis na humillación dos pobos árabes, que senten día a día a impotencia de soportaren situacións de miseria, fame ou explotación, ademais de dominación política e mesmo cultural.

Desarmar o chamado ‘terrorismo islámico’ é desarmar conflitos e situacións como as de Iraq, Palestina, Afganistán... onde o sufrimento real de moitos pobos árabes é caldo de cultivo para fundamentalismos varios e para a promoción de activistas de toda índole, algúns dos cales recorren ao terror ou mesmo á autoinmolación.

Os tráxicos sucesos de Londres -unha acción terrorista sen lugar a dúbidas- destapan de xeito dramático unha orde internacional terribelmente inxusta, que as elites políticas e económicas occidentais levan tempo modelando. Baixo a sombra da globalización neoliberal, roupaxe do actual imperialismo, medran as desigualdades no mundo, e amplas rexións ou continentes enteiros como África son os auténticos ‘condenados da terra’ do século XXI.

Oriente Medio é unha desas rexións golpeadas polo atraso secular, a explotación das súas riquezas e o sometemento de moitos dos seus pobos. Por se iso non fose pouco, moitos países tras a súa descolonización soportan réximes autoritarios e represivos. A construción, a sangue e lume, dun estado como o de Israel en terras palestinas respondeu á lóxica imperialista da época, máis alá da construción teórica da ideoloxía sionista que lle deu forma. Hoxe Israel, fiel aliado do imperialismo norteamericano, é se cadra o foco de maior desestabilización de Oriente Medio, pola súa política de sometemento do pobo palestino, e que se deixa sentir en toda a rexión.

As aventuras militares do imperialismo en Afganistán e Iraq nos últimos anos, coa súa conseguinte carga destrutiva sobre eses pobos, exacerbaron en moitos lugares o odio contra ‘Occidente’, mais isto non se pode ver (como fan algúns fanáticos do actual ‘status quo’ imperial) como un “choque de civilizacións”. O que representa hoxe ‘Occidente’ para os pobos árabes vai bastante máis alá dunha realidade histórica, cultural e relixiosa, conformada en varios séculos. Para eles, ‘Occidente’ non é nin máis nin menos que o mantedor da actual orde internacional -imperialista- que atenta contra o seu benestar social, contra as súas identidades culturais, lingüísticas e relixiosas e, en definitiva, case contra a súa existencia.

Ao final, o terríbel é chegar á conclusión de que o que dá ás ao ‘terrorismo islámico’ non son nin moito menos os discursos que se dean nunha mesquista, por máis incendiarios que sexan, senón as políticas que se deseñan en despachos occidentais, como o Despacho Oval da Casa Branca ou o presidencial en Downing Street. Non ver isto, poderíanos abocar a unha estigmatización absurda do mundo árabe, de consecuencias impredicíbeis para o futuro dos pobos do planeta.


Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/07/2005