|
Actualidade CIG-Comunicación-
A CIG de A Coruña visitou o lugar do accidente o propio 19 de xullo e constatou a falta de medios máis absoluta e o desamparo no que está a familia, á que “non se lle deu ningún tipo de explicación por ningún responsábel da empresa nin de ningunha autoridade pública”, explica Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña. Nesa visita a CIG tamén puido comprobar e denuncia que “non está operativo ningún servizo serio e urxente de busca do cadáver nin tampouco existe asistencia algunha á familia, presente no lugar todo o tempo”. Paulo Carril denuncia a falta “clamorosa e grave de todo tipo de medidas de seguridade tanto no mar como en terra nos traballos que se están a realizar nesta obra de grande magnitude” e o ritmo frenético das obras, con xornadas por traballador de máis de 12 horas e as precarias condicións de traballo. Ademais, Carril engade que a sinalización é nula e que tampouco existe un plano de prevención dos riscos que esta obra conleva tendo en conta a intensidade e bravura coa que bate o mar nas zonas de traballo. A CIG de A Coruña anuncia que precederá de inmediato a formular denuncia na Inspección de Traballo por todos estes graves feitos e “imos solicitar a paralización das obras mentres non se tomen as medidas de seguridade oportunas, porque en caso contrario é evidente que os acidentes desgraciadamente continuarán”, explica Carril. A CIG tamén demanda que a Fiscalía actúe de inmediato e xa acordou presentarse como acusación particular na causa que contra os responsábeis deste accidente se abra. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/07/2005 |