ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 30 de xullo de 2005

A CIG demanda a inhabilitación de Adolfo Campos Panadeiro, alcalde da vila
Sentenciado o Concello de Dozón a indemnizar con 6.000 euros a Ana Lois Navaza por acoso moral

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Foto CIG, clic para aumentar
A CIG vén de presentar a valoración da sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o pasado 27 de xullo (...) A sentenza recolle como probado que o alcalde de Dozón, Adolfo Campos Panadeiro, do Partido Popular “adoptou unha serie de actitudes, resolucións, e ordes de traballo que afectaban a aspectos profesionais da funcionaria (Ana Lois Navaza), como descanso matinal, modificación de xornada, traslado do lugar de traballo, sancións disciplinarias e supresión de complementos”, tras presentarse esta como candidata nas listas electorais do BNG do Deza. (Na foto, de esquerda a dereita: Elvira Patiño, Xosé Carlos Crespo, Henrique Outeiral e Ana Lois Navaza. ©galizacig.com 29/07/2005).
 
A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir sentenza contra o Concello de Dozón declarando o dereito da funcionaria do Concello, Ana Lois Navaza, a percibir unha indemnización de 6.000 euros por acoso moral. Con esta, son xa 25 as sentenzas a favor da traballadora, sen que teña mudado a situación de acoso que padece no Concello.

A CIG vén de presentar a valoración da sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o pasado 27 de xullo, na que se conclúe que existe “unha manifesta responsabilidade patrimonial da Administración demandada” e cuantifica a indemnización a pagar polo Concello de Dozón en 6.000 euros.

A sentenza recolle como probado que o alcalde de Dozón, Adolfo Campos Panadeiro, do Partido Popular “adoptou unha serie de actitudes, resolucións, e ordes de traballo que afectaban a aspectos profesionais da funcionaria (Ana Lois Navaza), como descanso matinal, modificación de xornada, traslado do lugar de traballo, sancións disciplinarias e supresión de complementos”, tras presentarse esta como candidata nas listas electorais do BNG do Deza.

Estas actuacións foron anuladas e o alcalde foi condenado por esta actitude por falta de inxurias, quedando demostrado que a síndrome adaptativa e depresiva que padece a traballadora foi provocada pola problemática “laboral que viu sufrindo”, ao igual que o stress laboral “do que tampouco cabe dúbida que deriva da tensión vivida coa alcaldía”.


Actitude antidemocrática

O acoso moral e laboral continuado que vén padecendo a traballadora remóntase ao ano 1999, data na que por vez primeira, no Concello de Dozón, se conseguen presentar candidaturas polo BNG -que pecha a traballadora- e polo PSOE.

Henrique Outeiral, membro da Executiva Comarcal da CIG na comarca de Pontevedra, subliña que a partir dese momento comeza a presión, porque “Adolfo Campos Panadeiro, estaba afeito a que só se presentara a candidatura do PP e non comprendeu nunca o que é a democracia nin o que significa a alternancia no poder”.

A situación empeora cando Ana Lois Navaza participa na candidatura da CIG nas eleccións sindicais no Concello de Dozón. A partir dese momento, ademais de presentar as denuncias correspondentes, a CIG pon en marcha unha campaña de mobilizacións, folgas, manifestacións, peches nos plenos e concentracións que derivaron, segundo Outeiral “nunha cada vez maior represión sobre a traballadora mesmo coa apertura de expedientes disciplinarios que foron anulados pero que supuxeron, mentres non se emitía fallo, a suspensión do soldo da traballadora durante períodos que chegaron até os sete meses”.

Outeiral denunciou ademais que hai outros catro traballadores que sofren acoso moral, aínda que o caso de Ana Lois é o máis grave. A todos eles impídeselles realizar o traballo para o que estaban destinados e “para desenvolvelo a alcaldía contratou a persoal laboral”, explicou Outeiral.

O BNG levou en varias ocasións o tema ao Parlamento de Galiza e mesmo chegou a presentalo no Congreso dos Deputados, sen que se actuara sobre o alcalde para obrigalo a cumprir coa legalidade ou para inhabilitalo.


Actitude da Inspección

Pola súa banda, Elvira Patiño, secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais da CIG, denunciou a pasividade coa que actúa a Inspección de Traballo, “máis cando se conseguiu -mediante sentenza xudicial- que se recoñecera como accidente laboral a síndrome adaptativa e depresiva que padece a traballadora”.

Patiño subliñou que cando se produce un accidente laboral a Inspección debe procurar que as causas que o provocaron se solventen para que non se volva reproducir, cousa que neste caso non aconteceu. A CIG demandará tamén do novo goberno da Xunta “que actúe e dea unha solución á compañeira”, facendo uso da lexislación aprobada polo propio Parlamento.

Para a secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais da CIG tamén é incomprensíbel que a fiscalía non actúe afirmando que non hai indicios de delicto cando 25 sentenzas, con esta, recoñecen a existencia de acoso e a actitude do alcalde. Neste sentido, Elvira Patiño adiantou que a CIG seguirá recorrendo ás instancias xudiciais até conseguir que se inhabilite ao alcalde de Dozón, Adolfo Campos Panadeiro.

Ao tempo, lamenta que teña que ser o pobo de Dozón, a través do Concello “quen asuma a responsabilidade patrimonial de indemnizar á traballadora con 6.000 euros, pola actitude impresentábel do alcalde”.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/07/2005
cig.informatica